As boas críticas non fan bos libros

Inicio/Blogs/BiosBardia/As boas críticas non fan bos libros

As boas críticas non fan bos libros

Xesús González Gómez.

En revistas, en suplementos literarios de xornais, en programas radiofónicos ou televisivos culturais (se neste formato os houber), por non mencionarmos os blogs dedicados á literatura, vemos –lemos ou oímos– como se loan (até o punto de case facer imprescindíbel a súa lectura) libros escritos por autores contemporáneos que, unha vez comprados polo confiado lector, levados á casa e lidos, deixan a impresión, no mellor dos casos, de merecer, como moito, a indiferenza: no peor, o cabreo polos cartos gastados e pasar a lle regalar o libro a alguén que nos cae mal e el (ou ela) non o sabe. Ese confiado (e alegre) lector, se tropeza (infelizmente) dúas veces coa mesma pedra e leva un pau, pode preguntarse que compromiso ten coa escrita e consigo mesmo ese crítico que lle recomendou, como obra mestra recentemente saída do forno, esa novela (ou eses relatos, ou eses libros de poemas, etc., mais imos centrarnos nas novelas) que só lle produciu indiferenza ou certo desacougo polos cartos gastados? A que intereses, pode preguntarse o lector, respondían esa recensión, ese comentario, esa loanza? En realidade, respondían a intereses que nada teñen a ver coa calidade literaria.

Antes de proseguirmos fagamos unha rápida caracterización de tipos de “críticos” ou “comentaristas” que adoitan encher os devanditos suplementos, revistas etc.

Hai o crítico testemuña ou crítico de testemuño. Quen é este? É aquel que asumindo os valores que, din, propagou a modernidade e mais a posmodernidade, rexeitan a crítica de xuízo. Segundo eles, e ao mellor é certo, a modernidade fixo desaparecer todos os criterios de xuízo e, ademais, un libro fano os seus lectores: o traballo do crítico consistiría en testemuñar esa experiencia de lectura. O que significa que todo libro vale e que todo testemuño de lectura é válido. Goza da mesma xerarquía a lectura de Marcel Proust por Gilles Deleuze, por exemplo, que a que pode facer un rapaz de 2º da ESO ou eu mesmo. En realidade, este tipo de crítico actúa intelixentemente: non se molla e o lector non pode protestar: ao cabo, déixalle a el (ao lector) a posibilidade de emitir o xuízo, a crítica de xuízo. Ora, todo sabemos que aínda que unha obra sexa un obxecto polisémico non implica automaticamente a igualdade de riqueza e de interese de todas as obras e de todas as interpretacións –léase Umberto Eco: Os límites da interpretación, libro no que corrixe en certa maneira a súa anterior entrega: Obra aberta.

Existe tamén o crítico boa persoa ou crítica humilde: todo libro sempre ten algo de bo… porque é un obxecto, unha creación cultural. Este tipo de crítico (e de crítica) está afectado por un simpático amor universal… para mellor agachar que non opón ningunha resistencia á mercantilización do libro e, de feito, é un cómplice dos máis fortes. Nega, ademais, a loita na historia, e especialmente na historia cultural ou literaria.

Este tipo de críticos/crítica adoitan espetar sen problemas o seguinte argumento: «Ignoremos os libros mediocres, falemos só dos bos». En realidade, esta é a crítica compracente: nunca hai un libro malo, unha novela mala, un libro de poemas malo, e, xa que logo, esta crítica, estes críticos serven de coartada para defender obras indixentes. Fagamos unhas contas. Na literatura galega hai algúns destes críticos boas persoas que afirman que só comentan libros «interesantes», que non prestarlle atención a un libro malo é o maior desprezo que se lle pode facer, etc. (Quizais detrás desta «postura» se agacha unha gran preguiza: pode que detrás dunha crítica máis ou menos positiva se esconda un libro lido en diagonal ou lido a medias. Mais non se pode falar dun mal libro sen lelo completamente e, ademais, unha crítica negativa supón un compromiso –compromiso, estamos a falar de literatura, que debe ser literario, non ideolóxico– por parte do crítico.) Tendo en conta que comentan como mínimo un libro á semana, dá, ao final do ano, un mínimo de 52 libros «interesantes», e entre eles, supomos, algúns pares de obras «mestras». Como xa dixen noutra ocasión, non hai literatura no mundo que resista o embate de 52 obras interesantes ao ano máis algunhas obras mestras. Unha obra mestra aparece nunha literatura normalizada cada tantos anos ou lustros, a non ser, claro, a galega, que como non está normalizada aparecen como cogomelos en outono. Podiamos ser menos compracentes cara a nós mesmos?

Está, logo, o crítico ou a crítica (non a muller que exerce de crítica, aclaremos, que por aí atrás non o aclaramos, aínda que mulleres críticas de todos os tipos tamén existen) nihilista: nada do que se produce paga a pena: falemos do tempo ou de obras do pasado. E logo están os outros, poucos, que para encontralos temos, como Dióxenes, que procurar unha lanterna abondo potente, e que moitas veces son acosados polos «cazadores de nazis»: son machistas, paternalistas, reaccionarios, etc., e, xa que logo, queimadores de libros, cando en realidade son todo o contrario.

Este tipo de crítica, de críticos (os boas persoas, os testemuño, os nihilistas) eliminan algunhas constantes da vida literaria de todos os tempos: a polémica, a sátira, a crítica de xuízo. O que están a facer é a eliminar a vida literaria. Non semellan decatarse de que, como todo biotipo, a literatura só pode subsistir mediante a diversidade das especies que a compoñen.

Todo isto, «xunto, revolto, mesturado», diriamos, parafraseando a Aristides Silveira/Celso Emilio, conduciu a que desde hai anos se fose pouco a pouco perdendo a confianza na crítica e que unha boa recensión non abonde nin para colocar o autor comentado, a novela, o libro comentado, no denominado «campo literario» e que, ademais, non abonde para facer que un libro, unha novela se venda. O que máis ben acontece e que esa primeira recensión inflúe sobre outros comentaristas e todos acaben falando dos mesmos dous ou tres libros, ou dos mesmos dous ou tres autores. Outra das secuelas desta clase de crítica é que o lector, despois de ler o libro ou o autor comentado, ten a impresión de que o crítico, o comentarista, está a falar doutro libro e non do que se evoca na recensión ou no artigo.

Máis secuelas ou consecuencias:

Recoméndanse libros que serán esquecidos quince ou vinte minutos despois de chegar á páxina final. Libros que non rozan a sensibilidade lectora, que nunca ocuparán un posto un lugar mínimo no corpus da literatura, son, con alarmante frecuencia, obxecto de admiración. Vemos como autores cuxa importancia é mínima son loados, enchen espazos, mentres outros autores son ignorados con aleivosía e nocturnidade. A que se debe que textos, novelas, relatos, poemas, etc., que serían catalogados como carentes de calquera beleza e interese en calquera obradoiro dirixido por un dos peores novelistas que pariu calquera literatura habida e por haber, sexan eloxiados polas súas calidades… inexistentes?

¿Deberanse todas esas loanzas ás operacións da prensa, do órgano en que se publica esa recensión, ao amiguismo, á crítica de correspondencia: ti falas ben de min, eu falo ben de ti: os dous somos a «rehostia», ao intercambio de favores, a odios ou amores encubertos?

Mais tampouco debemos esquecer que a crítica é só unha lectura posíbel e, polo tanto, non un veredicto inapelábel. Nesa lectura xóganse concepcións particulares da literatura, adhesións estéticas, pertenzas a grupos, camarillas ou institucións como a propia universidade, que establece quen entra e quen queda fóra do seu canon de excelencia e, polo tanto, de libro recomendado na ESO, na Universidade ou onde faga falta. (Un traballo, arduo, para facer sería enumerar e criticar, no sentido clásico do termo, tanto os libros de lectura obrigatoria nos institutos coma aqueles que recomendan os profesores pola súa conta, e intentar dilucidar por que se recomendan eses títulos de «libre disposición», é dicir, que non emanan da Consellaría de Educación: ao mellor se daba máis dun desgusto e habería que levar ao tema ao fiscal –como curiosidade, recoméndolle ao lector o apartado IV. Des lettres ou des chiffres? Ou les risques des conflits d’intérêts dans les prix littéraires, do Rapport d’activité pour l’année 2004 à Monsieur le Premier Ministre et à Monsieur le Garde des Sceaux Ministre de Justice, do Service Central de Prévention de la Corruption francés (damos a súa tradución en apéndice). Por outra parte, ao ler unha “boa” crítica o lector pode preguntarse, acho que debería preguntarse, aínda que sexa eu quen escriba a recensión: un bo libro para quen? E ademais ter presente que boas críticas non significa bos libros nin malas críticas malos libros. Ora, tamén deberiamos pensar que talvez que se publiquen boas ou malas críticas non significa absolutamente nada. Ou si, para os autores do montón a crítica (se é positiva) sérvelles para gabarse perante a súa tribo (uns trinta lectores, se son tantos) e para subila logo ás redes sociais para que lle axude a vender dous exemplares máis do libro en cuestión.

Até agora falamos, máis ou menos, dos críticos. E o lector? Sérvenlle ao lector as críticas? Ao lector unha boa crítica, ou mellor dito, unha crítica útil sería aquela, penso, na que a subxectividade do crítico coincida coa súa para orientar as súas opcións nun mercado abondo reducido que inundan cun promedio de 15 ou 20 títulos ao mes (falo da literatura galega, claro). O consumidor literario necesita, como o consumidor de viños –por certo, no mencionado informe francés sobre a corrupción, tamén sae o tema das denominadas “críticas gastronómicas” e a súa relación cos restaurantes–, por exemplo, un crítico, un catador, no que poida confiar, non na súa honestidade –honestidade é unha cousa, intelixencia outra: poden ir unidas ou non– ou mesmo na súa capacidade de análise, senón na coincidencia de gustos. E como atopar ese crítico no que confiar? Procurar, comparar e comprar; e comprar aquel que lle di ao lector desde que lugar fala, que lle revela a súa inevitábel toma de posición (hai aínda ilusos que acreditan na obxectividade?) estética, ideolóxica, etc., dándolle a oportunidade de pór o que di en perspectiva.

Xa sei que é difícil dar con ese crítico. Por que pensades que case non se len os suplementos literarios? Todo o mundo sabe que están viciados: de base e pola base, mais hai que teimar até dar co crítico que nos guiará nas nosas compras e nas nosas lecturas. Porque haber, hainos… malia todo.

Apéndice

Ao inicio eran as letras. É neste contexto que Edmond Huot de Goncourt instituíu mediante testamento a Sociedade literaria dos Goncourt, que deu nacemento en 1903 ao premio do mesmo nome a fin de recompensar a calidade literaria dunha novela publicada no ano. Desde esa data, as cousas cambiaron.

Segundo o semanario Le Point, Cada día edítanse 180 títulos, dos que 84 son novidades, e 300 editoriais venden 1231 millóns de libros. A cifra diaria da edición francesa é de 7,8 millóns de euros. Cada día véndense 162.838 manuais escolares e para escolares, 118.715 dicionarios e enciclopedias, 278.830 obras literarias (das que 273.822 son novelas), 188.909 libros para a mocidade, 91.912 bandas deseñadas, 29.295 guías turísticas, 25 títulos edítanse en peto cada día, dos que 17 son novidades, cada día se producen 343.213 libros de peto e véndense 310.060”.

Nunha entrega precedente, o mesmo semanario[1] informaba que só o anuncio do sexto volume das aventuras de Harry Potter fixera medrar o 7,5% a acción da casa editora, os cinco primeiros volumes, traducidos en 60 linguas, venderan 525 millóns de exemplares.

Estas cifras “producen vertixe” e revelan as manobras que caracterizan o mundo das letras e a edición. Para se convencer, se houbese necesidade, abonda con remitirse a algúns recentes éxitos de vendas de temas dubidosos, que exhuman os segredos de alcoba ou os fantasmas sexuais de tal actor, que non semellan ter outra xustificación que as sumas de diñeiro que reportan aos seus autores e aos seus editores. Trátase neste caso de empresas moito máis mercantís que literarias. Os exemplos son múltiplos. Non hai ningunha necesidade de falar moito do tema, xa que se esta literatura existe é porque ten unha clientela. Porque é de comercio do que se trata. Algunhas prácticas testemúñano, como a publicación dun panfleto cuxo autor é anónimo[2], o que desencadea as interrogacións mediáticas e ofrece unha publicidade barata. Pódese igualmente citar a explotación que se fai dalgúns acontecementos dramáticos da historia ou de casos criminais, cuxos autores, condenados, adquiren unha notoriedade que desafía ás veces as regras da moral.

A cuestión adquire unha actualidade particular cada ano en setembro, no momento en que se acordou denominar rentrée literaria, antes da distribución dos premios do mesmo nome no outono. Porque vivimos nunha sociedade que outorga premios a falta dos que marcaban noutrora o fin do ano escolar. Por outra parte, todo o mundo ten o seu premio, o carniceiro pola súa morcilla ou as súas tripas, o viticultor, o restaurador, o panadeiro, etc. As xentes do espectáculo festexan o retorno da primavera multiplicando as cerimonias de congratulacións recíprocas, mentres múltiplos concursos animan os nosos campos. O mundo literario non escapa a este desencadeamento de recompensas, a miúdo outorgadas en condicións escuras que van atraer o seareiro, até tal punto que algúns libros son recubertos cunha banda vermella para atraer a atención e deixar crer que foron recompensados.

A nosa intención non é engadir un panfleto[3] aos que regularmente atacan o mundo da edición, que intentan eles mesmos converterse en éxitos literarios e que, voluntariamente ou non, alimentan así o sistema.

O noso único obxectivo é chamar a atención sobre as posíbeis derivas, dada a importancia das sumas que se xogan.

Cada ano unhas seiscentas novelas marcan a rentrée literaria. Poucas delas son elixidas e coñecen o éxito: menos de 20 alcanzarán unha tiraxe igual ou superior a 50.000 exemplares. Polo tanto, a afirmación de Jérôme Lindon[4] aparece como particularmente pertinente: “A edición é o único sector da economía que responde a unha baixa de demanda mediante unha alza da oferta”. Ora, as editoriais non son empresas filantrópicas. Existen, antes de nada, para teren beneficios e reportaren dividendos aos seus accionistas. Queren, xa que logo, practicar unha especie de mutualización, de compensación. Queren recuperar mediante certos éxitos as ganancias modestas ou as sumas perdidas por outros, o que adquire unha importancia nova co desenvolvemento dos anticipos, xeralmente non reembolsábeis en caso de fracaso.

É aquí que se sitúan as derivas posíbeis e que entran en escena os premios literarios. Contabilizaríanse uns 1.150 por ano, todas as categorías confundidas (preto de 2.000 contando as distincións e os diversos concursos literarios), os premios máis importantes e os máis coñecidos xeran tiraxes superiores a, cando menos, 100.000 exemplares, sexa cal for a calidade da obra premiada, o que, en opinión dos especialistas, representa un éxito de vendas e asegura mañás felices a unha editorial.

Con efecto, é difícil distinguir entre os membros dos xurados, xeralmente todos autores de obras literarias, e as editoriais que os editan. Existe aquí un risco evidente de conflito de intereses. As condicións nas que son recrutados, incluso cooptados, os xurados, a miúdo designados de por vida, son pouca claras, o que as fai, a priori, sospeitosas. Algúns[5] suxeriron renovar cada ano os membros dos xurados, ao exemplo do Booker Prize británico, sen no entanto facer proposicións precisas sobre o seu modo de designación, mais cando menos ten o mérito de sinalar co dedo unha dificultade real. No que respecta á elección realizada polos xurados, deixa perplexo: algunhas editoriais semellan monopolizar, directa ou indirectamente, os premios en detrimento doutras, nunca ou raramente recompensadas, agás talvez episodicamente para desviar a atención. Débese igualmente acoller cunha certa prudencia os palmarés ou clasificacións de libros máis vendidos publicados polos xornais, xeralmente semanarios. Con efecto, semella evidente que as clasificacións deberían ser, senón as mesmas, cando menos moi parecidas en cada publicación; ora, obsérvanse diferenzas significativas que só poden deixar perplexo sobre as condicións e os obxectivos en que foron establecidas.

Esta situación podería agravarse pola concentración que se opera no mundo literario entre a edición, a difusión, a publicidade e a crítica, sendo a difusión o estadio máis importante na cadea así constituída. Algunhas editoriais, ben directamente, ben a través do grupo ao que pertencen, aseguran a distribución doutras editoriais que se volven así dependentes das primeiras. Existe un risco de ruptura das regras da competencia, as casas ou grupos distribuidores teñen tendencia a privilexiar a súa propia distribución en detrimento das outras. Os recentes incidentes que afectaron a unha editorial «absorbida» por outra, ilustran estes temores.

A técnica dos produtos derivados, xa analizada polo servizo noutros sectores[6], contamina, segundo as mesmas técnicas, o mundo literario, principalmente pola adaptación ao cine ou á televisión de certas obras antes de vendelas, outro modo de distribución, en DVD. Igualmente, os «traspasos» de autores dunha editorial a outra, por medio dun anticipo consecuente e o recurso ao sistema de axentes, testemuñan de feito que escribir converteuse nun verdadeiro deporte. Finalmente, o control que parece operarse sobre o mundo literario por algunhas sociedades de investimentos, cuxa vocación é pouco literaria, acaba por lanzar a sospeita sobre un sistema que xa só é mercantil, porque está marcado polas adquisicións, as concentracións e a creación de grandes grupos que son os donos doutros sectores da economía.

Se ao inicio eran as letras, ao final son as cifras…

[1] Le Point, n° 1684 1685, 23 e 30 decembro 2004, rúbrica «Majuscules».

[2] X, Au secours! Lionel revient!, Éd. Privé.

[3] Guy Konopnicki, Prix littéraires : la grande magouille, Jean-Claude Gawsewitch éditeur.

[4] Mítico editor francés das Editions de Minuit, que sempre estivo na primeira liña na fronte contra a mercantilización do libro: negouse a vender os seus libros á FNAC e outras grandes superficies libreiras. Unha anécdota, foi o editor de O amante, de Marguerite Duras, do que vendeu en menos dun ano un millón de exemplares (a día de hoxe, en todos os formatos, lévanse vendidos máis de dous millóns e medio de exemplares, só en francés). Lindon negouse a publicar a novela da Duras, L’amant de la Chine du Nord, porque consideraba que non era máis que unha refundición de O amante e que non engadía nada á literatura da Duras, como así é. A novela, despois dunha dura liorta entre autora e editor, foi publicada pola Gallimard e vendeuse moi ben, evidentemente. (NdT.)

[5] Marianne, do 24 de febreiro ao 2 de marzo de 2003, p. 70.

[6] Rapport 1996, Les produits dérivés et le marchandisage. Rapports 1993-1994 e 2003 referidos ao deporte.


Source: BIOSBARDIA

2017-11-30T08:06:38+00:00 30 / 11 / 2017|BiosBardia|