‘As lembranzas perdidas no lago Antelväri’, no ronsel (afortunado) de Stephen King

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘As lembranzas perdidas no lago Antelväri’, no ronsel (afortunado) de Stephen King

‘As lembranzas perdidas no lago Antelväri’, no ronsel (afortunado) de Stephen King

Xosé Duncan.

Pablo Fernández Barba.

Unha das máis grandes eivas que afronta a literatura galega actual é terse convertido, por mérito propio, nun xénero. Igual que o cinema español gañou a pulso o alcume de españolada para uns produtos que aínda loitan por se sacudir o estigma, nós, obsesionados sempre con imitar os males alleos, andamos a construír a nosa propia imaxe de marca: o Libro gayego. Eliminada por consenso a posibilidade da novela social, negra, policial, romántica, histórica ou, xaora, fantástica dentro dunha literatura normalizada, no imaxinario popular xa só queda o Libro gayego.

O xerme deste Libro gayego seméntase nas escolas e nos institutos, e polo xeral remata por inzar en forma de follas engurradas no fondo dunha mochila antes de seren definitivamente trasplantados ao colector azul do papel ao rematar o curso. Quen escribe isto sábeo, que traballa nun centro escolar, e por iso ten unha lixeira idea (unha opinión, se así se prefire) de por que os rapaces, logo de abandonar o sistema educativo, non se volven achegar a un Libro gayego nin cun pau. De nada serve esa extraordinaria literatura infantil e xuvenil (LIX) que, seica, temos. Por algún motivo, todo ese mercado fabuloso desaparece superado o horizonte de 4º da ESO e/ou 2º de Bacharelato. Toda esa literatura excelsa que enche recensións, todas esas fotos en redes sociais con autores rodeados de rapaces nun centro escolar, deixan de existir logo dos 16… 18 anos. E ninguén sabe por que. Eu tampouco. Pero se cadra un bo principio é asumir que os rapaces non son parvos. Pode que isto semelle obvio, mais se o fose, non se imprimirían coleccións LIX a monte para as colocar mediante catálogo nos centros e vender ao peso. Non con estes resultados de lectura, polo menos.

Porque, que criterio se segue aí? Teño colegas que sosteñen que as coleccións LIX son o sumidoiro das obras que non acadan os mínimos editoriais (se é que eses mínimos son posibles no noso país tal e como está o patio) para seren publicadas nas coleccións adultas, e nesta mesma liña, un dos poucos críticos literarios que temos no país falaba aquí sobre unha obra de teatro que non daba o talle, non sendo, dicía el, que esta se quixese representar nun centro escolar! Máis aló desta tese (discutible, ou non, segundo se mire) que considera as coleccións LIX coma unha sorte de vertedoiro de lixo, gustaríame engadir outra: publícase como LIX o que os preconceptos non saben onde colocar. Chego a esta conclusión logo de ler a última novela de Xosé Duncan, porque, malia estar publicada nun catálogo destinado a rapaces de menos de 16 anos, As lembranzas perdidas no lago Antelväri non é LIX. Ignoro que tipo de interese pensaban os editores que ía espertar esta novela no espectro lector ao que vai dirixida comercialmente, mais se tomamos como referencia os panfletos adoutrinantes que lles adoitan coar aos rapaces, aventúrome a dicir que o mesmo que estes: ningún.

Morta a súa dona, e voada calquera ponte familiar co seu único fillo, o vello Olavi, xubilado da oficina de correos dunha vila nórdica, decide pasar os últimos anos da súa vida nunha cabana no bosque ao pé dun lago. Alí, sen máis traballo que ver pasar os días borracho embaixo da neve, Olavi convive cunha estraña fauna veciñal ligada a unha misteriosa asociación que rexenta un sanatorio ocupado do coidado dos vellos que escollen o lago como destino para o seu retiro.

Con estes vimbios, é inevitable trazar un aquel, tanto visual como narrativo, con A cure for wellness, o filme de terror dirixido por Gore Verbinski. Pero máis aló desta semellanza cinematográfica, non é co director de Tennessee con quen quero establecer nexos. Cónstame que non é unha das principais referencias creativas de Duncan, mais As lembranzas perdidas no lago Antelväri recrea un universo xa transitado por outro xenio da fantasía: Stephen King. Igual ca o seu homólogo de Maine, cunha trama tecida arredor dunha vila rural afastada, da soidade, da incomunicación, e duns protagonistas cargados de segredos e teimas, Duncan describe o tradicional inferno na Terra (nós mesmos) adubado con presenzas do alén, sen máis pretensión (e non é pouca) que contar unha historia de terror. Non digo que esta obra puidese pasar por unha das mellores de King mais, no caso que nos ocupa, se quen asinase esta novela fose aquel, a única diferenza que atopariamos sería que ao estadounidense nunca lle publicarían o libro nunha colección LIX. Máis nada. Claro que, quen sabe, pode que aquí O cemiterio de animais non acadase nunca a calidade mínima que demanda o noso moi esixente sistema literario e rematase publicado tamén en ‘Costa Oeste’ ou en ‘Fóra de Xogo’. Eu hai xa ben tempo que perdín a capacidade de me sorprender.

Levo tempo denunciando a ausencia de labor editorial en Galicia. Corríxese, si. Publícase, dende logo. Distribúese comercialmente, tamén. Mais a tarefa editora destinada a puírlles os cantos aos textos brilla pola súa ausencia. Ao rematar a obra nese limbo maldito do libro escolar, esa ausencia faise máis manifesta aínda. Como xa nos demostrara con Negruña (Urco), Duncan é quen de crear atmosferas a un nivel moi superior ao que nos ten acostumados a narrativa galega, mais á novela fáltalle pegamento. A concatenación de acontecementos precisa dunha pausa narrativa que os ligue. Faltan páxinas e sobra velocidade. Na forma, que non no fondo. E bótase de menos ese traballo artesanal que lle corresponde a esa figura que nos é cada día máis allea neste país. Quen sabe se, de existir, ese traballo non tería evitado tamén o xogo literario, errado na miña opinión lectora, de escoller unha toponimia e uns personaxes deliberadamente galeguizados no medio dunha xeografía nórdica. A min dende logo non me funcionou. Poñer un Vilar de Cregos preto dun lago Antelväri, ou unha señora Ylva a parolar cun inspector Lodeiro en latitudes boreais, renxeume abondo. Pero en fin, coido que esta queixa non pasa de anécdota diante dunha novela que debería estar enmarcada na normalización dun sistema literario e que ben podería servir de ponte entre o que é realmente LIX e o que é narrativa fantástica adulta. Gustará máis ou menos o xénero, mesmo poderá gustar máis ou menos o resultado acadado polo autor, mais, malia os esforzos editoriais, non estamos ante outro Libro gayego. Que xa bo é.

♦ As lembranzas perdidas no lago Antelväri, de Xosé Duncan, Galaxia, 2018. 242 páxinas. ♠13€


Source: BIOSBARDIA

2018-10-04T01:07:19+00:00 04 / 10 / 2018|BiosBardia|