‘Electrosó’ vs ‘Ensináronnos a terlle medo á liberdade’

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Electrosó’ vs ‘Ensináronnos a terlle medo á liberdade’

‘Electrosó’ vs ‘Ensináronnos a terlle medo á liberdade’

Soidade. CEYHUN JAY ISIK/FLICKR.

Primeira xornada. Grupo C. Carlos Vega contra Natalia Lema. Tema: A soidade no século XXI

Electrosó

Asunto: Nom de plume

Data: 17/03/2017

Destinatario: caloshvega@gmail.com

Autor: alasdairpotrer@gmail.com

Boas, Huesos, encántame o feito de que te publicases aos 19 anos. Encargareime de pedir unha copia. Podo axudarche dalgunha outra forma? Non falo español nin galego pero teño lido os teus relatos desde, creo, maio de 2015 e estou fascinado do teu talento, intelixencia, orixinalidade e conciencia cultural. Encantaríame saber máis da túa historia e filosofía. Creo que algún día chegarás a ser un dos grandes escritores ibéricos. A nota do teu libro suxire que vives nun mundo máis de libros que de persoas, eu son similar excepto que o meu mundo é pintar e debuxar, vivindo só nunha gran casa cerca de Oxford, Inglaterra. Pero cando un familiar íntimo morreu tras cinco horribles semanas no hospital escribín o bosquexo para a historia “Sala de morte” pero foi demasiado depresiva, non gótica, senón macabra. A morte e o suicidio teñen un gran papel no teu traballo. Todos compartimos brevemente a mesma conciencia pero o escritor ou o artista poden convertelo nunha obra de arte, literalmente no teu caso, e incluso a súa morte chega a ser unha mestría.

Deséxoche boa fortuna nos teus futuros esforzos e gustaríame ter noticias túas algunha vez,  o meu correo electrónico alasdairporter@gmail.com.

De feito o meu nome é Julian, A.Porter só é un nom de plume para a internet, A…. era un amigo  que morreu polo mar, de forma romántica, sen comprender o poder da Natureza.

Best Wishes Boa sorte. Julian.

 

Asunto: Tecnoloxía¡

Data: 20/03/2017

Destinatario: caloshvega@gmail.com

Autor: alasdairpotrer@gmail.com

Mon cher Valmont, alégrome moito de que a entrevista fose ben, celebrareino con champaña e porto! Só podo desexar que estiveses aquí comigo.

Non es o único que se sente en 1924 coa tecnoloxía, eu estou en 1724, tamén teño plumas, tinta e cera para selar. Por exemplo o meu escritorio ten 200 anos e un dos meus coches xa anda polos 30 (Pasatempos, xa o sei). Agardo non estar a desperdiciar o teu valioso tempo alí onde vives.

Estou encantado de que che vaia ben meu querido amigo.

Os meus mellores desexos. Julian.

 

Asunto: Tecnoloxía¡

Data: 27/03/2017

Destinatario: caloshvega@gmail.com

Autor: alasdairpotrer@gmail.com

[…]

Cando me preguntan pola miña sexualidade intento evitar contestar. Intentei amar a mulleres pero non foi bo.

Estou máis atraído a homes pero o sexo con eles é imposible, non podo nin mirar.

Así que non son nada. Que se fodan todos.

Como Frankenstein sento só nun bloque de xeo. Busco un compañeiro amable que non me desaprobe.

Ou se ría.

 

Asunto: Sobre ti

Data: 10/04/2017

Destinatario: caloshvega@gmail.com

Autor: alasdairpotrer@gmail.com

O teu inglés é precioso, escoitarte falar español debe ser como mel quente. Copiei todos os nosos correos electrónicos nun pequeno caderno polo moito que me gustan.

Cando estiven na libraría intentando comprar Aldea sentíame orgulloso de dicir “É de Carlos Vega Pérez”.

Quero que teñas a vida que mereces con libros, escribindo, unha libraría e familia encantadoras.

Es único.

Sinto se isto é difícil de traducir.

Os meus mellores desexos. J.

…………………………………………….

Ensináronnos a terlle medo á liberdade

“Ensináronnos a terlle medo á liberdade, medo a tomar decisións, medo á soidade.

Vas quedar soíña? Por que tan soíñas rapazas? (…) “

Marcela Lagarde, A soidade e a desolación

 

Chegou a casa e pousou as chaves no recibidor, o único son notorio que se escoitou foi o suave contacto do metal co recipiente. Todo estaba en silencio, nun silencio atronador que facía que as paredes se tornasen opresivas para ela. Paula recostouse na parede e exhalou un trémulo suspiro. As mañás na oficina eran igual de asfixiantes. O son dos teléfonos bruando antes de seren descolgados, os compañeiros bulindo e as triviais conversas que se estendían pola sala de telefonistas daquela tan coñecida marca estatal. A vida é así, tanta xente podes ter ao redor e sénteste soa e desolada por antonomasia.

Agora entra na ducha. Enche a bañeira sentíndose unha pinga de auga doutra cor no medio dun océano inmenso que ningunha relación garda con ela. A auga non é nada máis que unha metáfora da súa vida. A soidade é algo intrínseco na súa persoa, algo co que naceu e unha forte carga que leva sobre os ombreiros. Pésalle na alma que sempre lle digan se ten mozo ou onde van os seus fillos coma se os trinta xa fosen unha idade provecta. Pésalle querer estar soa e vivir rodeada de xente que só é ruído. Tan fonda é a incomprensión.

Agora saca de vagar a roupa. Primeiro o groso xersei de la, o pantalón, o suxeitador e acaba deslizando as súas bragas até caeren aos seus pés. Como cada tarde, somerxe o seu pé na auga e proba a súa quentura. Está fervendo, como a ela lle gusta. Somérxese enteira na auga con présa e o calor, mesturado co vapor, envólvea. Esa era a soidade, espallada polos corazóns de tantos e tantos humanos ao longo da historia, en tan variadas épocas.

Logo, cos ollos pechados acercou a súa man á entreperna e empezou a masturbarse lentamente. Nunca a soidade lle pareceu tan atractiva.


Source: BIOSBARDIA

2018-04-12T03:00:54+00:00 12 / 04 / 2018|BiosBardia|