Correr para ser feliz

Inicio/Actualidade Literaria/Correr para ser feliz

Correr para ser feliz

Corredora é a última novela da prolífica escritora galega María Reimóndez, que publica varios libros por ano. Neste caso, a lucense presenta unha obra pensada explicitamente para o público xuvenil (inclúida na colección ‘Fóra de xogo’ de Xerais) mais esa decisión editorial non lle resta un ápice de interese para o público adulto, que ao se encontrar con esta historia accede a un relato que ten todo o que debe ter unha boa historia: unha protagonista carismática, unha atmosfera realista chea de detalles e un relato de superación dos límites persoais e sociais.

A protagonista do libro chámase Genet Mullugueta, unha rapaz etíope, concretamente da capital, Addis Abeba, que vive unha situación familiar difícil, nunha das cidades máis perigosas do mundo se es muller. Será a través do atletismo que Mullugueta consiga un xeito adecuado de evitar eses perigos, reivindicarse a si mesma e conseguir encamiñarse cara á felicidade.

Reimóndez, coñecedora en primeira persoa de Etiopía, aproveita outravolta a súa experiencia persoal para acercarlle ao público galego unha realidade que nos pode parecer exótica en primeiro termo pero que forma parte do noso propio universo. Só necesitamos un tantiño de interese para participar desa realidade.

Ideal para: lectoras e lectores habituais de Reimóndez, amantes do deporte non sentido como espectáculo senón como competición contra os propios límites, interesadas e interesados en África.

2017-09-28T14:16:57+00:00 28 / 09 / 2017|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario