‘Best-seller’: Un espectro percorre a literatura

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Best-seller’: Un espectro percorre a literatura

‘Best-seller’: Un espectro percorre a literatura

Danielle Steel.

Xesús González Gómez.

Desde hai anos, diversos críticos da cultura, máis apocalípticos que integrados, por tomarmos a expresión de Umberto Eco, hoxe case obsoleta –ao cabo, o italiano acabou como integrado (refírome ás súas novelas)–, alertan sobre a desaparición da literatura de calidade fronte aos best-seller e as mellores vendas, etc. Mais, se botamos unha ollada ao mundo do libro ao longo da historia (desde que o libro se “popularizou”, é dicir, o século XIX), a cousa sempre foi igual: case nunca os best-seller, as mellores vendas, foron grandes obras[1]. Moitos dos libros que alcanzaron sumas astronómicas no que a vendas se refire, non pasaron á historia da literatura como tal. Outra cousa é cando se fai unha historia sociolóxica. Moitos deses best-seller do pasado hoxe son pura arqueoloxía para estudo de sociólogos, máis nada.

En agosto de 1989, na “Táboa redonda”, suplemento literario do xornal El Progreso, de Lugo, publiquei un artigo sobre o tema das mellores vendas en Francia na tempada que rematara. É dicir, nos meses que ían de setembro de 1988 a xuño de 1989. No artigo transcribíanse os títulos, os autores e os números de exemplares de libros vendidos por cada título. Os datos estaban tirados do suplemento (“Le Monde des livres”) do xornal parisiense Le Monde. O informe aparecera neste xornal o 23 de xuño dese 1989. Eis os datos.

La Zèbre, de Alexandre Jardin (300.000 exemplares). Les derniers jours de Baudelaire, de Bernard-Henri Lévy (250.000). L’Horsain, do Père Bernard Alexandre (200.000), este libro, as memorias dun crego rural, foi a gran sorpresa desa tempada. O libro apareceu na prestixiosa colección “Terre humaine”, dedicada á antropoloxía (onde apareceu a maioría dos libros de Claude Lévi-Strauss, por exemplo), e, ademais o prezo era de 200 francos, unhas cinco mil pesetas, uns 30€. Para facernos unha idea, digamos que o salario mínimo español era daquela de 46.680 ptas (280,55€), mentres que en Francia era de 4.961 francos (756€). Une brève histoire du temps, de Stephen Hawking (170.000). Les routes de Pékin, de Paul-Loup Sulitzer (150.000 exemplares, mais o libro publicárase en abril dese ano). Le démon de minuit, de Hervé Bazin (150.000); Le fils du chiffonier, Kirk Douglas, o actor (125.000). Lettres volées, de Gérard Depardieu (120.000). Quoi? L’Éternité, de Marguerite Yourcenar (100.00). Cen mil exemplares levaban vendidos tamén Hadrienne en tous mes rêves, do haitiano René Depestre, Le bûcher des vanités, de Tom Wolfe, L’Éxposition coloniale, de Erik Orsenna, La porte du fond, de Christiane Rochefort e Le rêve mexicain, de J.M.G. Le Clézio –este último levaba vendidos 45.000 exemplares do seu libro de relatos, que aparecera en marzo, Printemps et autres saisons. Françoise Sagan vendera 95.000 exemplares da súa novela La Laisse, mais co dato engadido de que cando se fixera a enquisa só levaba dúas semanas nas librarías. Le médianoche amoreux, relatos, de Michel Tournier (80.000), os mesmo exemplares que vendera o escritor estandarte da perestroika gorbachoviana, Anatoli Rybakov, con Les enfants d’Arbat. La garde Wannsee, de François-Olivier Rousseau (70.000). Patrick Modiano vendera 60.000 exemplares de Vestiaire d’enfance, Philippe Sollers 35.000 de Le lys d’or, ou sexa, dez mil máis que a súa dona, Julia Kristeva, 25.000 de Étrangers à nous-mêmes. 25.000 exemplares vendera tamén Alain Finkielkraut do seu ensaio La mémoire vaine. Tanto este último como a Kristeva eran superados en dous mil exemplares por Benazir Buthodsa : Autobiografía (27.000), mais gañaban ao escritor policial Didier Daeninckx, que venderá 22.000 exemplares da súa novela La mort n’oublie personne. A mesma cantidade que alcanzara Thomas Bernhard con Les mâitres antiques e Eduardo Mendoza con La ciudad de los prodigios (en versión francesa, claro). Outro novelista policial, Jean Vautrin (tamén coñecido como director de cinema co nome de Jean Hermann), vendera 15.000 exemplares do seu libro de relatos –non policiais– Dix-huit tentatives pour devenir un saint. A mesma cantidade de exemplares que se venderan de Le témoin oculaire, de Ernst Weiss. Claudio Magris venderá 10.000 exemplares de Le Danube, e Álvaro Mutis e Machado de Assis 5.000 exemplares de La nieve del Almirante e Memórias póstunas de Brás Cubas, respectivamente.

Ora, o libro de maior venda naquela tempada (1988-89) fora Secrets naturels pour guérir et réussir, da cantante israelí Rika Zaraï: 400.000 exemplares. En desquite, Julien Gracq vendera en dous meses 20.000 exemplares do primeiro volume das súas obras completas, publicado en La Pléiade (unhas sete mil cincocentas pesetas, é dicir, 300 francos, uns 44 euros).

Tres meses máis tarde, o 29 de novembro, no mesmo suplemento, publicaba eu outro artigo a partir dun informe publicado por Le Figaro Littéraire, que xa non era daquela unha revista autónoma, senón o suplemento literario semanal do xornal, conservador e francés, Le Figaro. O informe dividíase en tres partes: os libros máis vendidos na década 1980-1989 e publicados nesta mesma década e os libros máis vendidos nesta mesma década pero publicados en décadas anteriores –só se relacionaban os libros publicados despois de 1944–; unha enquisa sobre a literatura francesa actual á que respondían unha serie de autores non franceses abondo coñecidos: Joyce Carol Oates, Juan Carlos Onetti, Eudora Welty, Javier Marías, Alberto Moravia, J. G. Ballard, Jorge Amado, Ismael Kadaré, William Styron, John Updike, etc., e unha enquisa sociolóxica sobre a imaxe do escritor francés na súa sociedade. Enquisa da que se tiraban datos como os seguintes: só o 9% dos franceses gustaría que o seu fillo casase cun escritor. O 22% citaba a elección á Academia Francesa de Marguerite Yourcenar como un dos grandes acontecementos culturais dos últimos 20 anos. Un 33% lera Vipère au poing, de Hervé Bazin. O 68% de mozos e mozas francesas declaraba que non lles interesaban os escritores. O 74% dos habitantes do hexágono lera Os miserábeis, de Victor Hugo, etc.

Os datos sobre as vendas desa década, de libros publicados nesa década, era o seguinte (título, autor, número de exemplares vendidos, ano de publicación do libro):

1.- La nuit du sérail, Michel de Grèce (3.500.000), 1982.

2.- La bicyclette bleu, Régine Deforgues (2.700.000), 1982.

3.- Le jeu de la tentation, Jeanne Bourin (1.900.000), 1981.

4.- Bagatelle, Maurice Denuzière (1.500.000), 1982.

5.- Le Nabab, Irène Frain (1.300.000), 1982.

6.- Les lits à une place, Françoise Dorin (1.300.000), 1980.

7.- La bougainvillée, Fanny Deschamps (1.100.000), 1982.

8.- Adieu Volodia, Simone Signoret (1.100.000), 1983

9.- Les noces barbares, Yann Queffélec (1.100.000), 1985.

  1. L’Amant, Marguerite Duras (1.100.000), 1986.

(como observará o/a lector/a, dos dez mellores vendas, sete son mulleres.)

Se esta era a lista dos libros máis vendidos da década 1980-1989 dos libros publicados nesa década, os libros máis vendidos nesa década pero publicados anteriormente, ficaba así:

1.- La Peste, Albert Camus (4.5000.000), 1947.

2.- O silencio do mar, Vercors (4.000.000), 1944 . (En galego, Edicións do Cumio.)

3.- Le lion, Joseph Kessel (3.500.000), 1958.

4.- Tant que la terre durera/Le sac et la cendre/ Étrangers sur la terra (triloxía), Henri Troyat (3.5000), 1947-1948.

5.- Noële aux quatre vents, Dominique Saint-Alban (2.800.000), 1967.

6.- O vello e o mar, Ernest Hemingway (2.600.000), 1962 (En galego, Ed. Galaxia).

7.- Vipère au poing, Hervé Bazin (2.300.000), 1948.

8.- Chiens perdus sans colliers, Gilbert Cesbron (2.200.000), 1954.

9.- Bonjour tristesse, François Sagan (2.200.000), 1954.

10.- Les mains sales, Jean-Paul Sartre (2.200.000), 1948.

Por último, dous anos despois, o 7 de novembro de 1991, no número 496 de A Nosa Terra, facíame eco doutra enquisa sobre vendas de libros en Francia nese 1991. Vendas que, segundo Le Monde, de onde estaban tirados os datos, eran máis ou menos estas:

1.- Les champs de l’honneur, Jean Rouad (550.000 exemplares).

2.- Le petit garçon, Philippe Labro (300.000)

3.- L’appel des engoulevents, Claude Michetel (300.000)

4.- Onitsha, J.M.G. Le Clézio (entre 100 e 150 mil)

5.- Les yeux baissés, Tahar Ben Jelloun (entre 100 e 150 mil).

