Miguel García-Fernández: “Sen divulgación, a historia é unha ciencia pechada, burocrática e egocéntrica”

Inicio/Blogs/BiosBardia/Miguel García-Fernández: “Sen divulgación, a historia é unha ciencia pechada, burocrática e egocéntrica”

Miguel García-Fernández: “Sen divulgación, a historia é unha ciencia pechada, burocrática e egocéntrica”

Miguel García-Fernández no interior do castelo de Ribadavia.

César Lorenzo Gil.

Miguel García-Fernández (As Guístolas, San Xoán do Río, 1988) é historiador, medievalista, especialista en Historia Social das Mulleres e do Xénero. Autor de numerosos artigos científicos e coordinador de diferentes encontros e congresos sobre historia, arestora forma parte do equipo de investigación do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC). Asemade, ultima a presentación da súa tese de doutoramento, que analizará o papel social e económico da muller na Galicia medieval a través do estudo dos documentos testamentarios. Nesta entrevista analizamos o seu traballo, o estado da investigación histórica en Galicia e os retos pendentes dunha das ciencias sociais máis necesitadas de debate amplo sobre a súa función pública.

Vostede estuda a historia desde un enfoque de xénero. Tendo en conta que tradicionalmente se silenciaron as mulleres, seguro que hai moita tarefa por facer.

Non se debe confundir a historia das mulleres coa historia do xénero. A historia do xénero analiza o papel de cada xénero nos acontecementos históricos e as relacións entre as persoas ás que se lle asigna un ou outro xénero atendendo ao que isto supón ao longo da Historia. Polo tanto, tamén debe atender á masculinidade como parte da construción social e cultural do xénero. Isto debémolo ter claro para evitar confusións. Eu teño moito interese pola historia do xénero e tamén pola historia social das mulleres, que é na que centro as miñas investigacións. E estou de acordo contigo, en ambos enfoques hai moito por facer. Eu podo falar máis especificamente sobre a Idade Media e nese período temos case todo por investigar.

Deduzo polas súas palabras que encontrou moitos baleiros ao pórse a investigar.

Fíxate. Para Galicia, revisei máis de 37.000 documentos editados. Hai moitos máis. En moitos casos son documentos que cómpre revisar por dous motivos: ás veces hai erros de diverso tipo e a tradición documental non está suficientemente clara –con perigos de interpolacións, falsificacións, etc– ou os investigadores que traballaran con eles non estaban a buscar aquilo que nos interesa aos historiadores de hoxe. Por outra parte, hai moitas fontes aínda inéditas, que ilustran moitos aspectos da Idade Media que non sempre lles interesaron aos historiadores precedentes.

No caso da historia das mulleres pásanos moito iso. Hai que entender o contexto de cada tempo historiográfico. Unha mesma fonte documental dá múltiplas informacións. O historiador pode empregala para moitos ámbitos. Utiliza uns e descarta outros. Houbo por suposto un silenciamento da historia feminina que agora temos a obriga de superar. No caso galego, tras os estudos pioneiros de Mª Carmen Pallares sobre as mulleres medievais, non hai volta atrás. Coido que é para nós unha oportunidade tamén de non só corrixir ese desequilibrio senón tamén acabar con tópicos e mitos.

Por exemplo?

Vou falar da temática da miña propia tese: eu partín da hipótese de que a situación social e pública da muller empeorara durante a Baixa Idade Media, en relación cos séculos anteriores. Pois ao investigar decateime de que non se pode establecer unha evolución regresiva simplista. A muller naquela época mantiña claramente os seus dereitos en moitos ámbitos. Se partimos do establecido polo dereito para a sucesión non testada –que era a maioritaria–, seguimos vendo que a maioría das herdanzas eran igualitarias. De feito, a maioría das herdanzas eran igualitarias. Era moi complicado desherdar unha filla –como tamén a un fillo–. O marco xurídico salvagardaba moitos dereitos dos homes e das mulleres. Houbo moitos territorios que formaron parte de señoríos femininos, caso de Manzaneda (daquela Maceda de Trives), que estivo baixo titularidade femeniina durante máis dunha centuria. É o realmente valioso da ciencia, historia incluída, que nos obriga a repensar a realidade e a irmos máis alá das suposicións. Formulamos hipóteses, procuramos fontes, interrogámolas e tratamos de obter novos coñecementos.

Mais vostede tamén encontrou moitos casos de violencia de xénero, por exemplo.

Por suposto. A Idade Media estivo dominada por un sistema patriarcal. O que ocorre é que ese sistema non depende dunha determinada vontade nin podemos moralizar sobre o pasado a través dos preconceptos do noso presente. Eu documentei violencia contra as mulleres mais tamén como esas mulleres se reviran contra os maltratadores e os denuncian. E a xustiza non ignora esas denuncias. Hai preitos moi interesantes ao redor deste tema. O importante é que nos decatemos de como homes e mulleres daquel tempo intentaban esquivar os límites do sistema para mellor acomodar os seus intereses. Non houbo unha conspiración contra as mulleres nin se trata de buscar culpables. Debemos analizar o que sucede e explicalo no seu contexto. Por poñer un exemplo, en todas as familias da aristocracia se partía da idea de que para manter o patrimonio da casa era mellor deixar como cabeza desta un fillo varón ca unha filla. Por que? Porque, no marco dun sistema patriarcal onde cobra protagonismo a idea de liñaxe, enténdese que esa é a estratexia familiar máis segura para garantir a autonomía e a reprodución social e económica da casa. Ante a desigualdade no seo da parella, non podería quedar a casa en mans do xenro en lugar dunha filla? Iso non supón excluír as fillas da herdanza e da familia. En absoluto. Sempre son tidas en conta e os seus dereitos procuran respectarse. A preferencia por unha liña de transmisión hereditaria non supón non ter en conta as outras e, de feito, hai unha notable preocupación por garantir o seu futuro e éxito. Nese marco explicativo hai que entender que non só os pais establezan morgadíos a favor dos varóns senón que tamén o fagan as nais, que non por seren mulleres optaban polas fillas. Ás veces, as irmás outorgan documentos nos que se conformaban coa lexítima ao seren conscientes do interese por garantir a supervivencia e autonomía da casa. Pero tamén hai que pensar que fundar un morgadío ou dous supón que o resto de varóns non beneficiados –aínda sendo homes– tamén quedaban lateralizados coma as irmás. No contexto baixomedieval e no seo dunha aristocracia onde a idea da liñaxe triunfa, os intereses individuais parecen diluírse a favor da casa, sexan estes intereses individuais de homes ou de mulleres. O xénero condiciona o sistema pero non se pode simplificar todo e considerar que todas as mulleres quedaron excluídas del, mentres que os homes eran beneficiados sempre.

Cando se fala de mulleres “ilustres” galegas na Idade Media no imaxinario popular e literario están María Castaña e María Balteira. En ambos casos, ademais, a historia substitúese polo mito.

Na historia de Galicia, se queremos individualizar biografías “ilustres” temos ben máis onde escoller. Dona Orraca foi unha raíña que dirixía tropas e exerceu plenamente o poder político. Asemade hai un feixe de damas moi poderosas que gobernaron, fixeron e desfixeron, con todo o protagonismo no seu tempo e no seu territorio. En breve sairá un libro sobre as mulleres con poder na Galicia medieval publicado polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento que mostrará isto con claridade.

María Castaña é practicamente unha lenda. Só hai unha referencia documental a ela que nos indica que se arrepentiu, xunto cos fillos, dun homicidio encadrado no conflito entre a burguesía máis acomodada e o bispo de Lugo, a finais do século XIV. Teño oído dicir que foi líder dun movemento revolucionario popular. Pura lenda.

María Balteira tamén aínda é unha personalidade misteriosa malia que en breve parece que aparecerán noticias ou hipóteses sobre a súa biografía. Até o de agora, en moitos manuais e incluso na ficción utilízase unha hipótese, enunciada por André Martínez Salazar hai un século, que ten demasiadas lagoas e interrogantes. Para min hai identificacións que dificilmente van máis alá do ámbito da hipótese.

Todo isto dános azos aos interesados na historia das mulleres para continuar pescudando. Afortunadamente, cada vez hai máis investigadores e novos enfoques e o avance pode ser exponencial, no caso concreto da historia das mulleres, se procuramos reler con novos interrogantes as fontes e procuramos exhumar outras novas.

Cando se analiza popularmente a Idade Media sempre hai un tópico: escuridade, ignorancia, peste e guerra… Incluso se definen como medievais condutas e conceptos que naceron moito despois.

É consecuencia do dominio filosófico durante moito tempo da historia teleolóxica, a historia como camiño cara a algo mellor, cara ao progreso, como sucesión evolutiva cara á perfección. Por iso desde o presente proxectamos un preconcepto cara ao pasado. A Idade Media popular, a das novelas e as películas, ten ingredientes que son moi saborosos. En efecto houbo unha peste no 1348 pero tamén outra no 1666. A Inquisición é unha institución medieval pero floreceu no Renacemento, que en cambio ten unha imaxe positiva porque se vincula cunha era dourada da arte. Hai que insistir en que a historia é fragmentaria e cada contexto ten as súas particularidades. Luces e sombras. Ademais, as cousas pasan dun xeito pero poderían pasar doutro, que hai avances nunhas cousas e retrocesos noutras, que podemos mellorar as condicións de convivencia e benestar colectivas nunha época e de repente pasar algo que esfarele todo. En si mesma, a Idade Media non é nin unha etapa escura nin unha etapa de fulgor resplandecente. Ou simplemente, talvez é todo a un tempo.

Levamos tempo abordando a relación entre historia académica e historia popular. Sei que unha das súas arelas é dignificar a divulgación histórica entre os profesionais, malia non contar con moito prestixio entre os seus colegas actualmente.

É certo que a divulgación histórica para moitos historiadores é algo menor. E isto ten dous motivos. Por unha banda, hai historiadores que non se senten capacitados para comunicar, para sintetizar, para falar con rigor cunha linguaxe accesible para públicos non especializados os seus avances científicos. Supoño que falta formación e actitude nese sentido. Até diría que hai un problema de “escola historiográfica”. A min persoalmente gustaríame que aprendésemos algo máis dos historiadores ingleses, que conseguen combinar un profundo e serio traballo de investigación cunha constante busca de público. Pensemos en divulgadores do talle de Mary Beard, por exemplo, capaz de actualizar completamente o estudo da Antiga Roma na academia con grande éxito de difusión entre o público. Tamén é certo que hai moitos que consideran que é unha tarefa secundaria que debe ser realizada por outros.

E o outro inimigo da divulgación é o propio sistema de avaliación e currículo dos investigadores no ámbito universitario. Para un investigador que procure sumar puntos que lle permitan no futuro vivir da docencia ou da investigación na universidade élle ben mellor publicar artigos (os famosos papers) en inglés ou cando menos no privilexiado monllo de publicacións que contan coas máis altas cualificacións científicas. Isto provoca que todos os esforzos dese historiador vaian nesa dirección e que se dea o paradoxo de que acaben publicándose en inglés traballos sobre historia de Galicia que os propios galegos descoñecen. ¿É lóxico que sexa máis “rendible” publicar un estudo sobre historia dunha vila galega nunha editorial de Murcia, Madrid ou Amsterdam que ten esa cualificación alta que baixo un selo galego e en galego? Se reparamos nos requerimentos da ANECA, que é o organismo que avalía e define quen pode ser profesor titular, catedrático ou docente en calquera outro nivel inferior, encontrámonos que na práctica é case imposible acceder se es un investigador novo, á marxe dos grupos máis dinámicos. E, sobre todo, se non entras nun sistema que aposta máis pola cantidade e a internacionalización a toda costa que polos resultados que lle engades ao coñecemento ou á sociedade que te está sostendo. Á fin e ao cabo, estamos falando dun sistema público de ensinanza e investigación. Porén, parece que ese sistema favorece e anima máis a competitividade egocéntrica para poder sobrevivir e obter un posto que a mellorar a disciplina e o seu impacto social.

