Lembranzas dunha vida a través da España seca

Inicio/Actualidade Literaria/Lembranzas dunha vida a través da España seca

Lembranzas dunha vida a través da España seca

David Trueba é coñecido por ser un dos cineastas españois máis recoñecidos e cunha mensaxe máis persoal. Mais tamén é un narrador que publica regularmente novelas cun alto nivel de aceptación por parte da crítica e do lectorado máis interesado na literatura e menos na novela comercial.
Tierra de Campos é o seu último traballo, publicado por Anagrama. A historia comeza durante a viaxe dun coche dunha funeraria, conducido polo ecuatoriano Jairo, que leva o protagonista, Dani, como copiloto, cara a unha vilacha castelá chamada Garrafal de Campos, nesa comarca infinda da España baleira e seca que lle dá título ao libro.
A partir deste presente imos coñecendo as vivencias do protagonista, un madrileño do extrarradio (de feito no coñece o eixo Gran Vía-Puerta del Sol até que é un adolescente) que a pesar das súas vicisitudes consegue ser un pai responsable e un amante intenso. E por entre medias, a relación entre Dani e o seu pai, o terceiro protagonista da novela, o que vai morto camiño da súa terra natal no coche fúnebre.
Trueba compón un retrato da España actual con varias frontes abertas: por unha banda, expresa os sucesos con lirismo para adubar o realismo da novela. Pero tamén hai humor, un humor na liña do esperpento de Valle-Inclán para definir unha España seca cuxo po segue a tisnar a roupa dos madrileños malia haber xeracións de separación entre os urbanitas de hoxe e o rural do que proceden a maioría.
Se toda a bibliografía de Trueba é moi interesante, con este libro confírmase como un dos escritores españois aos que hai que seguir.
2017-09-08T09:50:53+00:00 08 / 09 / 2017|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario