‘Na saúde e na enfermidade’ vs ‘Puto tumor’

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Na saúde e na enfermidade’ vs ‘Puto tumor’

‘Na saúde e na enfermidade’ vs ‘Puto tumor’

Estetoscopio. JAASLEN KAUR/FLICKR.

Primeira xornada. Grupo A. César Ariza contra Amador Castro. Tema: Enfermidade

Na saúde e na enfermidade

Cando o cura dixo «na saúde e na enfermidade», o Benigno tomouno como unha premonición e procedeu axiña a comprobar o correcto funcionamento do corazón, premendo con disimulo o pulso dunha man co polgar da outra. En canto a riles, fígado, páncreas, bazo ou presión ocular, non había máis remedio que se conformar con certificar a ausencia de dor.

Despois, cos discursos e os risos e as copas e os bailes e o karaoke, esqueceu o tema. Nada lle ía foder o día máis importante da súa vida. Os ollos de améndoa da Samina brillaban de ledicia. Os dos cincocentos convidados… brillaban tamén. O pazo era idílico. Os músicos, bos. A comida… non a probou por precaución. Mais os longos prados de faragullas, apencados por cordilleiras de botellas baleiras, evidenciaban que estivera á altura. «Cartos ben gastados» —pensou.

Xa na suite nupcial, con botella de cava, ramo de rosas e jacuzzi, asistiu tombado no leito á cerimonia de destape que lle ía ofrecer a súa resplandecente dona. «Teño que deixar de dicir destape. Delata a miña idade» —pensou.

Mentres a Samina ceibaba o seu corpo, con dificultade, do vestido branco, dos encaixes brancos, do suxeitador branco, do corpiño branco e deixaba postas as medias e as bragas brancas que tan ben contrastaban coa súa pel canela, o Benigno rememorou todos os días nos que desexou aquel corpo sen se atrever a manifestalo en voz alta. «Por respecto á súa cultura» —pensou―. Nunca lle contaría as veces que se masturbou diante da foto do seu perfil en Meetic. Nin lle falaría das putas, de luxo e con referencias sanitarias, ás que acudira pensando nela.

Brindaron pola primeira noite xuntos. Beberon cava. A Samina mudou en gatiña. Reptou polas sabas demorando o momento de chegar a el. Unha suor fría e un remuíño no estómago transportaron o Benigno a rebolos até o váter. Expeleu unha fervenza de líquidos maior da que nunca maxinou que lle cabía dentro. E sentiuse infinitamente enfermo. «A Samina coidará de min» —pensou.

E coidou. Premeu o botón da cisterna. Axudouno a volver ao leito. Limpoulle a boca cunha toalla. Espiuno. Tombouse no leito canda el. Adentoulle e lambeulle o papo da orella. Acariñoulle o peito e o ventre e os xenitais inanimados…

Pódesme facer un favor? —balbuciu o Benigno.

Obedecendo as instrucións recibidas, a Samina sacou unha maleta pequena do armario. Pousouna na mesa redonda, xunto das rosas e do cava. Abriuna amodo, ollando de esguello pola abertura como unha meniña curiosa. Cando a tivo aberta de todo, ficou queda.

Pásame o aparello da tensión! —ouviu ás costas.

Mentres o brazo soportaba a progresiva inchazón, o Benigno pechou os ollos. Suspirou. Sorriu. «Na saúde e na enfermidade. O carallán do cura tiña razón» —pensou.

Tras un breve rumor de roupas fregando coa pel, as paredes da estancia retumbaron co golpe seco e forte da porta ao pecharse.

………………………………

Puto tumor

 

Sae do baño cubrindo a cabeza cun pano e non podo evitar pensar no parvo que era cando lle insistía en que cortase a melena. “Co ben que che quedaría o pelo curto” adoitaba dicirlle. Como boto de menos agora abrazala por detrás e recenderlle o cabelo como antes…

Preparo o café. Para dous, aínda sabendo que ela non pode tomalo. Malditos costumes, non me afago a botar menos auga á cafeteira.

—Non tomas nada para almorzar?

—Non, xa comerei algo alí.

A mesma pregunta e a mesma resposta cada catorce días.

Conduzo unha hora ata o hospital. Mentras Trini recibe o “chute”, como ela o chama, eu dou un paseo polo Campus Sur, dando couces ás follas secas que tapizan o chan e pensando sempre no peor. Poderei volver a camiñar polas rúas por onde paseaba con ela? Poderei ir aos mesmos lugares? Poderei volver á casa… ollar para as súas fotos… e non morrer? Cando Trini non estea, poderei erguerme da cama tan sequera?

Outros xa o sufriron antes; estas cousas pasan; hai que seguir para adiante. Iso din. Ademais, prometinlle que ía vivir polos dous se algo saíse mal e ela… E vénme á cabeza a canción aquela de “Promesas que no valen nada” que intento apartar da miña mente sen conseguilo.

De volta ao hospital convénzome de que todo vai saír ben, que hai que ser positivo.

—O médico di que o tumor está minguando. É optimista —dime no coche de volta a casa.

—Pois claro, rula! —respondo—. Imos saír desta, non teño ningunha dúbida.

Aperto a súa man. Trini recóstase no asento e pecha os ollos. O ritmo da súa respiración indícame que quedou durmida e eu podo deixar que saia a bágoa que leva un tempo querendo fuxir das miñas pálpebras.

Aparco o coche á porta de casa, apago o motor e fico un bo intre ollando para ela. Está rendida, que descanse un anaco. Non quero espertala. Teño medo de que non esperte. Puto tumor.


Source: BIOSBARDIA

2018-04-12T02:58:49+00:00 12 / 04 / 2018|BiosBardia|