‘El cielo según Google’, a vida que non esperas

Inicio/Actualidade Literaria/‘El cielo según Google’, a vida que non esperas

‘El cielo según Google’, a vida que non esperas

Marta Carnicero está considerada unha das voces renovadoras da narrativa catalá. A súa novela El cielo según Google aparece agora traducida ao castelán no selo Acantilado e confirma as expectativas.

A escritora non necesita crear grandes expectativas desde o punto de vista da técnica e do argumento para ofrecernos unha gran novela, que se le con agrado e que serve tamén para reflectir determinados cambios e vicisitudes das relacións persoais nestas primeiras décadas do século XXI. Nese sentido, a obra de Carnicero será ben recibida por lectores que busquen unha historia cotiá, incluso costumista, pero capaz de provocar o interese por uns personaxes cheos de matices e construídos con abonda profundidade psicolóxica.

A novela xira ao redor dunha parella da clase media catalá. El, Marcel, é profesor de instituto. Ten a praza gaña e parece acomodado nunha vida de adulto postadolescente, entre a bici, a música clásica e a vida doméstica ben arranxadiña con Júlia, filla dunha boa familia francesa na casa dos que vive a parella. Logo de intentar ter descedencia optan pola adopción de Naïma, a nena que ha desestabilizar o esquelete da relación. Onde había amor só haberá sospeitas e reproches. Os amantes convértense en estraños pouco e pouco, pendentes de que a vida que realmente paga a pena está noutro lugar.

Porque rapidamente a nena se converte nun factor de inestabilidade. O seu poder para reclamar atención e tempo dana irremediablemente un amor que non consegue adaptarse ao que se espera dunha familia do século XXI. Naïma acabará por medrar e unha parte da novela pescuda nos desafíos que ela mesma ten que acometer como nai nese suposto futuro que a autora nin se molesta en diferenciar no esencial do noso presente, vinte e tantos anos antes.

 

2018-10-25T13:31:50+00:00 25 / 10 / 2018|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario