Meniñas

Cando a vella cega desapareceu congostra embaixo, os da tenda retiramos a vista da xanela. Os parroquianos semellaban coñecela ben. Preguntei intrigado como a súa condición non a impedía para tales camiñadas. Respondeume a encargada:
– A malpocada perdeu dúas meniñas nun parto. Home e fillos bateron nela e abandonárona. Hai anos comezou a vir nos días previos a Defuntos a por tarriños de mel, para ofrendalos ás ánimas. Eu doullos de balde… Ela segue esperando a que volten as fillas a facerlle compaña… mais só conseguiu queimar os ollos por fitar deseguido o lume.
Continuei a miña ruta de noite, adentrándome nas primeiras horas de Novembro. As revoltas do camiño leváronme a unha recóndita e ruinosa quinta. A través dunha xanela puiden ver como o lume proxectaba as sombras dos tarros dispostos na cambota. A cega ollaba a lareira. Xogaba inqueda con anacos de pan, agardando oír as lapas bailar.

2018-12-23T18:23:06+00:00 23 / 12 / 2018|7º Concurso de Microrrelato – Adulta|

Deixe o seu comentario