Coñeza as aventuras de Sally Jones e recupere o gozo da lectura

Inicio/Blogs/BiosBardia/Coñeza as aventuras de Sally Jones e recupere o gozo da lectura

Coñeza as aventuras de Sally Jones e recupere o gozo da lectura

César Lorenzo Gil.

Ese mono de turbante enxoiado que nos mira desde a portada d’O mono do asasino ten unha ollada de misterio. Está anoxado? Ten cara de malo? Está doente? Está simplemente triste? Xa desde ese primeiro debuxo, Jakob Wegelius consegue enredarnos nun xogo literario: superar o evidente e encontrarmos algo que non esperamos en cada relanzo do relato.

Sushi Books coroouse coa publicación d’As aventuras de Sally Jones e o devandito O mono do asasino, ambos do sueco Jakob Wegelius, un dos escritores especializados en literatura infantil e xuvenil de maior prestixio en Escandinavia, onde acumula premios. Wegelius (Goteborg, 1966) non é só escritor senón que tamén ilustra os seus traballos. O nivel artístico da súa obra está nun nivel parello no literario e no plástico, algo ben difícil de atopar.

Estes dous libros dos que falamos forman un conxunto, un relato sobre a vida ventureira de Sally Jones, unha gorila do Congo que tras ser capturada na casa vai vivir unha enchente de dificultades, experiencias e escenarios ao redor do mundo. Sally Jones consegue aprender a ler, escribir, xogar ao xadrez e arranxar motores, non en van se converte en mecánica naval aínda que nalgún momento tamén terá que demostrar os seus coñecementos na materia aplicada a outros medios de transporte. Mais a aprendizaxe que máis se lle resiste a Sally Jones é a natureza humana.

O universo de Sally Jones reencontra o lector actual cunha literatura saborosa, cuxo alcance é ambicioso imaxinando pero moi sobrio na maneira de contar. Wegelius herda dos grandes narradores a capacidade de transportarnos cara a mundos diferentes, de pór en relación acontecementos da microhistoria (a dos personaxes ficticios) coa historia do mundo, de simplemente evocar un mundo no que o lector poida construír o seu propio lugar e a seguir desfrute da paisaxe.

Mais o sueco non se limita a remedar (ese gran defecto que pexa a evolución da literatura, tamén da literatura disque xuvenil) senón que actualiza os pólos de atracción da novela de aventuras. É consciente de que por riba do noso cerebro e dos nosos ollos pasou toda a novela negra estadounidense, toda a cinematografía de aventuras, a saga de videoxogos de Lara Croft e os cómics de Tintín. Esa capacidade para tomar unha tradición popular tan vizosa e darlle un empurronciño cara a adiante dun xeito discreto e engaiolante non é doada de encontrar. E Wegelius mállaa.

As historias de Sally Jones, tanto no formato cómic coma en novela, teñen evidentes valores expresivos mais tamén argumentais. O fío narrativo parece simple pero consegue manter a tensión e o interese páxina tras páxina, con xiros de guión nada efectistas, máis ben orgánicos, que fan desta serie o regalo perfecto tanto para quen goza habitualmente da lectura como para quen precisa unha porta luminosa cara aos libros.

O tópico de que a literatura xuvenil é simplemente literatura que poden ler os adolescentes cúmprense á perfección con este libro. O lector adulto non encontrará unha chata, unha pexa a ningún nivel. O labor de documentación de Wegelius foi rigoroso e cheo de achados. O mono do asasino contén en si mesmo un dos mellores retratos da Lisboa de entreguerras, por exemplo. Coma unha costureira, o autor vai enfiando cada puntada sen fallar. Todo encaixa, nada renxe.

E por riba de toda esa filigrana literaria, a personaxe de Sally Jones, que narra O mono do asasino. Se é verdade que todos os libros falan, en realidade, do tempo no que foron escritos, a voz desta gorila é a voz dos que non teñen voz (a mona sabe facer un cento de cousas pero non falar), de quen se ten que mover polo mundo con todas as cautelas para non sufrir os abusos dos poderosos. Sally Jones é un animal e iso permítelle ao autor dotala dunha ética superior só baseada no instinto de protección e no amor. Esta reflexión implícita sobre os vicios humanos, sobre a súa debilidade, está tratada sen ningun pedagoxismo, cunha ollada fría pero empática que debera ser guía para moitos escritores que non conseguen transmitir mensaxes poderosas sen caeren na homilía bempensante.

Lede o relato que nos dita Sally Jones. Suade canda ela na sala de máquinas do Hudson Queen, pechade os ollos escoitando os fados de Ana Molina, cosede as feridas do voso corazón diante da traizón, o desamor e o desprezo. Berrade de alegría na taberna do Pelícano. Nin sempre lendo damos vivido outras vidas malia querermos facelo. Con estes libros é ben doado conseguilo.


Source: BIOSBARDIA

2017-06-06T21:11:11+00:00 06 / 06 / 2017|BiosBardia|