Héctor Cajaraville: “Empecei a escribir con 40 anos; tres historias ao mesmo tempo”

Inicio/Blogs/BiosBardia/Héctor Cajaraville: “Empecei a escribir con 40 anos; tres historias ao mesmo tempo”

Héctor Cajaraville: “Empecei a escribir con 40 anos; tres historias ao mesmo tempo”

Héctor Cajaraville

César Lorenzo Gil.

Once portas (Xerais) é a última obra publicada por Héctor Cajaraville (Santiago, 1974). Mereceu o Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo 2016 e sumouse á listaxe de obras deste autor que foron premiadas. No seu haber ten o Xerais, o Raíña Lupa e o Meiga Moira. “Hai unha parte dos premios literarios que é un escaparate baleiro”, conta. Falamos con el de libros e de soños.

Once portas é unha novela curta na que se mesturan a historia e a intriga. De onde xorde a idea?

Do cansazo de escribir… Explícome. Cando rematei de escribir as miñas primeiras tres obras, que fun facendo todas a un tempo, quedei extenuado e busquei descanso na lectura. Fun á biblioteca pública de Santiago e atopei un libro que falaba sobre a muralla da cidade. Eu nacín en Santiago, vivo en Santiago e coñezo o que quizais sabe todo o mundo, que Compostela tivo muralla e que só queda un anaco do lenzo á altura de Mazarelos. E mentres lía aquel libro decatábame de que alí había unha historia, unha historia que tiña que contar. Un punto de partida para inventar unha novela.

Hai unhas semanas, aquí mesmo, María Solar explicaba que ela lle daba moita importancia ao rigor no relato histórico. Que non había nada inventado. Como traballa vostede?

Eu diferencio datos históricos de tramas novelescas. Neste libro todos os datos que aparecen están contrastados. Un lector interesado pode pescudalas e atopar que teñen a súa referencia real. Pero a trama pertence en exclusiva á miña imaxinación. Síntome moi a gusto con esa combinación. Paréceme unha delicia poder encaixar unhas personaxes e unhas situacións completamente imaxinarias nun escenario real.

A novela histórica é un xénero con gran produción e bastante repercusión. Falo doutras literaturas porque na galega segue a ser marxinal.

Penso que xa foi máis marxinal do que é. Non sei se é por moda ou por adaptarnos ao que, en efecto, se está a facer noutros sistemas pero vexo que cada vez se publican máis textos históricos. E está ben que se faga porque en Galicia hai moitísimos acontecementos que están a pedir novelas que os recreen e os difundan. Temos non só unha historia riquísima senón unha cultura na que eses feitos históricos encontran ese puntiño evocador, literario, máxico ou tenro que é perfecto para ese tipo de relatos.

Quéixase Manuel Gago de que en Galicia, en especial en Santiago, todos os temas históricos están ofuscados polo monotema: o Camiño e o mito do Apóstolo. Vostede demostrou en Once portas que hai marxe de variación.

En xeral, a cultura galega debe fuxir de pensar que só ten un ou dous temas relevantes de verdade. E xa falando concretamente de Santiago, coido que esta cidade, que é tan miña e que tanto adoro, ten un poder simbólico sobre todos os galegos; cando falamos de Santiago é raro que algún galego non se sinta identificado, pola pegada na súa biografía, pola súa forza, pola historia… A min interésame tamén ver como Santiago foi mudando nas últimas décadas. Como o cambio social e urbanístico provoca outras dialécticas, outros conflitos. Santiago, por exemplo, é hoxe a cidade na que se viviu o accidente de Angrois, a cidade do asasinato de Asunta Basterra. Estas novas realidades que foxen talvez dos tópicos sobre a historia da capital, parécenme moi interesantes e dignos de servir de temas para novelas.

Como lector, hai algún tema pouco coñecido do que lle gustaría ler nunha novela.

Pasoume un caso curioso. Sempre me interesou moito a historia das irmás Touza, quen en Ribadavia salvaron a vida de xudeus fuxidos do nazismo. Até pensei que eu mesmo podería escribir esa historia da que apenas se sabía nada. Así que imaxina a alegría cando vin que Emilio Ruiz Barrachina publicou un libro, Estación Libertad, onde se conta todo isto.

E en que momento do proceso creativo da obra decide presentala ao ‘Ánxel Fole’?

