‘Limoeiro’

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Limoeiro’

‘Limoeiro’

Limoeiro. YELLOW.CAT/FLICKR.

No grupo C, César Lorenzo Gil gaña automaticamente logo da retirada do torneo de Eva Moreda. O tema é ‘Natureza’.

Limoeiro

Ardeu en Cequeliños. O lume chegou a douscentos metros da nosa casa. Meus pais salvaron as viñas cunha mangueira. No lugarello das Longaretas chamuscaron as follas das figueiras nos eidos das casas. Os veciños compartían latas de cervexa cos bombeiros voluntarios de Melgaço. Nos outeiros de arredor o barullo das labaradas consumindo a madeira triscaba o ar. Ía un vento tan cálido que as muxicas percorrían o ceo coma bombas de racimo sobre Bagdad. De cando en cando, un eucalipto prendía, el só, coma un herexe.

E Fruntilleiro, mamá, ardeu Fruntilleiro?, preguntei.

Pasou unha semana. Antes non tivera alento nin para pór un pé na verea. Collemos o camiño de Fruntilleiro. Miña nai levaba o fouciño, eu o monico. Evitabamos mirar para a borralla. Os corvos crebaban co seu peso as pólas dos piñeiros requeimados. No medio do sendeiro botáranse os esqueletes das acacias. Rubimos sobre elas coma exploradores. En chegando á fronteira de Fruntilleiro fediamos ao chamusco, estabamos pretos coma os chamizos que tripabamos.

Ao entrar en Fruntilleiro, o camiño desce coma unha fervenza curvada. Meu avó Antonio foi comprar alá terra, tan lonxe da casa, porque alí se daba todo. Un verxel de froita, viño, canas. Agora todo estaba entregado ás silvas.

Ardeu o limoeiro, falei.

Espera, respondeu miña nai.

A portela de Fruntilleiro márcana un feixe de carballos veteranos e listos. Déraos por queimados. Mais alí estaban, rexos, menos negros ca nós, vixilantes heroes guerreiros.

Cruzamos o rego. Á esquerda a laranxeira, á dereita os pexegueiros. Coa silvareira non se vía o limoeiro. Miña nai abateu co fouciño a broza que tomara o carreiro. Alí no alto, brillaban os limóns, coma sempre. A mente foime para a escena de Atlantic City na que Susan Sarandon se lava e perfuma co zume dos limóns mentres escoita a Casta Diva na voz de Maria Callas. Sentinme, cabo do limoeiro, tan vivo coma o vello Burt Lancaster observando o ritual.

Vai apañando, dixo miña nai. Non te poñas tolo que logo hai que acarrexalos ás costas e túa nai pouco che pode axudar.

Os limóns de Fruntilleiro son grosos, moitos deformes coma gárgolas. Se os deixas no escuro, perfúmanche a casa. Ao seu pé deixounos de cheirar a fume. Sen pensalo, gabeei por unha póla. A piques estiven de chantar unha puga no zapato. Tomei un limón maduro, retorcino e arrinqueino. Craveille as unllas. A casca resistíase. Os meus dedos desapareceron naquel bandullo teso e amarelo. Só pedía que dentro houbese algo máis ca cinza.

César Lorenzo Gil.


Source: BIOSBARDIA

2017-11-08T01:55:12+00:00 08 / 11 / 2017|BiosBardia|