Éxito do Ano Gloria Fuertes

Inicio/Actualidade Literaria/Éxito do Ano Gloria Fuertes

Éxito do Ano Gloria Fuertes

Ás veces prodúcense milagres. Que un centenario consiga que unha autora parcialmente esquecida volva poñerse no centro da actualidade literaria, consiga bonitas e potentes edicións e renove o grupo de lectores e fans. Pois iso pasou con Gloria Fuertes.

A autora madrileña estaba “caricaturizada” até este ano como unha autora infantil e televisiva. Varias xeracións de crianzas medraron vendo en Televisión Española a escritora, que foi fundamental para promover e popularizar a poesía pensada para os máis cativos. Esta imaxe foi tan potente que borrou para moitas persoas afeccionadas á literatura todo o que Gloria Fuertes significara na poesía feminina do século XX en castelán.

Aproveitando o centenario do seu nacemento, varias editoras consideraron chegado o momento de restañar esa ferida histórica. Reeditouse con bo gusto a súa obra e sobre todo abriuse un diálogo público e a varios niveis sobre o valor literario da súa obra. A súa poesía sinxela, do cotián, considérase hoxe en día de gran profundidade literaria e moitas son as voces críticas que afirman que a súa poética está hoxe máis vixente ca a obra de voces máis canonizadas.

Son moitas as opcións e niveis de lectura dispoñibles para as persoas que se queiran achegar á figura de Gloria Fuertes. Durante este 2017 apareceu en libros infantís, ilustrados, biografías, recompilacións antolóxicas.

Pola súa singularidade, escollemos o libro da serie ‘Pequeña & Grande’ de Alba, dedicado á escritora.

Ao tempo, recomendámosvos que lle botedes unha vistada no buscador a todas as referencias que vos aparezan por Gloria Fuertes. Paga a pena.

2017-11-03T11:53:30+00:00 03 / 11 / 2017|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario