Autores e libros non recomendábeis

Inicio/Blogs/BiosBardia/Autores e libros non recomendábeis

Autores e libros non recomendábeis

Emilia Pardo Bazán.

Xesús González Gómez.

Á parte do famoso Índice, durante anos, diversos cregos e institucións católicas publicaron guías de «boas e malas lecturas», ou de «bos e malos novelistas». Evidentemente, a literatura, maiormente, nada tiña que ver con estas listas, só unha certa moral, rancia e reaccionaria. Desta serie de guías, en español, a máis coñecida é o famoso libro do xesuíta Padre Pablo Ladrón de Guevara, Novelistas buenos y malos, cuxa primeira edición é de 1910 e a cuarta, e non sei se última, de 1933 editada por Ed. El mensajero corazón de Jesús, de Bilbao. Nas 600 apretadas páxinas desta edición, o xesuíta reseña centos, por non dicir, miles de escritores de toda caste e condición: Azorín, Unamuno, Pío Baroja («Contemporáneo. Non lle cadra o nome de Pío, senón o de impío, clerófobo, deshonesto»), H. G Wells, Wilde, Balzac, Meterlinck, Eça, Proust, Bernanos, Ernest Weis, etc. O Padre Ladrón de Guevara non salva nin a Bernanos, escritor católico (recordemos, a edición é de 1933; en 1936 o escritor francés escribirá a dura requisitoria anti-franquista Os cemiterios baixo a lúa), velaí o que di del o xesuíta: «Clerófobo, deshonesto, diabólico, moi deshonesto». Ou François Mauriac, «Católico; mais as súas novelas non son recomendábeis. Necesitan bastante corrección» (supomos que teolóxica…).

No libro do Padre Ladrón de Guevara aparecen case todos os escritores españois dos séculos XIX e XX, agás aqueles que escribiron en linguas non-oficiais. E, claro, un monte de estranxeiros. Aparecen, evidentemente, escritores nacidos en Galicia, algúns dos cales, nun momento ou outro, botou man da lingua galega para dar algún que outro escrito. Eis, por orde alfabética, os escritores nacidos en Galicia que aparecen nesta cuarta edicion de Novelistas buenos y malos:

Camba, Francisco. El amigo Chirel, groseiramente clerófoba. En doutrina e acción moi inmoral e deshonesta. La viva, la espiritual. Moi deshonesta.

Camba, Julio. El tributo de las Siete doncellas. Inmoral.

Casanova, Sofía. Lo Eterno (…) aínda que acaba así moi ben, antes fai concibir a idea de que dona Sofía escribiu esta novela contra o Clero e as vocacións eclesiásticas. Un editor devolveullas, dicindo que escandalizarían aos bos españois. Máis dano que proveito.

Fernández Flórez, W. Volvoreta. Inmoral e deshonesta. Los que no fuimos a la guerra. Non é recomendábel. Sufriu a equivocación de que o inmoral é máis literario que o limpo. El malvado Carabel (…) Novela destrutora, desmoralizadora, pesimista, triste, sombría. Materialismo e ausencia de todo concepto espiritual, que a fai máis inmoral.

Figueroa, Marqués de. Escribiu novelas como as seguintes: El último estudiante. Perigosa en amores impuros e pecados; que non deixa de selo porque saia algunha muller boa. La Vizcondesa en armas. É de amores ilexítimos, e pecados, ademais dun duelo e un suicidio, etc.

Nan de Allariz, Alfredo. A golpe de hacha. En xeral todas estas poesías son de amores platónicos, con tal cal que pasa a raia; tal outro que soa a queixa blasfema; o de máis alá ben deshonesto; o de máis acó que se xoga co divino e deshonesto, aínda que non dito con toda a deshonestidade.

Olmet, Luis Antón del (Artemio). Xornalista moi notábel. Como la luna blanca. Sobre un episodio verdadeiramente dramático da Semana Tráxica, que foi a providente revelación da santa vida interna dos conventos. Sas e interesantes leccións de actualidade.

Pardo Bazán, Emilia. Veu a caer no realismo deshonesto, e, nalgunha novela, até no determinismo [reseña moitas novelas de dona Emilia. Eis algunhas]. El cisme de Vilamorta. Moi mala. Los Pazos de Ulloa. Moi mala. La Madre naturaleza. Máis infame que a anterior. Un diplomático. É inofensiva. El principe amado. Pódese ler. Una cristina, La prueba, son boas católicas (…)

Pastor Diaz, Nicomedes. De Lugo. Orador, poeta romántico. A súa melancolía e sentimentalismo tétrico do mal xénero non pode menos que danar caracteres (…) De Villahermosa a la China (…) poden lela os maiores.

Rey Soto, Antonio, Pbro. Gallego, poeta, dramaturgo. La copa de quasía, magnífica.

Taboada, Luis. La vida cursi. Cadros que poden tamén pasar por contiños, de chiste lixeiro, sen elevación, aínda que se lles pode achar certo sentido moral, e son inofensivos. Madrid en broma, semellante ao anterior.

Valle Inclán, Ramón del. De malas ideas e grandemente deshonesto, propagador de invencións en obras orixinais e en traducións de Eça de Queiroz (…) Sonata de primavera. É mala mais non tanto como a de outono. El suelo (sic) ibérico. Dous tomos. Mala, violenta, disolvente (…) É Valle Inclán un deses amadores de escándalos, que teñen gusto en propagalos, que en tan infame oficio empregan os seus talentos e escravizan e rebaixan para iso a lingua castelá.

Vicetto, Benito. Gallego. Escribía cara á metade do século XIX. Malo e mal imitador de Fernández y González. Los hidalgos de Monforte. Historia caballeresca del siglo XVI. Espírito revolucionario e amores ilexítimos dunha casa con outro.

Até aquí, os escritores nacidos en Galicia comentados polo Padre Ladrón de Guevara. En próximas entregas falaremos de novas guías de boas e malas lecturas que se publicaron despois de 1939, e nas que aparecen escritores nacidos en Galicia e mesmo algún escritor galego. E escritores galegos que publicaron libros en español.


Source: BIOSBARDIA

2018-10-23T22:51:15+00:00 23 / 10 / 2018|BiosBardia|