Marta Sanz e os amores que matan

Inicio/Actualidade Literaria/Marta Sanz e os amores que matan

Marta Sanz e os amores que matan

Marta Sanz é unha das escritoras españolas máis interesantes do momento. A súa narrativa consegue unha difícil e orixinal combinación entre ficción moi persoal e literatura social e comprometida. Dotada dun excelente olfacto para ligar os temas das súas novelas e ensaios e sempre armada cun amplísimo coñecemento sobre o que se está a escribir en todas as partes do mundo actualmente, os seus libros nunca defraudan os lectores máis esixentes.

Agora Anagrama reedita Amor fou, unha novela que saíra por primeira vez no 2004. Como ocorre en casos semellantes de escritores que peregrinan moitos anos até teren o éxito, esta obra permanecía medio agochada na súa bibliografía, ensombrecida por traballos máis recentes e moi ben recibidos pola crítica como Farándula, Premio Herralde 2015, Clavícula ou Un buen detective no se casa jamás.

Que imos encontrar en Amor fou? A esencia da narrativa de Sanz: personaxes vulnerables que non teñen máis que amosar as súas miserias e derrotas, crítica ás convencións sociais, un cuestionamento xeral da institucion da familia, análise da tensión entre desexo persoal e imposición social. A editorial Anagrama presenta o libro, de feito, aludindo a que é un conto de fadas salvaxe sen censura.

Que nos conta o libro? A historia dun triángulo amoroso (outro máis, o tema é inesgotable): Raymond, o narrador, non dá vivido, obsesionado pola relación que a súa ex parella, Lala, mantén con outro home. Raymond, o home derrotado que vive constantemente lanceado pola dor dos erros que o fixeron perder a Lala, unicamente motivado por plans absurdos que consigan que ela volva con el e deixe a Adrián, o seu marido que lle ofrece unha vida quizais sen un amor tan tolo pero con garantía de calma e sen data de caducidade.

Unha historia chea de humor e de potencia expresiva para que non se conforma con pasar o tempo cun libro na man.

2018-04-13T09:48:39+00:00 13 / 04 / 2018|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario