‘De cans e lobos’, unha volta interesante á Idade Media

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘De cans e lobos’, unha volta interesante á Idade Media

‘De cans e lobos’, unha volta interesante á Idade Media

David Conde.

Eva Moreda.

Aínda que o comezo de De cans e lobos (Laiovento, 2016) poida suxerir outra cousa, o autor, David Conde, ten declarado en entrevista que esta a súa primeira novela publicada en galego debe entenderse como unha peza de entretemento. Paréceme xusto, por tanto, escribir da obra baixo estes parámetros, aínda que esta intención do autor non sexa sempre a que emana do propio texto. En anos recentes e non tanto, semella que facer novela popular de ambientación medieval en galego foi unha especie de Santo Grial para moitos autores, e tampouco estaría mal que alguén dese ao cabo coa fórmula (este é un subxénero que se debe vender ben en moitas literaturas, e teño para min que se cadra máis na galega, na que o xénero histórico tivo recentemente unha certa sobrerrepresentación). Paréceme que Conde dá aquí algúns pasos neste sentido que se poden destacar.

A novela vai centrándose alternativamente en tres personaxes (Béatrice de Planissoles, Pierre Maury e Guillaume Barthe) e a súa iniciación na doutrina cátara no albor do século XIV. O tema é, por suposto, un dos máis frutíferos e atractivos para este tipo de novela popular, e tamén o é o feito de que Conde decidise adoptar unha estrutura prestada en certo sentido do audiovisual: imos saltando dun personaxe a outro, esperando que as súas historias converxan (podemos se cadra intuír que o farán máis decididamente nas outras dúas partes que Conde anuncia para esta triloxía, baixo o título xenérico Hai santos que non queren ir ao ceo), e así non cansamos nunca de ningún deles nin dos seus ambientes, que teñen ademais o suficiente contraste como para ir mantendo, mal que ben, a atención.

Os capítulos sobre Maury, fillo de artesán e logo pastor, son quizais os que máis potencial teñen neste sentido. Como xa viamos nunha novela de intencións semellantes, Fisterrania, inténtase aquí crear unha Idade Media menos seria do que é habitual, cun punto macarra ben atractivo que vén dado sobre todo polos diálogos. Diálogos que conseguen en maior medida do que vén sendo habitual nas nosas letras copiar a fala popular, cun bo manexo da sintaxe, aínda que en último termo se vexan pexados por dous problemas que Conde non dá resolto ao longo de toda a novela e que comprometen o éxito desta novela como artefacto popular. Primeiro, as vivencias dos personaxes preséntansenos nun flashback que en realidade forma parte dun diálogo; é dicir, os personaxes, cada un polo seu lado, cóntanlle do seu pasado a un interlocutor. O problema é que o seu relato ocupa páxinas e páxinas, sempre coas súas consabidas comiñas e con tanto grao de detalle no reproducir diálogos de hai vinte ou trinta anos atrás e tanta conciencia da propia significación histórica, que, por moito que queiramos forzar a suspension of disbelief que este tipo de novelas requiren, ao final faise imposible.

O segundo problema, que xa vén sendo andazo na novela histórica galega, é unha falta de esforzo ou de ambición no peneirar a documentación histórica que de seguro o autor reuniu con grandes esforzos. Neste tipo de novela está moi ben, por suposto, que se nos dean pinceladas, e hai pasaxes interesantes aquí neste sentido, por exemplo, cando se nos describen as músicas e os bailes do período. Nos últimos capítulos asistimos, pareceume, a un adelgazamento da documentación e unha aceleración que resultan moi efectivos, pero a acumulación de documentación é demasiado, ao cabo, demasiado, sobre todo nos capítulos dedicados a Béatrice de Planissoles, membro da nobreza menor. Nestes capítulos, ademais, atopamos o que vén sendo a koiné estándar na que están escritas moitas das novelas históricas galegas, particularmente nos diálogos: un estilo algo requintado, con construcións arcaizantes un pouco estándar que nin intentan reconstruír a lingua do período (que tampouco habería por que facelo) nin tampouco crean un estilo deliberadamente artificioso que permita a autorreflexión sobre, por exemplo, o contar a historia. E non deixa de ser unha mágoa que Conde non decidise aquí innovar sobre o estilo como si decidiu facelo con Pierre Maury, porque Planissoles é un personaxe moi atractivo historica e literariamente. Conde, ao cabo, é consciente diso e non deixa de mandar sinais (prometedores) nese sentido, sobre todo nas pasaxes dedicadas ao seu affaire, máis sexual ca romántico, co clérigo Pierre Clergue: aquí é onde volvemos atopar meirande inventiva, meirande deixar a pluma en liberdade para construír un universo á marxe da rixidez da documentación ou as expectativas de certa literatura didáctica.

♦De cans e lobos, de David Conde, Laiovento, 2016. 314 páxinas. ♠19,75€


Source: BIOSBARDIA

2018-11-20T09:45:28+00:00 20 / 11 / 2018|BiosBardia|