6.- Les faux-fuyants, Françoise Sagan (entre 100 e 150 mil).

7.- Histoire d’un juif, Jean d’Ormesson (100.000).

8.- Le protocole compassionel, Hervé Guibert (entre 70 e 100 mil).

9.- Aliocha, Henri Troyat (entre 70 e 100 mil).

10.- Flors de ruine, Patrick Modiano (entre 70 e 100 mil).

E entre novelas que venderan entre 50 e 100 mil exemplares estaban as seguintes: La fête à Venise, de Philippe Sollers; L’étoile du sud, Dominique Fernandez; Corps Tranquille, Jacques Laurent, etc.

No campo do ensaio, biografía, libro práctico, etc., as cifras eran as seguintes:

Autobiografías de Yves Montand e do cómico Coluche, entre 80 e 100 mil exemplares. A biografía de Marguerite Yourcenar, escrita por Josyane Savigneau, preto dos 100 mil. Ora, o libro que neste apartado acadara o máximo número vendas fora Notre ami le roi, de Gilles Perrault (biografía ao vitríolo de Hassan II, do Marrocos): entre 250 e 300 mil exemplares vendidos. Réelles présences, de Georges Steiner rozara os 30 mil, así como Le Tour de la prison, de M. Yourcenar. E sobre os 20 mil venderan Shakespeare, les feux de l’envie, de René Girard; Pourparlers, de G. Deleuze e Histoire des femmes, de G. Duby.

No que respecta a narrativa traducida ao francés, os datos eran os seguintes:

1.- Voyageur secret, John Le Carré (150.000).

2.- La part des tenèbres, S. King (150.000).

3.- Liberté pour les ours, John Irving (80.000).

4.- Brazaville plage, William Boyd (80.000).

5.- Le palais des rêves, Ismail Kadaré (40.000).

6.- La vénetienne et autres nouvelles, V. Nabokov (40.000).

7.- Face aux tenèbres, W. Styron (40.000).

8.- Essai sur la fatigue, Peter Handke (30.000).

  1. Avant moi, Julian Barnes (25.000).

E con 20 mil exemplares había diversos libros: tres novelas de Nina Berberova (cada unha cunhas vendas achegadas ao devandito número de exemplares): L’affaire Kravtchenko, À la mémoire de Schliemann e Roquenval. Les feux de Bengale, de Amitav Gosh, Les matins perdus (Manhã submersa), de Vergílio Ferreira, La demoiselle d’honneur, de Ruth Rendell, e Un bel mourir (Un bel morir), de Álvaro Mutis. E, xa como curiosidade, vendéranse uns 10 mil exemplares da reedición de Je ne suis pas Stiller, do suízo de expresión alemá Max Frisch e da versión francesa de Peregrinação, de F. Mendes Pinto.

Vinte e cinco anos despois, o xornal Le Figaro, en colaboración coa empresa de estudos de mercado GFK, daba, en xaneiro deste 2017, a lista de novelistas que máis venderan no 2016 en Francia. Contabilizábanse novidades e libros de peto. Velaí os números.

1.- Guillaume Musso, 1.833.300 exemplares vendidos.

2.- Michel Bussi, 1.35.000.

3.- Anne Todd, 1.025.100.

4.- Marc Lévy, 1.024.000.

5.- Harlan Coben, 797.200.

6.- Françoise Bourdin, 679.300.

7.- Laurent Gounelle, 675.400.

8.- Gilles Legardinier, 604.000

9.- Elena Ferrante, 560.900.

10.- Mary Higgins Clark 546.200.

Logo continuaba cunha serie de autores/as que non superaban os 500.000 Paula Hawkins, Franck Thilliez, Danielle Steel, Stephen King, etc. etc.

Os esperanzadores datos de 1991, íanse ao carallo; vistas as cousas, talvez os apocalípticos teñan razón, non o sei. Talvez a tendencia a comprar best-seller medra a cada ano que pasa e baixa a tendencia a comprar literatura (que se refuxiaría entre unha ampla minoría). O que si é certo, parafraseando o Manifesto comunista, é que un espectro percorre a literatura: a banalidade.

[1] Nos artigos publicados sobre as vendas o día de Sant Jordi, un dato histórico, que quería colocar, sempre acabou por non ser reproducido. Reproduzámolo hoxe. En 1991, o devandito día, o libro máis vendido en Cataluña foi: La vida según Barragán. Sus mejores chistes, do humorista –hoxe case esquecido– Barragán. Tanto o gremio de Editors como o Gremi de Llibreters silenciaron o dato.


Source: BIOSBARDIA

2017-06-21T00:26:53+00:00 21 / 06 / 2017|BiosBardia|