Entrega

Andei a esculcar, ano tras ano,

con atento e delicado ouvido,

a voz de cada ser ou cada cousa:

o centilante sorriso do orballo,

a sinfonía do día baixo a luz,

a palabra sacramental dos ríos,

a cifrada mensaxe das estrelas,

os latexos da noite,

o sutil pestanexar da rosa,

o rumor das nubes camiñantes,

o doce fluír do noso sangue,

a animación de todo o inanimado.

E podo afirmar ca boca chea:

paisaxes, cousas e animais

falan galego.

Só en galego

se pode comprender e posuír

a total plenitude desta terra.

(Oráculos para cabaliños do demo, 1986)

2016-05-04T17:05:54+00:00 04 / 05 / 2016|2016 Concurso Día das Letras Galegas|

Deixe o seu comentario