Bibliotecas galegas en Catalunya

Inicio/Blogs/BiosBardia/Bibliotecas galegas en Catalunya

Bibliotecas galegas en Catalunya

Biblioteca Santiago Rousiñol, de Sitges, que alberga un importante fondo de libro galego.

Xesús González Gómez.

Nas bibliotecas municipais da provincia de Barcelona e provincia teñen de fondo centos, por non dicir miles, de títulos sobre Galicia, e de escritores galegos en galego ou traducidos ao español ou ao catalán. O lector interesado poderá saber, se entra nos seus catálogos, que existen cinco bibliotecas nos que os títulos galegos son abondo, e, ademais, algúns deles xa pezas de bibliófilo.

Temos a biblioteca Santiago Rusiñol, de Sitges, cunha serie importantes de títulos doados todos por Miguel Utrillo Vidal (1915-1990), fillo do pintor Miquel Utrillo (non confundir con Maurice). Este Utrillo fillo foi un conspicuo fascista de triste memoria, que se retirou (sic) da primeira liña despois da derrota do nazi-fascismo en Europa. Tanto, e tan ben, se retirou até a súa morte en 1990, que o concello de Sitges –non sei se naquel momento rexido por Convergència ou polos socialistas–, supoño que despois de doar a este parte da súa biblioteca, o nomeou fillo predilecto: non sabían que nos anos 1940 fora o inventor dunha serie de «retratos» titulada «Fantasmones rojos», que se publicaba a en Solidaridad Nacional, xornal portavoz do Glorioso Movimiento en Barcelona. Serie na que se insultaba á maioría dos escritores cataláns daquela no exilio e a outros, como Castelao ou Portela Valladares. A Gran Enciclopedia catalana, por exemplo, na voz Miguel Utrillo Vidal non di unha palabra sobre o seu fascismo e mesmo catalaniza o seu nome: así se escribiu a historia neste país.

Outra das bibliotecas que conta con máis libros galegos é a Biblioteca Pare Fidel Pita, de Arenys de Mar, debido a que o lusista catalán Fèlix Cucurull (1919-1996) doou a maior parte dos seus fondo bibliográficos á biblioteca da súa vila natal. Cucurull tiña unha importante biblioteca galega e unha aínda máis importante biblioteca portuguesa. A Biblioteca Antonio Martín, de El Prat de Llobregat conta co fondo bibliográfico de Josep (sic) Castro Martin, que doou a súa biblioteca (uns 16.000 libros: do século XVI até 1960, aproximadamente) ao concello do que fora secretario. Ten unha importante serie de libros galegos. A cuarta é a Biblioteca Central de Igualada, á que doou a súa biblioteca e os seus arquivos o estudoso da literatura medieval e renacentista catalá, e tamén poeta,  Josep Romeu Figueras (1917-2004), que conta cun importante fondo de libros e estudos sobre a poesía galego-portuguesa, e algúns máis.

Por último está a Biblioteca Armand Cardona Torrandell, de Vilanova i la Geltrú, que conta cos fondos bibliográficos do pintor e escenógrafo que lle dá nome: Armand Cardona Torrandell (1928-1995), amigo de diversos escritores galegos afincados na cidade de Barcelona. No seu fondo hai bastantes libros galegos.

Á parte de todo isto, case todas –por non dicir que todas– as bibliotecas de Barcelona capital e da provincia teñen un apartado dedicado a narrativa noutras linguas: alemán, francés, inglés, italiano, portugués, éuscaro e galego. Ademais, na sección de poesía como na de historia, historia e crítica literaria, xeografía, arte, antropoloxía, gastronomía, etc., sen esquecermos o apartado dicionarios e gramáticas, tamén están colocados diversos títulos galegos, ben que en verdade empezou a coñecer a literatura galega da man do director teatral Ricard Salvat, para quen fixera a escenografía de Ronda de mort a Sinera, espectáculo dramático baseado en textos de Salvador Espriu, e de La bona persoa de Sezuan, de Bertold Brecth.

No que respecta a antoloxías de poesía, incluíndo a poesía galego-portuguesa, estas bibliotecas contan cun total de case 40 antoloxías diferentes, desde a de Álvaro de las Casas de 1929 (en dúas bibliotecas: Can Salvador de la Plaça, de Calella; e Antonio Martin, fondo Castro, de El Prat de Llobregat: ambos excluídos de préstamo), até a de Miriam Reyes: Punto de ebullición: antología de la poesía contemporánea en gallego, pasando por Poesía galaico-portuguesa: del segle XII al XIX e Poesia gallega, portuguesa i brasileira moderna, ambos de Josep Maria Llompart, Sis poetas gallecs, escolma e tradución de Xavier Rodríguez Baixeras e prólogo de Àlex Susanna, até chegar á máis «moderna», por agora, Poetes gallecs d’avui: antologia, selección de Fátima Rodríguez e Xavier Queipo, tradución de Manuel Costa Pau, pasando polas ,«clásicas» Ochos siglos de poesía gallega (desastre de antoloxía e traducións), de A. Ruiz de Tarazona e Martín Gaite, Poetas gallegos contemporáneos, de Basilio Losada, etc. De historias da literatura galega estas bibliotecas teñen 14 títulos diferentes, desde a de Carballo Calero até a de Dolores Vilavedra, pasando polas de Anxo Tarrío, Fernández del Riego, Manuel Rodríguez Alonso, Manuel Justo Gil ou Mario Hernández sen esquecermos a de Pilar Vázquez Cuesta incluída no volume Historia de las literatura hispánicas no castellanas, dirixida por J. M. Díez Bórquez e publicada no seu día pola editorial Taurus. Mais non continuemos, xa que non se trata de transcribir todos e cada un dos títulos que sobre Galicia, nas diferentes materias, hai nos estantes destas bibliotecas.

No apartado de narrativa adoita contar entre 20 e 60 títulos de novelas ou libros narrativos en galego, depende da biblioteca. E, á parte de todo isto, hai diversas bibliotecas, tanto da capital como da provincia, que teñen nos seus fondos importantes libros galegos, tanto en español, como en galego. Libros que, por descontado, están excluídos de préstamo: só se poden consultar nas súas dependencias.


Source: BIOSBARDIA

2018-11-21T01:14:34+00:00 21 / 11 / 2018|BiosBardia|