Como é iso?

Para acreditarse, esixen tantos méritos no plano da investigación, da publicación, do traballo na dirección de teses e coordinación de equipos que terían que ter os días 100 horas para dar feito. E todo iso para estar en condicións de ter unha opción. Logo xa é outra cuestión que chegue esa oportunidade. Toda esa presión e nivel de esixencia é cada vez maior, provocando claramente o desánimo e comprometendo as posibilidades reais de moitas persoas. Ás veces semella que máis que loitar pola excelencia o que se procura é poñer atrancos. Isto ten relevancia non só no plano da realización profesional senón tamén no afastamento entre sociedade e estudo de Historia. Caemos no sálvese quen poida, no buscar méritos, pero só os que sexan máis axeitados para acreditarnos. Nesa dinámica, a disciplina, o coñecemento histórico, pode correr o risco de desaparecer da meta que conseguir polos investigadores que nos vemos inmersos nesa dinámica.

Entendo todo o que di pero sen divulgación a historia popular quedará nas mans de series de televisión pouco rigorosas, en mitos sen fundamento, en interpretacións do pasado en base ás modas do presente.

Coido que cómpre unha reflexión xeral sobre a función da historia no mundo de hoxe. Un debate valente e amplo, non só entre historiadores senón coa participación doutros moitos sectores. A principal pregunta é: para que serve a historia? A sociedade, galega neste caso, ten que facer esa pregunta. E respondela tendo en conta que sen estudos humanísticos é imposible definir un contexto público de convivencia no que todos nos sintamos integrados. A historia dános coñecementos valiosos de como nos configuramos como sociedade no presente, advírtenos de experimentos sociais que fracasaron ou que tiveron éxito mais foron rexeitados por determinados intereses. Vemos que como sinalas todo o tempo se fala de historia. Na ficción pero non só. Na política, no turismo (que é un dos grandes sectores económicos en todo o mundo, especialmente en España), na configuración da identidade persoal e colectiva… Pero logo resulta que é imposible vivir da historia. Facer desta paixón que, por exemplo, eu sinto, unha profesión. De feito, xa hoxe é unha carreira universitaria que parece pensada para diletantes ou para ricos. As saídas profesionais cada vez son máis reducidas ao triunfar a hiperespecialización. Custa moito esforzo xa non só vivir disto senón convencer a xente de que estamos arrodeados de historia e que é útil. Como é posible que haxa políticos que falen de historia sen ter nin idea. Coido que todos eles deberían contar con asesoramento histórico. Pensemos, por exemplo, nas declaracións de líderes de todos os partidos sobre acontecementos e veremos como apenas hai rigor na meirande parte dos casos. Unha sociedade democrática, igualitaria e informada non pode prescindir nin menosprezar o estudo da historia.

Pero ao mesmo tempo, os profesionais temos que crebar o muro. Temos que concienciarnos de que para que nos sintan como investigadores útiles temos que reverter na sociedade o esforzo económico que a sociedade investiu en nós. E como se reverte? Con difusión, divulgación e comunicación con esa sociedade. Sen divulgación, a historia é unha ciencia pechada, burocrática e egocéntrica. Para os que consigan vivir dela, unha forma de mellorar os seus currículos persoais. Pero para que vai querer a sociedade seguir mantendo publicamente a comunidade de historiadores se non lle ofrecen nada?

Vostede tamén é crítico coa percepción estatal sobre a historia de Galicia.

Sen meterme no debate sobre se a Historia de España é castelancéntrica, coido que moitas veces parte de preconceptos. Por exemplo, se eu titulo un artigo co nome de Galicia, desde fóra pódenme chegar a criticar por “localista”. En troques, se se publica un texto sobre non sei que aspecto da economía de Zamora e Segovia (por citar un caso ao azar), con tal de que leve no título “na Coroa de Castela” entón si pasa o filtro. Ignórase aquilo que non entra no seu rango de atención preferente. Que supón iso? Que acabes necesitando un marco propio de estudo da historia. Galicia ten unha entidade recoñecible, por exemplo, no tempo medieval, polos propios protagonistas da época; Pedro Madruga escribe nun momento dado: “Aquí estamos galegos, portugueses e casteláns…”. Pero iso implica que sexa unha realidade á marxe? Se defines o contexto historiográfico galego como localista, indirectamente estás sinalando que, efectivamente, é coma se fose unha realidade totalmente distinta, cando talvez non o é. Hai un preconcepto que en parte deriva da impresión de que por traballar Galicia un está condicionado por ideas políticas actuais (autonomistas, independentistas ou o que sexa). Son preconceptos que aínda se manteñen. Unha anécdota: unha historiadora publicou un texto onde falaba do reino de Galicia e un historiador español criticouna por usar indebidamente o termo reino. Ela colleu e envioulle a documentación sobre a existencia real do reino de Galicia até a reforma administrativa e territorial do primeiro terzo do século XIX. En ningún momento se falaba de “reino independente” pero certo preconcepto identificouno desde fóra coma se iso fose o que se afirmara.

Mais tamén é crítico co paradigma nacionalista da historia da Galicia medieval.

Porque na definición do campo de análise coido que se perde un tanto o rigor. Daquela, boas reflexións e matices corren o risco de perderse e ser totalmente desprezados ao incorporar imprecisións que rematan por deslexitimar ante algúns todo o discurso. O reino de Galicia atravesou moitas etapas; nunhas foi independente (a minoría) e noutras estivo integrado con outras realidades políticas. Cando falamos do reino de Galicia, temos que rematar a investigación no século XIII, cando Fernando III unifica as dúas coroas, as que se coñecían como León-Galicia e Castela-Toledo? Penso que non. Os irmandiños levántanse en armas apelidando polo rei Henrique IV, que sentían como rei dos galegos, salvagarda do pobo fronte aos abusos de moitos poderosos. Non foi Isabel I raíña de Galicia? Ela asinaba así. Raíña de Galicia e de moitos outros lugares. Temos que desprezala porque amais era raíña de Castela? Non será mellor estudar ben a relación do poder da Coroa de Castela co territorio galego? Non lle faremos máis ben ao país definindo como se exercía o poder desde aquí e desde alá, quen o exercía e como? Obsesionármonos por se o Papado falaba de reino de Galicia e a historiografía tradicional fala de reino de León ou Castela coido que é un erro. Quizais é que teño unha visión até certo punto “federalista” dos reinos medievais e a conformación da Coroa de Castela e logo a Monarquía Hispánica, pero penso que daquela a identidade do reino de Galicia era partícipe e corresponsable da evolución xeral da coroa. Había moitos territorios diferentes e recoñecibles baixo unha mesma cabeza coroada. Pero incluso desde unha óptica nacionalista galega, coido que sería máis responsable destacar feitos reais, pouco coñecidos, con menos titulares pero máis substancia, que preferir contrarrestar os mitos españolistas con outra caste de mitos. Era o que falabamos a conta de María Castaña. De que vale pensarmos que houbo unha líder revolucionaria no Lugo do século XIV se coa primeira lufada de vento sabemos que todo é falso. Debemos ver o mariscal Pardo de Cela como líder case independentista cando sabemos que non hai nada diso detrás da súa figura? Debemos mostrar hostilidade cara ao reinado dos Reis Católicos por lles poñer freo aos abusos dunha nobreza “propiamente” galega contra os que se levantaran campesiños, burgueses e algúns outros nobres uns anos antes no contexto irmandiño? Cando vemos que os novos mitos son iso e non realidades propiamente históricas, a frustración non ha ser maior?


Source: BIOSBARDIA

2017-11-27T19:59:58+00:00 27 / 11 / 2017|BiosBardia|