É a historia de Galicia tal e como nola contaron?

Inicio/Actualidade Literaria, Reportaxe/É a historia de Galicia tal e como nola contaron?

É a historia de Galicia tal e como nola contaron?

Historia das historias de Galicia, varios autores. Xerais

O catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago Isidro Dubert coordina este traballo de divulgación histórica que a poucas semanas da súa publicación xa se convertera nun dos libros do ano en Galicia. Dunha maneira accesible e a través de voces ben diferentes, este libro axuda a entender determinados tópicos da historiografía do noso país cunha ollada diferente e tamén polémica.

Na obra inténtanse desmontar, matizar ou reenfocar algúns dos mitos do noso pasado, como a presenza dos celtas, o Reino de Galiza na Idade Media, os Séculos Escuros, o atraso económico ou os Mártires de Carral. Para iso, Dubert válese da pluma de diversos especialistas en cada período histórico concreto. Francisco González e Manuel Gago viaxan á sociedade castrexa. Anselmo López Carreira e Xosé Miguel Andrade Cernadas céntranse en aspectos concretos da Idade Media galega. Pegerto Saavedra, Henrique Monteagudo, Mª Carme Saavedra, Ofelia Rey e Isidro Dubert analizan a Idade Moderna desde puntos de vista lingüísticos, económicos, sociais e políticos. Ramón Villares pon en relación dous mitos do galeguismo: a morte do mariscal Pardo de Cela e a revolución do 1846. Edelmiro López Iglesias e Lourenzo Fernández Prieto reflexionan sobre o atraso económico e o cambio producido no medio rural nos últimos decenios.

Ideal para: amantes da historia, persoas con sentido crítico que non se conformen coas versións oficiais en ningún ámbito.

2016-12-29T22:08:38+00:00 28 / 12 / 2016|Actualidade Literaria, Reportaxe|

Deixe o seu comentario