Mª Xesús Lama: “Rosalía era unha persoa vital e alegre e unha escritora grave e lúcida”

Inicio/Blogs/BiosBardia/Mª Xesús Lama: “Rosalía era unha persoa vital e alegre e unha escritora grave e lúcida”

Mª Xesús Lama: “Rosalía era unha persoa vital e alegre e unha escritora grave e lúcida”

César Lorenzo Gil.

Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), publicada por Galaxia, é a primeira parte dunha ambiciosa biografía da matriarca das letras galegas. Un texto que ordena e desmitifica non só os principais acontecementos dos primeiros 25 anos da escritora senón que revela datos moi interesantes e até agora pouco tratados sobre o contexto político, social ou urbano da época na que naceu e medrou. Falamos coa autora desta obra, María Xesús Lama (Lugo, 1964), sobre o mito rosaliano no século XXI.

Nesta primeira parte da biografía que vostede publica insístese en aclarar que hai poucos datos sobre a vida da autora. Cales foron, polo tanto, os principais desafíos deste traballo desde o punto de vista das fontes?

O primeiro desafío consiste en comprobar ese dato tan repetido da ausencia de fontes, e polo tanto buscar os documentos orixinais dos coñecidos, seguindo as pegadas das fontes secundarias, para comprobar a fiabilidade das versións que se nos transmitiran até hoxe e ao mesmo tempo localizar os depósitos arquivísticos. Foi un traballo moi interesante porque a min serviume para constatar o espallamento da documentación entre diferentes institucións como a RAG, arquivos da Deputación e do Concello da Coruña, Fundación Rosalía de Castro, Penzol, Arquivo Histórico Universitario, etc. Isto, se falamos dos documentos puramente relacionados coa vida da autora (non entramos en documentación relacionada co contexto da súa xeración), e para tomar conciencia de que cómpre facer unha reflexión como país, sobre que tipo de política cultural estamos facendo en relación coa conservación das fontes e a planificación arquivística. Ou polo menos, sen ir tan ao fondo, xa que hai uns profesionais excelentes nos arquivos, paréceme que cómpre xa dar un paso mais aló da conservación e avanzar na difusión. Nese proceso apareceron tantas novidades que até deron lugar a proxectos paralelos. Apareceron algúns documentos aínda non coñecidos, como os poemas inéditos dun suposto proxecto de último libro titulado Postrimerías e algúns manuscritos máis que editei con Henrique Monteagudo en soporte dixital da RAG; doutra banda ao analizar todas as cartas xurdiu a posibilidade de colaborar co proxecto de “Epistolarios” en rede do Consello da Cultura para editar todo o epistolario da autora, de maneira que se poidan consultar todas as cartas, até agora publicadas de xeito disperso. Por un lado, as cartas a Manuel Murguía, por outro as cartas a Eduardo Pondal, ou a Ángel Baltar, a José María Posada, a Tobío Campos, etc. Tamén creo que é unha achega interesante a reprodución da partida de nacemento e de matrimonio no apéndice gráfico, que até agora tiñamos transcricións feitas décadas atrás que se foran repetindo cos erros das primeiras lecturas.

Á parte deste traballo coa documentación puramente rosaliana, a min preocupoume bastante intentar reconstruír o ambiente para poder imaxinar a vida cotiá da Rosalía persoa. Así que tentei documentarme para saber como eran Padrón, Compostela, Vigo, Madrid… nos anos en que os habitou a autora. Creo que é moi importante esa reconstrución dos escenarios, para poñerse en situación na pel da personaxe. E así descubrín que a relación entre as poboacións e as cidades, por número de habitantes e importancia económica, era completamente diferente da que coñecemos hoxe, e iso cambia bastante a maneira de entender a experiencia de Rosalía. Tamén como funcionaba o ensino en xeral e das nenas en particular, como funcionaban os medios de transporte, como eran as vías de comunicación, a repercusión da actualidade política, as actividades de lecer, en fin, mil detalles para refacer a vida posible dunha muller daquel tempo, naqueles lugares e naquel contorno social. Todo o tecido de relacións familiares tamén me parece moi importante, e aínda me queda niso moito traballo por facer. Ou quedaranos a todos os rosalianos, porque eu chegarei a onde poida. En realidade penso que habería traballo para un equipo interdisciplinar, para documentar axeitadamente multitude de detalles relacionados coa biografía de Rosalía.

A súa é unha obra desmitificadora en varias frontes. Vaiamos por partes: Pon en cuestión que Rosalía de Castro fose unha nena non desexada, abandonada pola nai.

Iso non o poño en cuestión eu, en realidade. Sería atribuírme méritos de investigadoras que me precederon e que achegaron datos que eu recollo para elaborar a biografía. Mª Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda fixo unha investigación que marcou época arredor deses primeiros anos de Rosalía e demostrou que vivía coa nai xa con catro anos. Iso tirou por terra todas as conxecturas de abandono da nai que dominaron os perfís biográficos até a década do 1990. En canto ao de ser unha filla desexada ou non, eu só constrúo unha hipótese contrastando as datas da vida da nai e do pai, e outros detalles da familia materna. Se temos en conta que Martínez Viojo chegou a Iria moi novo ao seu primeiro destino como capelán do pazo dos Castro, e polo tanto que el e a nai de Rosalía se coñecían dende os seus primeiros vinte anos, mentres o embarazo chega cando os dous superan xa os trinta, cabe supoñer unha relación complexa e posiblemente longa. E a partir de aí, sinxelamente quero abrir un abano de posibilidades que se deben ter en conta para imaxinar como puido ser esa relación e a reacción dos dous ante ese embarazo. Tendo en conta que os dous se ocuparon da nena e que todo parece indicar que se mantivo a cordialidade entre as dúas familias. E que Rosalía expresa sempre un afecto fondo e auténtico pola súa nai.

Tamén afirma con case total seguridade a identidade do pai.

Claro, é o que testemuñan os contemporáneos que se atreveron a falar do tema. E as cartas de Rosalía e da súa filla Alejandra cos sobriños de Martínez Viojo, tratándose de familia, tamén confirman esa hipótese..

O gran mito que vostede combate é a imaxe de Rosalía como triste ou anguriada. De onde vén esa idea?

A da Rosalía anguriada vén de moitos dos seus textos poéticos, e tamén da imaxe que nos transmitiu Murguía. En cambio, as fillas transmitían unha imaxe contraria. Eu pregúntome como se poden reconciliar elementos tan contraditorios e penso que se optou por desatender os testemuños das fillas quizais por consideralas parte dunha parcela máis íntima da súa vida, e polo tanto insignificante. Non obstante penso que as dúas caras están aí e hai que recoñecelas, a da persoa vital e alegre, e mais a da escritora grave e lúcida. Entendo que a representación da dor non ten que recoñecerse necesariamente como anguria, senón como lucidez, como capacidade para contemplar o caos da realidade, o absurdo da existencia mesmo cunha certa serenidade. E esa lucidez que se fai presente na escrita non obstante non ten por que impedir o vitalismo e a capacidade de gozo. Que ademais tamén se representa na súa escrita, porque moitos textos de Rosalía tamén dan mostra dun gran sentido do humor, un aspecto que, non obstante, se ten comentado e analizado moi pouco na súa obra.

No conxunto da obra, aínda que se gaba a Manuel Murguía por diferentes aspectos, hai tamén bastantes críticas. Por un lado, vostede considérao responsable de converter a Rosalía no símbolo da muller galega romántica. Non participou a propia autora nese proceso de construción?

Todas as persoas temos características encomiables e outras que merecen críticas, penso, así que Murguía, como calquera, coma a mesma Rosalía, tiña seguramente calidades moi boas, e outras non tanto. Actuou ás veces cunha lucidez e xenerosidade extraordinaria –o que é moito máis do que se pode dicir da maioría de nós– e outras penso que non tanto. Milagre sería que fose infalible. E si, penso que el é responsable en boa medida da imaxe de Rosalía máis tópica que calou profundamente no imaxinario colectivo, unha imaxe que responde en parte a un tópico romántico do artista, como ser hipersensible e incomprendida en conflito co mundo, e por outro lado a un tópico de muller ideal, sensitiva e sentimental, tamén modelo de capacidade de renuncia, sufrimento, modestia etc. En fin, unha santiña. Non sei se era o que el mesmo quería crer, ou o que pensou que podía ser unha imaxe autorial máis axeitada para poñer en valor a súa obra, pero non deixa de ser unha construción que podemos analizar e mesmo desmontar. E non quere dicir que fose un farsante ou un manipulador. Á fin e ao cabo as biografías de personaxes da época están cheas de tópicos idealizantes condicionados polos modelos socialmente aceptados. Estou tendendo a pensar que a súa construción podía estar tamén bastante condicionada por unha especie de tópico de xénero da época. Igual que a poesía da dor existencial ten unha parte de persoal e outra de tópico do discurso poético que flotaba no ambiente

Dubida vostede ademais de que Murguía fose o único home da súa vida. Chega a afirmar que é ben difícil que fose o seu primeiro ou o seu grande amor. Di del que era “case anano”, o que o invalida para ser un galán. Como é que chegan a namorarse, segundo a súa opinión?

Estas cuestións xa parecen puro rexoubeo e en realidade non teñen maior importancia, se non fose porque ás veces se utilizan para crear unha imaxe demasiado estereotipado . Eu só me limito a constatar o obvio, e é que por non ter datos sobre outras relacións previas non podemos concluír que non existisen. E desde logo paréceme absurda a obsesión por afirmar que non coñeceu máis home ca o seu marido e que toda referencia a experiencias amorosas nos primeiros textos ten que estar relacionada con el, e así demostraríase que xa o coñecía antes de marchar a Madrid. Rosalía era unha rapaza sociable, simpática, que ía ao Liceo, facía teatro, ía de festa á casa de amigas que a convidaban, tocaba instrumentos e cantaba… Podería ser que nunca tivese ningún flirteo neses anos mozos, pero desde logo tamén podería ser que si. E desde logo non parece que a tivesen metida na casa facendo bordados.

E respecto a Murguía, pois si, era moi baixiño. Así o retratan todos os seus amigos e coñecidos, que lle atribuían alcumes entre agarimosos e burlentos facendo alusión a esa característica. E a baixa estatura non encaixa coa imaxe típica de galán, non fai falta que o diga eu. Como chegan a namorarse? Pois ese é un misterio que afecta a todas as parellas deste mundo, pero estes dous tiñan calidades abondo os dous para espertar a fascinación e facerlle esquecer as imperfeccións físicas a calquera que non fose un ser totalmente superficial: polo espírito creativo, o idealismo ideolóxico, o talento…

No libro vostede pescuda sobre a ideoloxía de Rosalía de Castro. Como podemos definila politicamente, utilizando loxicamente os parámetros da súa época?

Creo que podemos definila como defensora da liberdade, a igualdade e a xustiza social, próxima ao liberalismo democrático e, segundo o seu primo Hermida, simpatizante coas teorías socialistas que empezaban a circular por Europa

Tamén é crítica coa idea da morriña por Galicia da poeta. Máis ben di que ela prefería saír do país. Que viaxou a Madrid para conseguir o triunfo artístico e que voltou a contragusto.

Pois nos anos de mocidade que centran este primeiro volume, é así. Mais de un escritor da época manifesta nas cartas a envexa polos que poden irse para Madrid, e a cuestión era que para facer carreira literaria de verdade o paso pola Corte era case imprescindible. E desde logo cando se pode emprender esa aventura non fai ningunha graza ter que volver para a casa aos poucos meses cun embarazo en camiño. Creo que iso aínda hoxe podemos entendelo bastante ben.

Vostede fai un percorrido paralelo entre a vida da escritora e as súas obras (neste volume atínxese o seu labor até o 1863, data de publicación de Cantares Gallegos). Até que punto son obras cun perfil autobiográfico (aínda que sexa remoto)?

Até o punto de que manifestan temas e cuestións que lle interesan como a cultura popular e as condicións de vida das clases humildes do seu pobo, a posición da muller na sociedade rural ou na incipiente burguesía urbana, a complexidade das relacións interpersoais e especialmente nas relacións sentimentais, a institución do matrimonio, etc.

Hai uns meses Francisco Rodríguez publicou unha crítica do seu libro camuflada en columna de opinión. Como valora o xuízo que el fai da súa obra?

Valóroo como a opinión dun experto no tema que coñece a fondo os materiais, gran estudoso rosaliano que sabe moi ben de que fala e que ten un criterio marcado por ese coñecemento e tamén por unha perspectiva ideolóxica determinada na análise dos fenómenos sociais e culturais.

Adiántenos que achados de relevancia incluirá a segunda parte da biografía de De Castro.

A parte da biografía pendente ten que presentar a Rosalía adulta que evoluciona desde unha mocidade prometedora e ilusionada á madurez da supervivente en medio de varios naufraxios vitais e que aprende a construír un discurso de dignidade e de resistencia. Coido que a novidade da biografía, igual que na primeira parte, non está tanto no achado dalgún dato novo como na lectura dos datos soltos xa coñecidos poñendo orde e establecendo relacións co contexto, e de aí resulta un novo relato, unha nova lectura dos feitos. Así e todo algún pequeno achado engádese, pero mellor será descubrilo no contexto que lle corresponde.


Source: BIOSBARDIA

2017-11-14T07:42:14+00:00 14 / 11 / 2017|BiosBardia|