‘Entre hienas’, axustando contas co pasado

Inicio/Actualidade Literaria/‘Entre hienas’, axustando contas co pasado

‘Entre hienas’, axustando contas co pasado

Entre hienas (editado por Funambulista), de Loreto Urraca Luque, é unha novela que se debe ler tamén como un testamento, como unhas memorias inversas, como un informe de danos e prexuízos, como un axuste de contas dunha neta co seu avó.

Urraca Luque conta nesta obra a vida de Pedro Urraca Rendueles, un axente franquista responsable da localización e detención por parte das diferentes policías (a alemá, a francesa, a española) de políticos republicanos (o caso máis importante o de Lluis Companys, presidente da Generalitat de Catalunya que foi asasinado despois en Barcelona polo goberno de Franco) e resistentes contra o nazismo (como por exemplo Jean Moulin).

Urraca Rendueles é avó de Urraca Luque, que opta polas técnicas da ficción para achegarse a ese tenebroso pasado familiar. Dun xeito aséptico e moi rigoroso co esquelete da literatura, a autora española consegue distanciarse da figura do avó até o punto de que non hai sombra de sentimentalismo. Hai contexto (moito contexto) pero Loreto Urraca non cae na tentación de intentar “xustificar” as actividades do seu avó. Entre hienas asume a dor da culpa allea, da vontade criminal e inxusta dunha persoa coa que se comparte sangue pero que ninguén colla este libro pensando que vai haber unha reflexión sobre esa carga xenética nos actos dos herdeiros dun criminal. Entre hienas é unha novela que se le como unha novela. Vimbios de ficción para construír un mundo real e próximo.

2018-10-04T10:25:35+00:00 04 / 10 / 2018|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario