Diario de lecturas: Xulio L. Valcárcel e as modificacións da “rosa”

Inicio/Blogs/BiosBardia/Diario de lecturas: Xulio L. Valcárcel e as modificacións da “rosa”

Diario de lecturas: Xulio L. Valcárcel e as modificacións da “rosa”

Xesús González Gómez.

Xaneiro 2018

Día 22. –Despois de varias semanas de lectura, acabei Memoria dos días, formas de levidade. Poesía reunida (1979-2017), de Xulio L. Varcárcel, publicado por Medulia Editora da Coruña o pasado 2017. O volume recolle todos os libros publicados por este poeta lugués-coruñés. Antes de nada, digamos que para nós Valcárcel non é un poeta «brillante», «fulgurante», nin mesmo «sedutor», se entendemos por poeta brillante, fulgurante ou sedutor aquel que pode cegar nunha primeira lectura mais que nunca ilumina nunha segunda, precisamente todo o contrario do que pasa con Valcárcel (XLV en adiante). A poesía de Valcárcel debe lerse lentamente, con atención, porque no canto de cegar, no seu conxunto, está chea de descubrimentos e atravesada de matices, de achados poéticos que van máis alá do que unha lectura apresurada pode dar a entender. Nunha palabra, XLV resulta ser un dos grandes nomes do que se deu en chamar poesía dos 80. E é un dos grandes nomes desta promoción porque na súa poesía non hai altibaixos, senón unha verdadeira progresión que vai de libro a libro.

Xulio López Valcárcel. AELG

[Agora deberíamos dicir unhas palabras sobre a promoción poética dos 80 que, vista en perspectiva, a pesar de esaxeracións e outras «cojudeces», conforma a promoción poética galega máis brillante do século XX: Ramiro Fonte, Eusebio Lorenzo Baleirón, Xosé Mª Alvárez Cáccamo, Manuel Forcadela, Xavier Seoane, Luis G. Tosar, Miguel Anxo Fernán Vello, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Xavier Seoane, Xesús M. López Valcárcel, Lino Braxe, Miguel Mato Fondo, Lois Pereiro, Manuel Guede e, por suposto, Xulio L. Valcárcel, promoción á que se lle pode engadir os nomes de Alfonso Pexegueiro, Xoán-Manuel Casado, Vítor Vaqueiro, Vicente Araguas ou Antón R. Reixa… (Non están todos os que son mais si son todos os que están.)

A poesía dos 80, á que se acusou, idiota e falsamente, de culturalista, realizou na poesía galega unha viraxe máis que necesaria e se ben algún dos seus membros, sobre todos os «menores» (nomes que non enumeramos), caeron en excesos, cabe preguntármonos se, naquel momento, eses excesos non eran necesarios…]

A presente edición da poesía de XLV vai precedida dun prólogo de Luciano Rodríguez, quen tamén é autor da bibliografía, «senón exhaustiva, si o máis completa que nos foi posíbel». Segundo Luciano, a obra poética de Xulio L. Valcárcel é «[…] necesaria e esixente, obra que reflexiona sobre o ser e a súa existencia, sobre a mirada perdida, sobre a luz que asombra e sobre as sombras de luz. O poeta submete o texto a unha constante depuración, deixando á marxe adornos innecesarios […]». Luciano comenta un a un os libros publicados polo poeta e avisa de que dos dous primeiros libros (Véspera do día e Alba de auga sonámbula –aínda que se desliza un erro e lemos Auga de auga sonámbula) «salváronse aqueles poemas cos que XLV se segue a recoñecer, reescribindo e revisando todo aquilo que considerou pertinente» (p. 21).

Por este último parágrafo, o lector que non coñeza o libro, libro que recomendamos encarecidamente, decatarase doadamente de que en Memoria dos días… están reunidos os poemas que XLV considera que conforman, hoxe, súa obra poética, non están todos os poemas que o poeta publicou en libro. E que moitos poemas, e non só os incluídos dos seus dous primeiros libros, que se publican no actual volume foron corrixidos. A revisión, ou reescritura, de poemas publicados sempre formula preguntas e problemas. Sabemos que Juan Ramón Jiménez eliminou moitos dos seus poemas, que corrixiu moitos outros, etc. Mário Cesariny fixo o mesmo, ás veces non para ben, con algúns dos seus poemas. Gil de Biedma ía sacando e metendo poemas na súa poesía completa. Manuel Rivas retocou algúns poemas na edición da súa poesía completa Do descoñecido ao descoñecido. Obra poética (1980-2003). Camilo González Suárez-Llanos, eliminou partes da súa novela Como calquer outro día cando a súa segunda edición, etc. Ás veces coñécense diferentes versións dun mesmo poema, a versión «canónica» será a que se publique, en libro, en vida do autor. Así, por exemplo, case todo o mundo coñece o poema de Celso Emilio Ferreiro, «Carta a Fuco Buxán», que se publicou na revista Vieiros, de México. En libro apareceu, se mal no lembro, por vez primeira na Autoescolha poética, publicado pola portuense Razão Editora en 1972, o libro, segundo o colofón foi impreso e composto en xaneiro dese ano. A estrofa final do poema, tal como se publicou en Vieiros, na Autoescolha e na súa Poesía Poesía Galega Completa (Xerais, 2004, edición máis que discutíbel de Ramón Nicolás) é a seguinte:

Mentras o tempo da patria non chega,

mentras non pase o tempo que denigra,

deixa ise escuro afán que te atafega,

Fuco Buxán, ¡emigra!

Pois ben, ese mesmo ano, na revista Galicia, órgano do Centro Gallego de Buenos Aires, no número correspondente a maio-xuño de 1972, p. 45, aparece o poema de Celso Emilio, mais o a estrofa final é unha miga diferente. Como desta variante non se avisa na súa Poesía Galega completa, entregámola aquí, para solaz de estudosos, de curiosos e da afección en xeral, que diría Gil de Biedma:

Mentras o tempo da patria non chega,

mentras non pase o tempo que te enloita,

deixa ise escuro afán que te atafega,

Fuco Buxán, ¡e loita!

Esquecéndonos de erudicións parvas e vas, continuemos co tema que nos traía. Está claro que a revisión, corrección e eliminación de versos ou mesmo de poemas enteiros dun libro ao ser ese libro reeditado (ou recollido nunha obra completa) é unha operación (sic) lícita, tamén está claro que é unha operación que falsea, en ultima instancia, a evolución natural do poeta: non é o mesmo un poema escrito cando se teñen 20 anos que reescribir, corrixir, ese mesmo poema cando se teñen cincuenta: a experiencia coa linguaxe e a experiencia persoal cambiaron, polo que está claro que o poema escrito con 50 anos será diferente ao escrito con 20, e moitas veces até ideoloxicamente diferente, aínda que teñan o mesmo título e repitan moitas das palabras. O que queremos dicir, simplemente, é que o lector da poesía completa de XLV está a ler moi bos poemas, pero non poderá, ou dificilmente poderá, facerse unha idea da evolución, ou do percorrido, poético de XLV mediante o presente volume, porque os poemas eliminados dos seus dous primeiros libros son bastantes (5 de Véspera do día e 42 de Alba de auga sonámbula), e os que se publican foron case todos corrixidos en profundidade. Ou se se prefiren outras palabras: non é posíbel unha lectura histórica da poesía de XLV a partir deste volume –ou só é posíbel a partir de Solaina da ausencia (terceiro libro publicado polo autor, aparecido en 1987), que aínda que contén correccións estas son, digamos, mínimas– xa que a maioría dos poemas eliminados, e das correccións introducidas, suprimen o que poderiamos denominar «carácter epocal», tanto dos poemas como de certos versos ou expresións.

Vexamos unhas correccións (daremos moi poucos exemplos):

De Véspera do día (primeira edición, 1979)

Poema III

1979

Fede o desafío

e hai

un terror sinistro de gatos negros.

2017

Fede o desafío

e preséntese un terror

sinuoso e turdio.

Persoalmente, penso que a versión de 2017 estraga a de 1979. A nova versión do «Poema VI» elimina o que na versión de 1979 tiña ese poema de, digamos, testemuña xeracional; na nova versión, o poema gaña, en certo modo, en «melancolía», quizais en nostalxia, pero perde en «testemuño», en «retrato». No entanto, hai que dicir que se ben as correccións fan, ou dan, outros poemas diferentes do poema primixenio, a maioría non estraga os poemas, senón que fan novos e mellores poemas. Ás veces, como por exemplo o «Poema III» de Solaina da ausencia, a eliminación dunha única palabra, un adxectivo, mellora o poema (unha parte do poema):

1987

Arcóns de soño vas vaciando,

palabras corroidas

polo miserento fastío dos días soterrados.

2017

Arcóns de soño vas baleirando,

palabras corroídas

polo fastío dos días soterrados.

Mentres que versos máis adiante a substitución dun substantivo por outro esixe á supresión dun verso e o cambio da puntuación e, en conxunto, para min, estraga esa parte do poema:

1987

Non recollen a túa voz

as estáncias vacias

e as sabas non gardan xa

o calor do teu corpo.

As túas pálidas mans

agarimarán outros nenos

cansos tamén, cecais derrotados.

Polos bosques do ensoño

Voan flores murchas.

2017

Non recollen a túa voz

as estancias baleiras

e as sabas xa non gardan

a calor do teu corpo.

As túas pálidas mans

agarimarán outras mans;

polo bosque do ensoño

voan flores murchas.

En fin, como dixemos, a maioría das correccións dan novos e mellores poemas, aínda que de cando en vez, ao meu parecer, certas correccións estragan un poema ou parte dese poema.

Só nos quedan dúas cousas: unha, recomendar o libro a calquera lector de poesía, xa que se atopara cun libro rico, plural, excelente, abundante a variado: quen dá máis?; e entregarlle ao lector a tradución dun texto de Julien Gracq, aparecido no tomo II de Lettrines, París, José Corti, 1983, 3ª reimpresión.

Obras reescritas. – Goethe castrou, na segunda parte da súa vida, Werther, por filisteísmo: a posteridade non aceptou eses borranchos do gusto envellecido. Claudel aparvou ao final da súa vida Partage de Midi: cara ao fin, embrutecido pola idade, engordaba ás veces excesivamente a súa literatura. É sen dúbida o teatro –máis intensamente ameazado pola contaminación do gusto do día– quen máis fomenta estas tentacións de aggiornamento. O escritor debe aceptar a publicación como un destino desde o momento en que o contacto co público lle retira todo control sobre as consecuencias: non se rectifica un gran sementado. Pola miña parte, eu só riscarei no momento: hai que aterse á palabra bastante altiva de Poncio Pilatos, que non era, aquí cando menos, a alma evasiva que se estigmatizou: Quod scripsi, scripsi.

”Incluso os moi lixeiros (e tan discretos) retoques que Breton achegou a Nadja para a edición do Livre de Poche incomódanme: tales retoques fan nacer como un tremor non da escrita (xa que tanto nunha versión como noutra o texto fica un bloque e propón cando moito unha elección global e decidida), senón máis ben, curiosamente, do carácter e case da identidade do autor, ao que o lector concede dificilmente a vacilación. O que nos fala por intermedio dun libro, o tempo en que o lemos, é unha voz saída da noite, que nos semella formulada dunha vez por todas, porque todo do que fala se eclipsou no acto de dicir en proveito dunha elocución que nos parece intemporal: soportamos mal que o Verbo se encanalle na variante e que a boca de sombra se poña por momentos a vocalizar”. (pp. 126-127).


Source: BIOSBARDIA

2018-04-04T00:16:38+00:00 04 / 04 / 2018|BiosBardia|