Esas simpáticas e inquietantes ratas

Inicio/Actualidade Literaria/Esas simpáticas e inquietantes ratas

Esas simpáticas e inquietantes ratas

A editorial Rata estase impoñendo pasiño a pasiño entre os amantes da literatura de calidade. A colección que dirixe Iolanda Batallé mantén unha liña baseada na axenda propia e na aposta por textos diferentes, con forte personalidade, capaces de sorprender os lectores cansos das lecturas de fórmula.

Até agora Rata publicara esencialmente novelas (caso da prestixiada La vegetariana, da coreana Han Kang), diarios, memorias… Mais o seu último libro non é nada diso. Ratas, de Julio César Pérez (máis coñecido como Amarillo Indio) é un libro gráfico. Aí remata o consenso. Porque… é un cómic, un poemario visual, unha gamberrada? Non está claro. Nin falta que fai. Esas simpáticas e inquietantes ratas debuxadas cun trazo aparentemente inseguro polo artista mergúllannos nun universo distinto, tan orixinal que consegue a un tempo parecernos próximo, familiar, e ao mesmo tempo imposible, afastado de calquera outra cousa que leramos antes.

Ratas é un libro moi recomendable para eses lectores inconformistas que se van encontrar con píldoras de vida convenientemente recubertas de humor e de tenrura. Mais tamén de desacougo. Neses debuxos que parecen improvisados, o autor deixou unha pegada indeleble, un ronsel no que converxen a literatura, a socioloxía, a filosofía… nunha síntese perfecta dese mundo humano en miniatura que ocupan estas ratas.

Lecturas relacionadas: O teatro de Ionesco e mais de Samuel Beckett, as ilustracións de Tom Gould, as greguerías de Ramón Gómez de la Serna.

2018-01-19T09:27:48+00:00 19 / 01 / 2018|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario