Leccións de arte e de vida, por Peter Handke

Inicio/Actualidade Literaria/Leccións de arte e de vida, por Peter Handke

Leccións de arte e de vida, por Peter Handke

Contra el sueño profundo é o último libro que se publica en castelán do escritor austríaco Peter Handke. Nórdica recompila unha colección de ensaios que o escritor redactou entre os anos 1966 e 1996. A obra consta de traballos sobre pintores, escritores e cineastas. É a visión dun intelectual que amais de se ter convertido nun dos escritores europeos máis relevantes do presente, cun discurso orixinal e un férreo compromiso estético, é tamén un erudito que coñece moi polo miúdo os mecanismos da creación da arte, se é que para iso pode haber algunha caste de engrenaxe.

En Contra el sueño profundo, Handke debuxa non só perfís ou biografías máis ou menos documentadas senón que analiza os parámetros da creatividade de cada personalidade e amais procura tamén que cada autor lle sirva de reflexo dalgún tema de interese sobre as relacións entre arte e vida.

Un dos temas máis interesantes do libro é desvincular o protagonismo artístico de calquera vicisitude comercial. É coma se Handke nos dixese que para ter éxito na arte non é necesrio ter arte nin nas librarías nin nos departamentos de Literatura das universidades. As mensaxes arriscadas, novidosas, contracorrente son as únicas que permanecen, son as únicas que fan mover a gran roda da arte.

Interesache se: Queres ter unha boa colección de obras irrepetibles, afastadas de fórmulas; desfrutas contemplando pintura, escoitando poesía ou pelexándote con esa páxina dese libro que ten fama de difícil.

2017-08-24T10:47:35+00:00 24 / 08 / 2017|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario