‘Espiñas que se cravan’ vs ‘Un novo horizonte’

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Espiñas que se cravan’ vs ‘Un novo horizonte’

‘Espiñas que se cravan’ vs ‘Un novo horizonte’

Balea. JOSÉ ANTONIO NAVAS/FLICKR.

No grupo A nesta terceira xornada asistimos ao duelo entre Ana Vigo e Xosé Duncan sobre o tema: “Balea”.

Espiñas que se cravan

 

—Balea, balea!

Aí están doutra volta. As voces mesturadas crávanse na súa alma coma espiñas na pel; semella que non doen; unha, dúas, até tres, son soportables. Pero, que facer cando tes cada recuncho do teu ser ferido por esa arma punzante?

 

—Coidado, é a balea! Aparta ou hate papar.

—Mira como camiña!

—Mira como viste!

—Mira como mira!

—Uh, está a fitar para aquí! Que noxo, espero non gostarlle.

—Que dis? Seguro que é lesbiana. Tede coidado, rapazas!

 

As espiñas cravadas non doen tanto; só o fan se as sofres día tras día, se as removes para afondar na ferida, se ao longo da túa existencia non fas máis que sangrar.

 

—Escoitei que a balea te insultou por redes.

—Esa gorda envexosa! Vaise enterar

—Pero estas seguro?

—Claro, díxomo o amigo dun amigo…

—Mira para ela, que cara de puta que ten. É unha envexosa.

—É bollera, seguro que lle gustas.

—Quererá chamar a atención… Menuda porca. Vouna matar.

 

As espiñas, ás veces, poden semellar espadas. Entón as feridas son tan fondas que tocan as túas entrañas. Atravésante sen piedade, fan que te retorzas de dor. Cando non hai axuda posible, e todo o mundo semella inimigo, as espiñas son máis letais que a morte.

 

—Xa está a balea de volta. Seica non aprendeu a lección.

—Teremos que repetirlla, entón.

—Imos agora, antes da clase.

—Mirade, vén canda nós. Seica é masoca, e mólalle que batan nela.

—Que leva na man?

—Un vibrador, seguro, co porca que é…

—En serio, leva algo na man. Semella unha…

—Meu Deus! Correde, é unha…

 

Cando as espiñas son fondas de verdade, poden xerminar no teu corazón. Neses casos, o teu interior magoado vese alimentado polas súas enredadeiras, a ramaxe recobre o teu interior e aniquila o teu ser. Non serás o mesmo nunca máis, tras esa muralla de medo e dor. Unha muralla que, ás veces, pode devolver o dano recibido. Ata a espiña máis pequena pode crecer e formar unha selva de destrución.


Un novo horizonte

 

Os tres cativos empurraban a cría de balea con todas as súas forzas. Fincaban as dedas na area e cravaban as mans na dura pel do animal, mais, aínda así, non conseguían achegalo á auga.

A desgraciada levaba varada dúas noites, agonizando pola seca e pola falta de alimento. Eles descubrírano nun dos seus paseos ao solpor. Ao principio non o distinguiran ben e discutiran un bo anaco sobre que podería ser aquel vulto deitado na praia. Mais alí estaba ela, cos ollos a esbagoar a través da area que se lle apegaba e a bufar por aquel furado no cumio da testa como se fose un fol estragado.

Correran, case voaran, a chamar pola xente. Petaran nas portas e berraran baixo as ventás. Porén, despois dun día e unha noite, só as súas propias familias lles abriran. Ignorando as protestas dos rapaces, pedíranlles que deixasen de molestar os veciños, que xa abondaba de dar aquel espectáculo histérico e desmedido.

A avoa dun deles saíra a falar cos cativos. Dixéralles que así era a vida, que non había quedar o mar sen baleas por deixar que unha morrese na costa. Eles romperan a chorar de impotencia. Emocionada polos seus prantos, a vella axeonllárase e colléraos polos ombreiros. Apertáraos contra ela e bisbáralles que acougasen, que de nada valería botala ás ondas da ría, que iso non evitaría que outra volvese varar, que había cousas que eran invariábeis e que as debían aceptar por moita dor que lles puidesen causar.

Arrastraran os pés, afundidos polo peso da derrota, de volta á praia. Fitaran os enormes ollos do animal, aqueles dous pozos cheos de bondade e inocencia que, sen dicir ren, dicíano todo. Antes de se decataren, botáranse sobre el, entregándolle a incombustíbel enerxía da nenez.

E alí seguían. Empuxados pola apatía dos seus, empurraban a cría de balea, coméndolle centímetros á area con cada alento que entregaban a aquela causa que os demais daban por perdida.

E alí venceron. Despois de máis de media noite a queimaren a súa xenreira, o animal aboiaba na beira, feble e desorientado por estar cravado durante dous días nun mundo que non lle correspondía.

Metéronse na auga, abrazándose ás súas aletas, e igual que loitaran pola balea na terra, así o fixeron no mar. A cría liberada contaxiouse dos seus azos e bateu con forza a cola. En pouco tempo, os tres pasaron de puxar a se abrazar e suxeitáronse á criatura que se afastaba da costa. Un deles volveu a vista para se despedir das luces das casas, porén, arrolados polos cantos da súa compañeira, axiña os tres cravaron a mirada naquel novo horizonte que cortaba o albor en dous.


Source: BIOSBARDIA

2017-11-08T01:55:07+00:00 08 / 11 / 2017|BiosBardia|