‘Atlas de Literatura Universal’, unha guía visual da beleza

Inicio/Actualidade Literaria/‘Atlas de Literatura Universal’, unha guía visual da beleza

‘Atlas de Literatura Universal’, unha guía visual da beleza

Na Aira das Letras querémoslles a todas as editoriais que confían en nosoutros como libreiros. Pero temos que recoñecer que hai algunhas que foron gañando, grazas ao seu catálogo, un lugar especial. Unha destas casas é Nórdica Libros. E coido que non é de estrañar, tendo en conta obras coma esta da que agora falamos.

Atlas de literatura universal, coordinado por Pedro García Martín e ilustrado por Agustín Comotto e Tono Cristòfol, é un deses volumes imprescindibles na biblioteca de calquera letraferido. Mais non só. O volume cartografa os mapas das obras senlleiras da historia da literatura cun estilo visual moi moderno e atractivo. Tamén didáctico, porque unha das virtudes deste traballo é que serve fantasticamente para abrir o apetito sobre libros aínda non lidos para todas as idades. Dicía Italo Calvino (entre outras moitas cousas ben substanciosas) que os clásicos non se len porque sirvan para nada máis que para seguir querendo ler. E o certo é que os grandes libros son (afortunadamente) tantos que nunca se esgota a fonte do pracer e da beleza. Esta guía facilita encontrarmos aquel texto que nos interesa, que se axeita ao que procuramos como lectores e como persoas.

Os títulos escollidos para este volume son obras mestras sen discusión, procedentes de diferentes latitudes que loxicamente inflúen na súa feitura. Ver de repente as literaturas próximas en relación permítenos atopar as semellanzas en temas, técnicas e modelos mais tamén admirar aínda máis a capacidade de determinados autores de seren diferentes ao resto.

No atlas analízanse 35 obras polo miúdo, 35 imprescindibles que logo de ler este libro se van converter en anceio insubstituíble porque a sede de literatura non ten alternativa menos tóxica.

Vaiche gustar se: Adoras os mapas, desde o Google Earth aos atlas que che mandaron comprar cando ías á escola. Se ves a literatura non como un entretemento efémero senón como un hábito de longo prazo que quedou na túa vida para sempre. Se tes curiosidade por ampliar os teus coñecementos sobre os clásicos irrebatibles.

2017-12-28T10:03:02+00:00 28 / 12 / 2017|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario