Exercer a arte, exercer a crítica: Algúns ensinos da música durante o franquismo

Inicio/Blogs/BiosBardia/Exercer a arte, exercer a crítica: Algúns ensinos da música durante o franquismo

Exercer a arte, exercer a crítica: Algúns ensinos da música durante o franquismo

Joaquín Rodrigo e a súa muller, Victoria Kamhi.

Eva Moreda.

Como queira que o director de Biosbardia non atopou aínda o xeito de monetizar esta páxina, os que aquí escribimos, que coido que ningún somos rendistas, temos que desempeñar todos unha ou varias outras ocupacións, que no meu caso inclúen investigar algunhas cousas e publicar outras sobre o que pasou coa música clásica no Estado Español aló pola volta de 1939. Este pluriemprego pode ter momentos bastante gratificantes, como cando maxicamente les algo en Biosbardia e che recorda a algunha outra cousa que liches na túa ocupación habitual. Isto pasoume cun artigo recente de Xesús González Gómez sobre os premios en Galicia e, secundariamente, sobre a crítica literaria. Traio, en concreto, tres citas desenterradas da prensa musical e documentación similar dos anos 40 por se a alguén máis lle parecen interesantes.

A primeira é unha carta do director xeral de Prensa ao director do diario Pueblo aló por outubro de 1940. Joaquín Rodrigo, entón compositor novo e prometedor, había pouco que se estreara no xornal como crítico musical. Isto dicía o director xeral:

«Esta Dirección General ha observado que los críticos musicales se exceden a menudo en su función, especialmente con relación a aquellos conciertos y reuniones oficiales a los que tratan rigurosamente, sin tener en cuenta que el resurgimiento musical español, fin a que tiende el Organismo Nacional esta materia, obliga a los críticos a ajustarse a determinados límites en cuando al enjuiciamiento y la calidad y finalidad artísticas de los mismos».

Continuaba o director xeral recomendando que non se criticasen negativamente os concertos organizados polo Estado para non entorpecer o seu labor, ao tempo que admitía que a crítica non ten por que ser sempre eloxiosa, pero si debe ser benévola. Terminaba recomendándolles aos críticos musicais que fosen esixentes cos intérpretes, pero sen pararse en “frivolidades” (confeso que non entendo ben a que frivolidades se refería o director xeral: a tocar desafinado, por exemplo?).

A lectura desta carta tráeme á memoria un libro publicado en 1943 polo xornalista andaluz Manuel Prados y López, Ética y estética del periodismo español, prologado polo delegado nacional de Prensa. No capítulo dedicado á crítica de arte, dicía Prados y López que: «en la nueva España, donde interesa aprovechar todos los valores, la crítica negativa es, no ya de mal gusto, sino intolerable y peligrosa para la función del Estado».

Pasaba ás veces tamén daquela que un crítico reseñaba un concerto que el mesmo organizara ou no que participara como intérprete ou compositor. Aínda que os críticos ás veces mostraban nos seus escritos certa mala conciencia por isto, ao final tendía a quedar todo nunha especie de: Boeno, se somos tan poucos aquí facendo música, pois que lle queres.[1] Ou, como escribía Federico Sopeña en El español en 1943:

«La crítica musical de hoy se halla casi en su totalidad confiada a profesionales. Será siempre cuestión vidriosa intentar un juicio valorativo sobre esta coincidencia de profesional y crítico. Desde un punto de vista puramente práctico, la crítica de los profesionales, cuando se mueve en un ambiente tan pequeño, tiene que renunciar deliberadamente a una posición de estricta justicia».

 

[1] Esta afirmación non está falta de verdade, posto que gran parte do establishment musical da República se exiliara. Non obstante, non quita que houbese outros músicos que seguramente terían estado dispostos a achegar o seu traballo e liberar os compositores e intérpretes da penosa tarefa de ter que reseñar os seus propios concertos se se lles dese a oportunidade ou se as condicións do sistema fosen doutro xeito. Por outra parte, esta endogamia musical tampouco a inventou o franquismo. Salvador Bacarisse, que era antifranquista e se exiliou, era nos anos 20 director de Unión Radio e desenvolveu un ambicioso plan por promover a música contemporánea española, que viña a ser a súa propia e a dos seus compañeiros agrupados no Grupo de los Ocho.


Source: BIOSBARDIA

2017-12-01T00:46:00+00:00 01 / 12 / 2017|BiosBardia|