María Solar: “En Galicia véndense mellor os meus libros en galego ca en castelán”

Inicio/Blogs/BiosBardia/María Solar: “En Galicia véndense mellor os meus libros en galego ca en castelán”

María Solar: “En Galicia véndense mellor os meus libros en galego ca en castelán”

María Solar.

César Lorenzo Gil.

María Solar (Santiago, 1970) recoñece que “a vida lle vai ben”. Entre tanta xente que se chora a xornalista, bióloga e escritora fala con entusiasmo das súas facetas nos medios de comunicación (amais de conducir A Revista da Fin de Semana na TVG, presenta desde hai un mes o espazo sobre libros Chamando á terra, na Radio Galega, que se emite todos os sábados ás 15h00 e que tamén se pode escoitar e descargar na rede) e dos seus últimos libros publicados, Os nenos da varíola (Galaxia) e As horas roubadas (Xerais), que saíron a un tempo en galego e noutras linguas.

Chamando á terra cumpre unha arela histórica das letras galega, un espazo de seu na radio pública de Galicia.

Estamos notando, desde incluso antes de iniciar a nosa andaina na radio, o compromiso e alegría da xente que traballa no sector do libro. Editoras, escritores, libreiros… todos nos din que facía falta un programa así, unha fiestra aberta ao libro que se publica en galego. En efecto, a literatura galega precisa máis difusión, máis canles para se espallar entre a xente. Nós queremos contribuír a ampliar a base social de lectores na nosa lingua.

Até agora tiñamos o Diario Cultural.

E seguímolo tendo. Ese espazo diario de información cultural é un luxo para Galicia pero abarca demasiado. Non ten capacidade para tratar os libros coa profundidade debida porque afortunadamente a vida cultural en Galicia é moi ampla, toca moitos ámbitos e cada día hai información suficiente para encher case unha hora de radio.

Cales son os obxectivos de Chamando á terra?

Queremos facer un magazine sobre libros baseándonos en dous xéneros xornalísticos que favorecen esa invitación permanente á lectura: a entrevista e o comentario. Para iso conto con tres colaboradoras que me parecen perfectas para ese labor de recomendación, para abrirnos o apetito por achegarnos á libraría e ler en galego. Montse Pena, que é unha crítica con ampla experiencia e moi recoñecida, atende principalmente a literatura infantil e xuvenil, a que, para nós é, seguindo as palabras do mestre Agustín Fernández Paz, unha literatura que se pode ler a todas as idades. Malores Villanueva, que agora é editora en Galaxia, leva moito tempo asesorando a editoriais para a publicación de orixinais e estou convencida de que nos vai descubrir lecturas de hoxe e de onte moi suculentas. Alba Cid é unha poeta cunha gran bagaxe académica, unha das grandes coñecedoras das nosas letras a pesar da súa mocidade. Gústanos combinar a accesibilidade co rigor literario para que todos os públicos se sintan representados na nosa proposta.

Tres mulleres novas. Foron ambas calidades valores na súa escolla?

Foi casualidade. Gústame que se deran esas dúas coincidencias pero o único que buscaba eran persoas que soubesen inocular amor polo libro galego a través da súa experiencia e dos seus coñecementos. Amais da súa presenza habitual, queremos contar con colaboradores especiais que nos axuden a ampliar a nosa biblioteca ideal. Gústame moito saber de lectores que queiran compartir a alegría dese libro tan especial que leron e que lles gustou e que falan del nas redes sociais ou coas amizades.

Libreiros?

Os libreiros forman parte dese hábitat de amor ao libro. Por suposto que formarán parte desta tripulación que chama á terra todas as semanas.

Antes falábame de que haberá comentarios sobre libros. E crítica?

Máis que críticas, queremos despregar unha escolma de lecturas. Que os oíntes coñezan os libros que hai interesantes na libraría. Cada día leo, lemos libros que non nos chistan. Pero a nosa dedicación non é falar diso senón invitar a ler máis. Ás veces pensamos que logo de tantos anos de ensino do galego o normal sería que calquera puidese ler un libro no noso idioma pero a realidade non é esa. Aínda hai moita xente que ten preconceptos contra os libros en galego ou que francamente coida que non ten nivel para lelos. Queremos combater ambos problemas. Demostrar que non é certo o tópico de que a literatura galega é “triste” e que cun pouquiño de esforzo hai moitos libros que paga a pena ler na nosa lingua.

Amais de xornalista e bióloga, vostede é unha autora de éxito. No último ano e medio publicou dúas obras de narrativa. Unha é Os nenos da varíola, que ficciona a coñecida como “Expedición Balmis”, que levou a vacina para as vexigas a América no corpo vivo de 22 nenos. É un tema que espertou recentemente o interese doutros autores literarios e incluso deu pé a unha serie de televisión. Que ten de formidable que atraia tanto?

Sobre as obras recentes, penso que a primeira, a novela de Almudena de Arteaga Ángeles custodios, que ademais inspirou a serie da que falas, está superada documentalmente. Por exemplo, toda a personaxe de Isabel de Cendal está directamente inventada cando o certo é que hai fontes suficientes para explicar quen foi. No caso de A flor de piel, de Javier Moro, saíu publicada cando eu xa estaba no proceso de redacción do meu libro. No primeiro momento, recoñézoche que me sentín desorientada porque era un proxecto no que estiven documentándome moito tempo e cando ves que alguén escribe sobre o mesmo ca ti, é lóxico sentir desacougo. Mais logo lin a novela e decateime de que ambas miradas son complementarias. Que se faga unha novela sobre a Guerra do 36 non invalida outras que falen do mesmo tema. O importante é a voz narrativa.

Que lle interesaba do tema?

Recoñezo que nun primeiro momento influíu a miña formación de bióloga. Cando estudabamos a orixe da vacina e aparecía este tema, eu quedaba fascinada. Logo máis adiante, xa traballando como xornalista, emitimos nun programa que eu conducía, Ciencia nosa, unha reportaxe sobre o tema. Foi moi próximo aquel traballo porque incluso participou a miña filla facendo de nena da varíola. A miña filla que este ano empezou Medicina, por certo. Recordo que no plano final, sobre a mirada da miña nena aparecían os nomes de todos os nenos da varíola. É un momento emotivo e fíxonos chorar a moitos. E ademais, ao ver aqueles nomes na pantalla, decateime de que cumpría que non se esvaecese o recordo daqueles nomes que respondían a vidas reais, únicas. Había que escribir algo sobre esa expedición. É un feito histórico de primeira magnitude que ocorreu en Galicia. De aí nace o interese en dálo a coñecer, en conseguir que a xente, especialmente os lectores máis novos, saiban desta historia. Si, hai rúas dedicadas ao suceso pero na rúa ninguén sabe apenas nada.

Antes falaba da documentación. A novela histórica é un tipo de obra con regras moi diferentes a calquera outra.

Certo. Eu ademais son moi rigorosa. N’Os nenos da varíola discernín moi ben os personaxes reais dos inventados. E a carga imaxinativa vai sobre os inventados. Daqueles que existen datos só reproducín datos contrastados. Na novela histórica un dos principais problemas é que as fontes nin sempre son coherentes. O que unha afirma, a outra nega. Hai que xogar con ese equilibrio, preocuparse por investigar máis. É un reto complicado que consome moito tempo pero que compensa.

Seguro que hai outros moitos feitos históricos de Galicia que lle apetece novelar.

Seguro. Incluso teño uns cantos anotados. Pero como che dicía, a documentación é un proceso moi cansativo. De momento, coido que non vou escribir agora mesmo sobre temas históricos.

En certo xeito, As horas roubadas tamén é unha novela histórica: a da década do 1970.

Si. E tamén me preocupei por documentar todo o que sucede. Houbo un momento, por exemplo, no que tiven que verificar se no Uruguai o divorcio era legal nun momento determinado. Como non o era, mudei a acción á Arxentina, onde si o era.

As horas roubadas é unha novela narrada desde as emocións sobre un mundo que parece moi afastado polo cambio social pero cuxas protagonistas seguen vivas.

As protagonistas son mulleres que tiveron que pagar un alto prezo por quereren vivir segundo os seus desexos. Sempre lembro unha frase da miña infancia (unha infancia que vivín en parte na década do 1970) que me estarrece. “O meu saíume bo”, en referencia a que un marido non lle batía á muller ou lle facía pasar mal. É dicir, aquelas mulleres dependían case dun azar. E se non saía bo? Que é o que podían facer? Que era o que a sociedade lles permitía ás mulleres atrapadas en malos matrimonios onde non había amor nin cariño? Esa atmosfera é moi recente e marcou a vida de moitas mulleres.

Estas dúas obras das que vimos falando saíron a un tempo en galego e castelán; tamén en catalán no caso d’Os nenos da varíola. Esa competición pura e dura entre dous idiomas moi desiguais no prestixio social e cultural en Galicia non favorece a edición en castelán?

No meu caso non. En Galicia véndense máis os meus libros en galego ca en castelán. Coido que este sistema é o máis acaído. O libro ten unha carreira de promoción moi curta (especialmente no mercado castelán) e os autores precisamos usar todas as ferramentas para gañala. Que apareza a un tempo en varias linguas penso que favorece a mensaxe que quero destacar: os meus libros son libros galegos, nacen en lingua galega, respiran a cultura e a tradición galega pero poden competir en calquera ámbito grazas a ese mecanismo fantástico da tradución. Os escritores en galego debemos ter autoestima e ambición, decatármonos de que podemos saír ao mundo e intentar gañar lectores en todas as linguas, sen complexos.

De todos os xeitos, por moito que queiran os escritores galegos facer iso, non poden. Vostede é unha privilexiada nese sentido.

Eu levo desde hai anos pelexando por conseguir traducir os meus libros. Chamando ás editoriais unha por unha para ter a oportunidade de publicar. Debemos ter claro que ninguén nos vai vir buscar á casa. Hai que moverse.

Vostede ten axente literaria. Que importancia ten á hora de conseguir novas edicións?

Eu xa contactara con moitas editoriais e xa publicara en castelán cando me encontrei con Ella Sher, a miña axente, que vive en Barcelona e que me fai a vida máis fácil. Unha axente é un apoio, favorece esa expansión. De feito, proximamente sairán libros meus en polaco e italiano, pero non é imprescindible.

Falábame da diferenza dos ritmos da difusión en galego e en castelán.

Cando pensamos que o libro galego caduca logo nas librarías deberiamos pensar no ritmo frenético da promoción editorial en castelán. Eu recoñezo que a crítica é amable comigo en Galicia pero nin sempre é así fóra. No contexto castelán hai máis dureza e todo é rapidísimo. Nun mes un libro desaparece das mesas de novidades e só vai sobrevivir na libraría se funciona o de boca en boca. Se non, o libreiro méteo nunha caixa na seguinte quenda de devolucións. É algo amargo porque coido que os libros non son iogures. E de feito, en Chamando á terra deixamos moi claro desde o principio que imos falar de bos libros, que sexan ou non novidades será o de menos.

Vostede leva publicando libros desde hai 20 anos pero foi no último lustro que aumentou o ritmo de publicación e coñeceu o éxito editorial.

Empecei escribindo libros por encarga para o ámbito escolar pero foi durante un período de paro laboral que pensei que tiña que facer algo e enviei un orixinal para publicar. E a partir de aí comezou un ritmo regular de publicacións, si.

Que influencia tivo nesa traxectoria gañar o Premio Lazarillo por O meu pesadelo favorito?

Pouca. O Lazarillo é un premio de prestixio pero moita xente non sabe que non garante a publicación. E de feito hai varios libros que recibiron ese galardón que seguen inéditos. Para min aquel premio en realidade valeume para definir que tipo de carreira literaria quería levar. Para a edición castelá, tiven a oportunidade de publicalo baixo o selo dunha editora de gran penetración escolar que me garantía unha difusión xeneralizada. Ou editalo con Siruela, unha editorial de prestixio que coida moito os libros pero que non ten un desenvolvemento comercial asentado. Ao final publiqueino con Siruela.

Que é o que máis lle presta oír dos labios dos seus lectores?

Que me digan que non son lectores habituais, especialmente lectores habituais de galego pero que gustaron dos meus libros. Gañar lectores sempre é complicado. En galego, teño a impresión, de que ás veces a literatura está demasiado pendente de construírse a si mesma e non pensa en ser accesible aos lectores. Quizais sexa porque son xornalista pero eu doulle moita importancia á cercanía co lector, que se poida meter na historia dun grolo. Non me chista nada pensar que os meus libros andan nos andeis sen que ninguén lles meta o dente.

Era unha rapaza que soñaba con ser escritora?

Si. Cando era adolescente escribía moito; gustábame moito. É nesa idade cando desenvolvemos o interese pola literatura. Por iso me interesa tanto ese público. Por iso me gustaría que a relación entre a mocidade e a lectura se dese dun xeito máis natural. Non pode ser que haxa unha taxa de lectura na adolescencia e que logo se perda ao deixaren o instituto. Dáme a sensación de que se xogan todas as cartas ao mercado das recomendacións escolares e esa é unha vía perigosa. Hai moitos profesores que len pero tamén hai moitos que recomendan sen criterio. Algo falla na transmisión de interese pola lectura. Eu non sei como mudalo. Seguramente non nos corresponde aos escritores mudalo pero que algo falla é evidente.

Escribe todos os días?

Intento facelo acotío. Pero non son unha persoa que escriba moito. Ás veces abráiame encontrarme con escritores que me din que a noite anterior redactaron 20 páxinas!! Eu gardo durante moito tempo as historias na cabeza e plásmoas no papel cando xa están maduras. Escribo case coma unha poeta, corrixindo frase por frase pero en realidade toco pouco o texto porque xa sae bastante procesado. Prefiro ir amodo pero moi segura. Non sei se é a maneira convencional de facelo. Recoñezo que son algo escéptica cos obradoiros literarios. De verdade hai un método para escribir? Dubídoo.

Coido, en todo o caso, que me organizo moi ben a diario e este xeito de escribir axúdame. Son quen de atender o traballo, coidar do meu neno pequeno, ler e tamén escribir. Aínda que haxa quen o pon en dúbida.

Non a entendo.

É que as redes sociais seican confunden a xente. Xa me teñen escrito para criticarme por ter o meu fillo vendo a tele de noite e cousas así. Parece que como me vai ben. E si, vaime ben e estou contenta por iso, é a conta de non atender a miña familia. E hai persoas que cho fan notar. As mulleres escritoras temos que dar unhas explicacións que estou convencida de que non teñen que dar os homes escritores.

Que libros está a ler? Tamén pode recomendar algúns dos que está a ler para Chamando á terra.

E tanto. Unha parte fundamental do traballo do xornalismo sobre literatura é ler. Niso son moi rigorosa porque non me gusta nada cando me fai algún xornalista unha entrevista e dáste conta de que nin abriu o libro sobre o que supostamente estás falando con el ou ela. Pero tampouco é cousa de contar unha lista necesariamente longa. Recomendo un: Unha ducia de galegos (Galaxia), de Vítor Freixanes, que se reeditou este verán. É un libro moi interesante para coñecer a historia recente. Ler como conta Ramón Piñeiro o inicio da Guerra do 36 en Lugo ou recordar as dificultades para gañar unha peseta coa literatura de Eduardo Blanco Amor fíxome moito ben. E como non todo vai ser galego, recomendo dous libros en castelán: La uruguaya, do arxentino Pedro Mairal, editado en España por Libros del Asteroide. E Del color de la leche, de Nell Leyshon (editada por Sexto Piso), unha historia contada en primeira persoa por unha muller que acaba de aprender a escribir e que ten o vocabulario e as ferramentas gramaticais xustas para facerse entender. Moi moi recomendable.


Source: BIOSBARDIA

2017-10-03T01:50:25+00:00 03 / 10 / 2017|BiosBardia|