A historia esquecida dos apaches

Inicio/Actualidade Literaria/A historia esquecida dos apaches

A historia esquecida dos apaches

Álvaro Enrigue é un dos grandes novelistas do xénero histórico culto e moderno. É dicir, non esperen os lectores do autor mexicano un best-seller do estilo de Ken Follett ou Ildefonso Falcones. Este escritor é máis ben da liñaxe de Sebald ou de Magris pero ten maior capacidade para o relato histórico propiamente dito, con personaxes, atmosferas e acontecementos da máis clásica narrativa. Pero sempre cun ollo posto na propia relación do escritor co tempo histórico que quere facer revivir. Nesta novela, Enrigue (e a súa familia) é personaxe de ficción tamén, e case tanta relevancia ten saber da epopea tráxica dos apaches como desa viaxe íntima mais tamén épica dunha familia de hoxe en día na pescuda da memoria dunha nación destruída fisicamente mais que se resiste nos mapas e nos monumentos.

Ahora me rindo y eso es todo, publicado por Anagrama, é unha homenaxe literaria de grande altura ao pobo apache e aos seus últimos intentos por sobrevivir nun contexto moi duro, perseguidos durante séculos até seren esquilmados grazas á alianza tácita na súa contra entre mexicanos e estadounidenses. Figuras como o mítico Gerónimo cobran vida, xunto con personaxes anónimos dese territorio de fronteira (o equivalente, máis ou menos aos territorios de Sonora, Arizona e Nuevo México) onde a conquista, o racismo e a colonización foron creando un invivible clima de violencia.

Esta é unha novela didáctica no sentido que se aprende moito sobre os apaches con ela. Mais tamén unha novela na que a forma de contar ten tanta importancia coma o contido.

2018-11-15T13:28:27+00:00 15 / 11 / 2018|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario