Cando entran os cans na literatura

Inicio/Actualidade Literaria/Cando entran os cans na literatura

Cando entran os cans na literatura

Costas Mavrudís é un dos máis interesantes escritores da literatura grega actual. Outra vez a nosa queridísima editorial Hoja de Lata nos ofrece a oportunidade de coñecer un autor que paga a pena. Desta volta con La inmortalidad de los perros, un libro de narrativa que dificilmente se pode encadrar nun subxénero concreto. É un monllo de relatos? É un diario de impresións e descubertas? É, sobre todo, unha pescuda persoal, poética e moi documentada da relación entre o can e a literatura. Pero non escrito ao xeito de ensaio erudito, non en base a referencias documentais da influencia deste animal simbólico na historia cultural. Non, Mavrudís opta pola evocación, pola construción narrativa dun universo no que os cans entran e fican, igual que na realidade, cando vemos como un animal ulisca o espazo até encontrar o punto xusto no que deitarse e descansar.

O libro lese con delicia, degustando cada un dos fragmentos (sempre de dúas páxinas, máis ou menos) coma quen desenvurulla bombóns dunha caixa marabillosa e sen caloría ningunha. Cada lector encontrará os seus momentos favoritos segundo os seus intereses: a cotidianidade, o historicismo, a pincelada sobre a cultura e a vida gregas, a psicoloxía dos personaxes, a auténtica pegada que deixan os cans…

En todos os casos, quedaremos con ganas de repetir, de seguir a pescudar no universo do escritor en novos traballos. Arestora, só é posible ampliar as lecturas en castelán cun libro case descatalogado, Cuatro estaciones, publicado por Pre-Textos no 2015.

Lecturas suxeridas: Recomendamos tamén Mis amores y otros animales, de Paolo Maurensig; Un perro, de Alejandro Palomas; Al oeste de Roma, de John Fante.

2017-11-24T08:40:38+00:00 24 / 11 / 2017|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario