As voces

O neno entrou atordado na sala co seu can no colo, sentou no sofá e mirou en derredor. Deixara todo enchoupado: o chan, a alfombra, a mesiña e, agora tamén, o sofá. Todo perdido de auga. Daquela, a porta da rúa abriuse no piso de abaixo, e un tras outro foi sentindo os pasos do pai subindo as escaleiras. Lentos. Acompasados. Como campás que tocan a morto. E a cada badalada, o corazón do neno encollía por culpa do pánico: aínda non chegara arriba, pero case podía velo quitando o cinto para lle sacar —outra vez— o demo de dentro a lategazos. Un último calafrío percorreulle o corpo, volveu mirar a desfeita que organizara, e fechou forte os ollos para ver se as voces lle murmuraban algunha escusa que o puidese librar da malleira. Mais as voces que o obrigaran afogar o can na bañeira, agora calaban.

2017-11-20T13:18:47+00:00 20 / 11 / 2017|6º Concurso de Micro-Relato - Adulta|

Deixe o seu comentario