Xa a presentara previamente a dous certames. Nun deles o premio quedou deserto, cunha mención do xurado á baixa calidade das obras presentadas, por certo. Iso motivou que lle dese unha revisión a fondo antes de volver probar sorte nestoutro premio. E hóuboa.

Antes contábame que escribiu as súas primeiras tres obras todas a un tempo. Como é iso. Estaba vostede tan tranquilo na súa casa e…

Podería empezar a cousa así, si. Hai tres anos, máis ou menos. Eu tiña corenta anos, traballaba como corrector de textos e estaba a atravesar un momento baixo de traballo. E pensei que non debía ficar parado. Xa acumulara algunha experiencia como tradutor e participara na redacción dun dicionario. Sentíame moi próximo ao mundo editorial naquela altura. Estaba a ler moito do último que se publicaba en galego nas galeradas que corrixía para as editoriais… Así que aproveitei para facer algo que nunca fixera e que quizais sempre quixera facer: poñerme a escribir. A escribir literatura.

E tomouno a peito. Tres obras en paralelo non parece cousa doada.

O que pasa é que eu naquel momento non sabía ben que tipo de literatura quería facer. Novela para adultos? Novela xuvenil? Narrativa infantil? Así que o mesmo día abrín tres documentos de word e empecei a ver que saía de aí. E saíron tres obras que hoxe están publicadas, De remate, (Premio Xerais 2015), A caixiña dos rancores (Premio Raíña Lupa, 2016, publicada por Xerais) e Quen dá a quenda (finalista do Merlín 2015, publicada tamén por Xerais). E xusto como as tres tiveron éxito, hoxe sigo sen saber realmente a que dedicarme.

Como recorda aquel momento?

Foi un tempo moi intenso. Dediqueime a escribir a tempo completo. En catro meses tiña as tres obras prontas. Así dito parece moi rápido pero cada xornada era moi ampla. Recordo que quedaba ás veces até as catro ou cinco da mañá escribindo para ver de acabar un capítulo e logo pola mañá xa acordar cedo desexando ir escribir aquela idea que se me ocorrera na vixilia xusto antes de durmir. Por iso dicía antes que logo deste proceso quedara extenuado.

Vou ser malo. Vostede escribiu unha novela para adultos, unha para o público xuvenil e outra para o infantil. Casa perfectamente coa convocatoria dos Premios Xerais. De feito, no 2015 vostede gañou o Xerais e foi finalista no Merlín.

E ao Jules Verne non me presentei porque non me deu tempo acabar A caixiña dos rancores. Non escribín con intención de presentarme especificamente aos premios aos que me presentei. Pero si, xa durante o proceso da escrita, era consciente de que a mellor maneira de chegar a publicar era a través dun premio literario. Coidaba daquela e sígoo pensando que para un autor novel en galego non hai moita alternativa. Gañares un premio dáche un premio económico e permíteche un nivel de visibilidade moi superior ao de calquera outro xeito de publicación.

Como che dixen, eu nunca escribira, non formaba parte do mundo literario; non se me ocorría outro camiño. Co que non contaba era con gañar o Xerais, o primeiro premio ao que me presentei.

Como recorda gañar o Xerais?

Mira, o premio dáse sempre un sábado, pola tarde, na illa de San Simón. Pois o domingo posterior, xa de mañá, recordo recibir unha ducia de chamadas. Medios que querían entrevistarme, que me preguntaban polo libro… De repente víame a min mesmo fotografado na prensa e na internet. Cheguei a pensar que aquilo non era real, sentíame estraño con aquilo. O Xerais quizais non é o premio máis dotado economicamente pero coido que é o que ten máis prestixio e máis repercusión. Gañalo cando non tes experiencia como escritor é unha experiencia única. Gañalo ademais por unanimidade foi moi especial.

Logo nun período de ano e medio, máis ou menos, gaña outros tres.

E ese estrañamento continuaba. Cando me chamaban dun certame para anunciarme que gañara sentía esa mestura de nervios e ledicia que malamente se pode explicar. Tamén vas gañando experiencia, decátaste de que os premios teñen moito de azar, que son unha especie de sorte que ten a ver con que coincida o interese dun xurado concreto co tipo de obra que ti fixeches. Ese mesmo texto ten menos calidade cando outro xurado considera que nin merece estar entre os finalistas? Os autores temos que ter moi en conta isto cando nos presentamos e tamén cando gañamos.

Hai autores en Galicia que xogan, clandestinamente, ao bingo dos premios. Quérenos todos, polo menos os principais: o Xerais, o Blanco Amor, o Torrente Ballester, o García Barros, o Repsol… Vostede xa cantou unha “liña” cando menos.

Non teño obsesión ningunha con iso. É máis, hei confesar que penso que por unha banda, os premios poden chegar a ser un escaparate baleiro. Se gañas moitos premios seguidos hai unha parte do lectorado que pode chegar a pensar que para o único que serves como escritor é para atopares ese “xeitiño” concreto de agradar os xurados, que ao final non apostas pola calidade literaria nas túas obras. A min non me doe recoñecer que a pesar de gañar algúns certames relevantes logo cando se convocaron premios que valoraban obras publicadas, é dicir, obras que xa se sabía que eran miñas, nunca fun recoñecido. Non sei se é bo ou malo pero si que me dá que pensar.

Así que nos próximos meses non aparecerá vostede como premiado nalgún outro certame?

Sinceramente, arestora teño dous libros á espera de ditame de xurados de premios literarios. Son as dúas últimas novelas que escribín e presenteinas porque considerei que de saír algunha delas como gañadora consigo unha recompensa máis inmediata ca o pagamento dos dereitos de autor dunha publicación normal. Pero coido que aquí acaba de momento a miña relación cos concursos literarios. Para min foron estupendos e cumpriron esa función que coido que é a principal que teñen: dar a coñecer novos autores. Pero eu agora xa coido que teño posibilidade de publicar por outras vías e é hora de que proben outras voces. Nestes meses fun xurado (como gañador dunha edición anterior) do ‘Ánxel Fole’ e do ‘Raíña Lupa’. E teño que recoñecer que hai un alto nivel e universos literarios moi interesantes que están por descubrir.

Ademais, e recordo o que che dixo a ti nunha entrevista Diego Ameixeiras, a min gústame escribir, non ser escritor. Hai cousas que me prestan, caso do contacto cos lectores. E desfruto nos clubs de lectura e especialmente nos colexios cos cativos, porque notas que te len porque queren e que lles gustou a historia que ti inventaches. E iso é incrible porque non é doado, polo menos para min, crebar esa obvia distancia entre ti como autor e eses nenos como lectores. Pero logo recoñezo que entendo que as presentacións son fundamentais para difundir a obra pero a min non me gustan.

Xa me dixo antes que cando se pon, ponse a escribir en serio. É de corrixir moito?

Corrixo a medida que escribo. Agás no caso de Once portas, que si revisei a reformulei a fondo, o meu método consiste en ir avanzando pasiño a pasiño, capítulo tras capítulo que reviso conforme o vou incorporando ao volume. Así ao final xa teño o texto corrixo e rematado e xa non volvo sobre el.

E ten persoas de confianza que lle len os orixinais?

Non só iso. Tamén me propoñen temas sobre os que escribir. Eu son unha persoa que me gusta ese tipo de desafíos. Ás veces as historias veñen para ti de dentro de ti pero outras veces non teño medo en ilas buscar ou en escribir sobre aquilo que me propoñen que escriba.

Que libros leu recentemente?

Eu leo moitísima literatura galega. Primeiro porque forma parte da miña profesión como corrector de textos. E tamén porque de escoller, escollo ler libros de persoas coas que podo dialogar sobre a súa obra. E iso é ben máis doado se leo autores actuais en galego. Sei que me estou perdendo grandes obras que se publican arestora noutras linguas pero o tempo é limitado, non si? Veño de rematar varios pero vou recomendar só tres: Nordeste (Galaxia), de Daniel Asorei, que é un relato fantástico, que empeza nunha Galicia poderosa internacionalmente que conseguiu levar o mar a Compostela. Paréceme unha novela con moita potencia. Culpable, o libro de poemas co que Eli Ríos gañou o Premio López Abente 2017 que convoca o Concello de Muxía (vai ser publicado en novembro por Xerais). É unha obra luminosa, con moito sentido do humor. E por último, unha novidade recentísima: A arte de trobar, de Santiago Lopo, Premio Xerais este ano. Ao ver a temática (Idade Media, trobadorismo…) un pode pensar na típica novela de instituto, máis ben árida. Mais logo non, o autor construíu unha historia divertidísima que paga moito a pena.


Source: BIOSBARDIA

2017-10-16T19:54:56+00:00 16 / 10 / 2017|BiosBardia|