Ishiguro, un Nobel que se pode ler en galego

Inicio/Actualidade Literaria/Ishiguro, un Nobel que se pode ler en galego

Ishiguro, un Nobel que se pode ler en galego

Kazuo Ishiguro é un escritor inglés, malia ser a súa orixe xaponesa. O conxunto da súa obra está escrita en inglés e a relación entre o autor e o seu país de adopción é completa. Tanto que parece un argumento un tanto exótico considerar que o Nobel premiou a mestizaxe do escritor. Non; en todo o caso premiou a mestizaxe da sociedade británica, que leva case 200 anos xestionando un imperio ultramarino ao que se foron incorporando culturas e maneiras de entender o mundo de todo o planeta, incluída Asia.

Mais o interesante de Ishiguro non é que pertenza a esa Inglaterra “non europea” no plano biolóxico senón que el mesmo foi quen de convivir dun xeito nin sempre harmónico na súa obra con esa tensión entre querer exercer como inglés e o compoñente obvio que na súa fisonomía e na súa onomástica o afasta da propia historia británica.

De aí seguramente que na súa obra intente naturalizar ese conflito e incluso superalo, especialmente cando asume como propia a historia de Gran Bretaña e fala dela coa mesma oportunidade (e lexitimidade) que se fose nacido en Yorkshire no berce dunha antiga liñaxe britana ou saxoa.

Hoxe queremos celebrar o seu Nobel recomendando a obra de Ishiguro en galego. A finais da década do 2000, Galaxia, dentro dunha estratexia global de normalizar a tradución de obra contemporánea europea á nosa lingua conseguiu publicar na nosa lingua dous libros de Ishiguro. Hoxe, aquel intento que protagonizaban Vítor Freixanes como director e Carlos Lema como editor, parécenos hercúleo polas dificultades que a cultura galega ten para expresarse como unha cultura máis. As baixas vendas, a invisibilidade nos medios de comunicación e certo desprezo dos lectores cultos pola “calidade” do galego literario (un preconcepto amais inxusto, dada a calidade das traducións) esborrallaron aquel esforzo.

Non me deixes nuncaNocturnos son dúas obras diferentes, aconsellables para públicos distintos pero igualmente útiles para descubrir o universo dun autor que nunca se repite a si mesmo e que se caracteriza pola súa especial relación como escritor co estudo da mente humana mais tamén da cultura popular, especialmente a tradición literaria, non só a máis elevada senón tamén a máis estendida socialmente. De aí que os seus temas empaten coa fascinación literaria: fantasía, misterio, ciencia-ficción, Historia…

Hoxe temos a sorte de poder reivindicar a aposta por galeguizalo e aproveitar o Premio Nobel para unha vez máis indicar que sen tradución non hai cultura normal; que sen tradución a literatura galega ten uns límites estreitos e conxunturais, que sen tradución non se explicarían os fenómenos editoriais portugués e sobre todo español, a eclosión de novos selos que fan o labor obvio dunha editora: sinalar e difundir o mellor do que se está a facer no mundo, para todos os gustos.

Pois ben, o premio a Ishiguro é tamén un premio a Galaxia e as demais editoriais que puxan día a día por crebar o tópico de que o galego non merece servir para ler os mellores do mundo que están a escribir hoxe mesmo.

2017-10-06T12:12:25+00:00 06 / 10 / 2017|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario