‘Ana e os homes’, un dilema universal contado desde aquí

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Ana e os homes’, un dilema universal contado desde aquí

‘Ana e os homes’, un dilema universal contado desde aquí

Mario Caneiro.

Levaba só un par de capítulos lidos de Ana e os homes de Mario Caneiro (Barbantesa, 2016) cando me entrou unha certa alarma ao constatar que o autor transitaba polo que parece ser unha das vías máis socorridas da literatura galega actual: ofrecernos unha historia universal a base de reducir á mínima expresión todo o que cheire, en contornos e personaxes, a demasiado galego e de centrar o conflito en torno a algún dos que poderiamos chamar grandes dilemas actuais do home e a muller de Occidente. Esta pretensión universalizante atopámola, por exemplo, en novelas recentes de bastante éxito crítico, como A sombra das nubes, de María Sández (2012) ou A lúa da colleita, de Anxos Sumai (2013). Aínda que non hai a priori nada de malo en querer ser universal, o problema é que moitas das novelas que entran nesta categoría non empregan as estratexias adecuadas para evitar que o lector leve a sensación de que todo se colleu de prestado (prestado dunha serie da HBO ou dunha película norteamericana, que non ten por que ser de Hollywood: tamén pode ser do chamado cinema independente).

O punto de partida de Ana e os homes é arquetípico dun deses grandes dilemas dos que falaba antes: Ana e Xoán están casados e van pasando xa dos corenta; Ana quere ter un fillo antes de que sexa demasiado tarde; Xoán está indeciso. Porén, excepto unha ou dúas veces, non tiven nunca a sensación de prestado. Por que? Penso que porque Caneiro consegue, mediante estratexias caracterizadas sempre pola sutilidade (non hai nada excesivo nesta novela), ancorar as personaxes no seu entorno de xeito que nos parezan reais, sen caer tampouco no localismo. Fascinoume o xeito en que Caneiro introduce, desde o primeiro capítulo, a morte e o funerario na trama cun toque absurdista que, aínda que pareza tópico, podería dicirse que é moi de nós (fíxome pensar inmediatamente no Castelao de Un ollo de vidro ou Os vellos non deben de namorarse).

Outro dos acertos de Caneiro está na estrutura, que alterna os correos electrónicos que Ana lle envía á súa amiga Natalia con relatos en primeira persoa de Xoán e máis dun escritor que coñece a Ana. Non é infrecuente tampouco nas nosas letras recentes a alternancia de puntos de vista e de mesmo diferentes tipoloxías textuais, como vemos en Dende o conflito, de María Reimóndez (2014) e De remate, de Héctor Cajaraville (2015) (novelas ambas premiadas co Xerais: isto é relevante porque dá unha idea de como estas técnicas se están a integrar no que poderiamos considerar o mainstream das nosas letras). Novamente, o risco aquí é que o escritor non sexa quen de construír estilos diferenciados e a suposta polifonía pase a ser meramente tipográfica; ou que se opte por estilos extremos e caricaturizados. Non é o caso de Caneiro, que non cae aquí en estereotipos sexistas nos que, dado o tema, sería ben fácil caer, senón que consegue diferenciar os tres estilos dun xeito moi contido manipulando sutilmente a sintaxe e a maneira en que cada un destes tres personaxes constrúe o seu discurso.

Non considero que facer cousas  modernas, do seu tempo, frescas, sexa un mérito nin un demérito para un escritor. O que si direi é que Caneiro as fai, e as fai, ao meu ver, bastante mellor que a media. Que botei de menos? Se cadra un pouco de ironía; se cadra, tamén, un pouco de ambición, deixarlles máis renda solta aos personaxes e ao estilo para que dean de si todo o que poden dar. Ana e os homes non é unha lectura que enganche para esquecela despois igual de rapidamente que a limos; a súa contención vai actuando aos poucos sobre nós para deixarnos ao final da lectura un pouso amargo ben sabedeiro.

♦ Ana e os homes, de Mario Caneiro. Barbantesa, 2016. 118 páxinas. ♠14€

Eva Moreda.


Source: BIOSBARDIA

2017-11-09T00:08:55+00:00 09 / 11 / 2017|BiosBardia|