‘Fisterrania’, outra vía para a novela histórica galega

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Fisterrania’, outra vía para a novela histórica galega

‘Fisterrania’, outra vía para a novela histórica galega

Para a xente que pensamos que a crítica dunha obra literaria debe abordarse intentando xulgar a obra nos seus propios termos[1], é ben acaído que Xerardo Vidal publicase no seu blog unha declaración de intencións referida á novela autoeditada da que me ocupo aquí, Fisterrania. Os termos que establece Vidal para a súa propia obra poden resumirse do seguinte xeito: novela aventureira de camiño e espada pensada principalmente para o entretemento, ecos da novela de quiosco e de serie B cinematográfica sen gran transcendencia, trama lineal, extensión breve, contención narrativa, preocupación non excesiva pola verosimilitude. A novela, ambientada no século XIII, segue as peripecias de Brandán, un home algo brutallán que emprende unha peregrinación ritual a Fisterra despois de que seu pai llo pedise no seu leito de morte. Acompaña a Brandán un amigo da infancia, Roi, agora freire, e úneselles logo unha muller chamada Dosinda.

Capa de ‘Fisterrania’.

Dos criterios que Vidal se marcou a si mesmo, resúltame particularmente interesante a súa actitude frente á cuestión da verosimilitude, particularmente nun contexto en que sistematicamente se xulga como mérito, sen máis xustificar nin debater, que o autor dunha novela histórica acumule grandes cantidades de documentación (ver, por exemplo, o ditame do último premio Xerais). O que adoita pasar en moitos destes casos é que o autor é quen de darche todo tipo de detalles sobre o estilo arquitectónico da época, xeitos de vestir, costumes culinarios, etc., pero logo non lle dá ningún reparo meterche, sen avisar, anacronismos nos xeitos de pensar e de ver o mundo: señores celtas, romanos, medievais ou modernos falando de nación, de lingua e de dereitos humanos tal cal fosen deputados do BNG, vaia. Vidal cae aquí en anacronismos semellantes (non vexo eu un vello labrego do século XIII tendo unha bucket list, unha lista de cousas que querería facer antes de morrer, e aínda menos impoñéndollela aos seus familiares), pero, en comparación cos exemplos aos que aludía antes, aquí non importa porque xa queda establecido desde o principio que non vai disto a novela: o que se pretende é presentar uns personaxes tipo que o lector poida identificar con máis ou menos facilidade, como adoita ser o caso neste tipo de literatura. Houbo, non obstante, algún anacronismo que me renxeu un pouco máis e botei de menos algún detalliño histórico que outro, sen abusar, que nos permitise situar un pouco a escena: nestas novelas importa a trama, por suposto, e aquí é ben interesante e mesmo orixinal, pero importa tamén que o autor nos aguilloe algo a imaxinación.

Interesoume tamén o xeito en que Vidal intenta ofrecer unha lingua funcional, sen moita complicación, con algún coloquialismo e que permita unha lectura rápida. O problema, porén, é que faltou un pouco máis de traballo para que este tipo de estilo fose consistente en toda a novela. Hai partes en que se cae arreo no adxectivo banal e posto como ao chou (unha praga na literatura galega), e os diálogos resultan excesivamente longos ás veces como para manter a tensión narrativa (dúas ou mesmo tres páxinas de diálogo seguidas nunha novela de 109 páxinas). Neste tipo de novelas, o uso da lingua tende tamén a estar orientado a sinalar e identificar ben claramente certas situacións ou personaxes que son importantes estruturalmente e funcionan como gancho para a lectura; este tipo de sinalización sería excesiva e mesmo aliteraria noutros contextos, pero aquí faría falta un pouco máis disto para enganchar o lector e non deixarlle que pouse a novela. Por exemplo, cando Vidal presenta por primeira vez a peregrinación a Fisterra, puidera ter afondado ou ben nas razóns que poden levar a Brandán a aceptar o encargo do pai (e ao pai a facer este encargo) ou ben nos perigos que esta viaxe presenta, ou nas dúas cousas á vez para deixar ben claro que este é un turning point na novela, que hai aí un misterio que non imos descansar ata que desvelemos.

De xeito se cadra lóxico, a novela é debedora de certas técnicas da linguaxe audiovisual. Os capítulos son curtos e moitas veces rematan cun cliff-hanger ou cunha frase lapidaria dunha das personaxes; para isto último Vidal ten moito talento. Non resulta difícil imaxinar estes capítulos como escenas dunha película ou dunha serie. Dá a impresión ás veces, porén, que Vidal se centrou demasiado no audiovisual e esqueceu o literario: hai escenas que resultan pouco comprensibles e precisan dunha relectura (o que neste tipo de literatura non é un mérito). Son escenas que vexo funcionando moi ben no cine ou na televisión se viñesen acompañadas, por exemplo, dun certo tipo de música ou certo movemento de cámara que aclarase a súa intención final. A literatura non ten ao seu alcance ningún destes dous recursos, logo faría falta buscar algunha outra estratexia que as substituíse.

O problema, se cadra, é lembrar que este tipo de literatura tende a encerrar un paradoxo: para que non traballe o lector, antes ten que traballar o escritor. A lectura rápida e sen complicacións que por propia admisión pretende Vidal tropeza ás veces coas pexas que comentei antes. Porén, Vidal apunta aquí varios camiños interesantes para unha narrativa popular galega maxicamente liberada da obriga de achegar tamén comentario político, histórico ou social do que somos ou o que fomos. Considero que só por iso paga a pena descargar a novela, dispoñible na páxina do propio Vidal.

[1] Coido, non obstante, que tamén pode ser función da crítica dilucidar se os termos que establece o autor son os máis adecuados ou non: unha pode xulgar unha novela, digamos, didáctica nos seus propios termos (se consegue que o lector aprenda algo, etc.), pero iso non quita que tamén poida falar de se ten sentido escribir novelas deste tipo nos nosos días.

♦ Fisterrania, de Xerardo Vidal. Edición do autor, 2017. 109 páxinas. ♠5,90€

Eva Moreda.


Source: BIOSBARDIA

2018-01-10T08:16:26+00:00 10 / 01 / 2018|BiosBardia|