‘Intruder’ vs ‘Lúa de mel’

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Intruder’ vs ‘Lúa de mel’

‘Intruder’ vs ‘Lúa de mel’

Fotograma do filme ‘Top Secret’, 1984. Na imaxe, os actores Billy J. Mitchell (esquerda) e Val Kilmer.

Segunda semifinal do Torneo Punto e Coma. Érica Couto e Guillermo Rodicio enfróntanse baixo o tema ‘Anal Intruder’.

Lúa de mel

Chegaron cortando a choiva nun taxi que os deixou diante das reixas. Tras o cortinado que cubría as ventanaxes do dormitorio principal, Anuska, cos beizos apretados, espreitábaos mentres cruzaban o xardín.

–Traba a lingua se fai falta pero non digas nada –dixo sen virarse.

Aser colleuna da man.

–Vamos.

Cando entraron no lounge, Cordelia e Kurt, estirados no sofá cos pés en alto, fumaban xa os primeiros cigarros da noite.

–Puxémonos cómodos. Non vos importa, ou?

Saudáronse efusivamente, serviron copas e trincos informes de comida macrobiótica. Aser apagou as luces e acendeu o proxector.

–Isto ponse interesante. Quero detalles minuciosos da vosa lúa de mel –dixo Cordelia.

–Para iso viñestes, non?

Na primeira imaxe, Anuska e Aser sorrían á cámara. Levaban enriba os traxes NBQ e sostiñan baixo o brazo cadanseu casco laranxa. Na segunda fotografía, un 4×4 militar avanzaba por un descampado cara a un obxectivo fóra de cámara. Foron pasando as instantáneas. Anuska e Aser que saudaban, que sinalaban, que se bicaban co plástico laranxa de por medio. Ao cambiar de imaxe, Kurt saltou emocionado.

–É ese o anal intruder?

A carón dunha parede infinita de carne, a grande estrutura de varias decenas de metros de lonxitude reproducía en material transparente as formas fálicas dun consolador. Dous puntos alaranxados avanzaban pola pasarela interior .

–Eses dous sodes vós?

Anuska asentiu.

–Contade. A continuación, que?

–O intruder está montado sobre unha plataforma elevadora. A ascensión ata a… a entrada…

–Podes dicir cu, amor –brincou Anuska.

–A ascensión dura algo máis dunha hora –continuou–. Logo introducen na apertura dous terzos do intruder antes de abrir a comporta.

–Por fin temos información de primeira man. Hai tanto secretismo arredor deste marciano! –sentenciou Cordelia.

–Divinidade desactivada –corrixiu Kurt.

–Atopárono á deriva, non?

–Iso din.

–Pregúntome como o deron capturado.

–Iso non o explican os militares durante a visita –apuntou Aser–. Non é o importante: o importante é a posibilidade de coñecer a entraña dun ser divino desde dentro, de ser un…

Anuska fulminouno coa mirada. Todos calaron e beberon tragos eternos dos seus vasos. Aser pasou á seguinte fotografía. Volvía aparecer o anal intruder cos dous puntos laranxa no centro. Estaba cuberto dunha fina capa de mucosa iridiscente. Seguiron imaxes de Anuska e Aser desfacendo o camiño de volta á base militar, tirando os cascos e os traxes, vestindo a roupa civil. En ningunha desas fotos miraban á cámara.

–Non hai fotos dentro do corpo?

–Non está permitido rexistrar imaxes nin sons.

–Entón teredes que contárnolo vós! É a parte máis intrigante!

–É coma unha cova –falou Anuska–. Coñecedes Atapuerca? Algo parecido, pero con estalactitas orgánicas. As paredes son luminiscentes. Realmente non había moito que ver. Demos unhas voltas ata que nos chamaron de volta polo intercomunicador.

–Nada máis?

–Nada máis. Creo que o que están facendo é unha campaña de marketing puro. De sabérmolo hoxe, teriamos optado polas Bahamas.

Riron. Remataron a noite entre copas. Anuska e Aser saudaron a Kurt e Cordelia desde a entrada cando marcharon.

–Esa lingua túa case nos traizoa.

………………………………………………….

Intruder

Os catro membros de Intruder van apiñados na parte de atrás dunha furgoneta xunto a varias rapazas, todas con vestido curto.

—Se puidesen escoitar o single…

—Non sexas pesado. Non imos molestar os de Novedades Carminha na súa festa.

—Por chapas coma ti non deixan pasar móbiles nin cámaras. Esa xente quere estar á súa bóla.

—Se só temos contacto polo curmán de Xuliño, que lles pon as luces.

—Sempre co mesmo, macho. Fáltanos ambición. Vós facede o que queirades, pero eu —saca o móbil dun peto— teño o disco aquí metido.

Dous seguratas cachean na entrada do chalet da festa. Os outros Intruder rinlle na cara cando atopan o móbil dunha rapaza e o esnaquizan. El vai quedando atrás, final da cola. Pánico. Cando ninguén o ve afrouxa o cinto e agocha o móbil onde non se pode atopar. Avanza. Nota as mans dun garda pasándolle por todo o corpo mentres o outro lle mira directo aos ollos. Déixano entrar.

No vestíbulo ve as chupas dos colegas abrazando alguén coa mesma voz que Xuliño pero que non se parece a el, debe ser o curmán. Ofrécelles pílulas e tómanas sen preguntar. Os outros buscan a barra, el marcha dar unha volta. Vai ser difícil atopar a ninguén nesa mansión xigante e ateigada. A droga reláxalle os músculos e xa non se sente incómodo ao camiñar. Arrástrao a voracidade da festa. Unha txalaparta eléctrica fai tolear desenfreada a masa informe de corpos arredor da enorme estatua dunha pantera. Abríndose paso, un rapazote xeitoso mételle fichas, pero pasa del. Esta noite está ocupado.

Gasta horas explorando habitacións e baños; nada. Aburrido, sae ao xardín traseiro. Sentado entre carballos atopa un home negro bastante maior, atlético, perilla cana e careco. Está fumando un peta.

—Fai? —acéptallo— Como vai a noite?

—Mal, paseina buscando os de Novedades.

Bah, eses igual nin viñeron, montan isto por aparentar.

Está canso e queda co vello. Resulta ser un tipo interesante, cóntalle historias da movida de Vigo nos 80, dun programa de radio que tivo, pon a parir a industria. Xa clarea e sen alternativas decide lanzarse.

—Eu teño un grupo, Intruder, —disimuladamente afrouxa e saca o móbil nun só xesto– molaría que escoitases o single.

O señor agora non semella nada atlético senón gordo. A cara ínchalle cun papadón que estira a perilla.

—Claro, podes mandarmo…

—Ou agora, teño aquí o móbil.

O gordo vírase asustado e anoxado. Xa non é negro, as primeiras luces do día brillan na calva branca.

Que? De onde sacaches ese móbil? Mira, teño que marchar.

Lisca correndo. El fica desconcertado. Sucédense varios berros e a festa remata en desbandada. Baixo o sol os carballos resultan eucaliptos. Atravesa a casa que agora parece pequeniña, a pantera descabezada, era de cartón. Atopa os Intruder na entrada. De mañá non hai furgoneta nin rapazas, marchan camiñando en silencio pola cuneta dunha estrada deserta.

—Tíos, creo que Antón Reixa é negro.


Source: BIOSBARDIA

2018-06-07T00:57:25+00:00 07 / 06 / 2018|BiosBardia|