A educación dunha nena católica

Inicio/Actualidade Literaria/A educación dunha nena católica

A educación dunha nena católica

Ultimamente neste espazo da Aira das Letras Irlanda cobra protagonismo. É moi interesante a oportunidade editorial que algúns selos nos están dando para descubrir autoras que aínda sendo famosas, incluso tendo obra publicada anteriormente en castelán, recuperan agora o protagonismo que merecen. Unha destas autoras é Edna O’Brien, cuxa obra está volvendo a estar dispoñible en castelán a través de Errata Naturae. Desta volta falaremos dun dos seus últimos libros publicados, Un lugar pagano.

O lugar pagano do que fala o título desta novela é en realidade o rural irlandés entre as décadas do 1930 e 1950. Un mundo católico, pechado, cheo de silencios e soños sen cumprir, no que medra a protagonista. Esta novela de O’Brien pode pertencer ao xénero das chamadas novelas de aprendizaxe xa que percorre a infancia e a adolescencia da personaxe central. Pero para a autora irlandesa, as convencións sempre están de máis.

A súa proposta literaria é arriscada, orixinal, xenuína. Combina un exercicio de memoria meticulosa co detalle cunha sensación xeral de irrealidade, de que todo o que se recorda (como en verdade ocorre) pasa a ser ficción, un xeito persoal de afianzar a historia. Contodo, a novela de O’Brien non presenta unha lectura difícil nin minoritaria. Podemos, como lectores do noso tempo, identificarnos perfectamente cunha atmosfera que ten certas semellanzas coa Galicia tradicional, que mantén unha semellanza xeral cunha sociedade que se esgaza sen saber moi como nin por que.

Lecturas relacionadas: Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas; a obra completa de John Berger; as novelas de Afonso Eiré.

2017-11-30T12:50:21+00:00 30 / 11 / 2017|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario