¿Alguén pode relevarme?

¿Alguén pode relevarme?

A miña inxenuidade acadou o seu punto álxido o día en que vin aquel grupo de encarrapuchados e pensei que eran mozos que viñan dalgunha festa de disfraces. Tampouco souben negarme cando aquela pálida muller encabezando o grupo me pediu que lle suxeitara  un anaquiño o cirio que levaba nas mans. Collino e saíu correndo como alma en pena, nunca mellor dito, e non volvín vela.  

De seguida me percatei que eu era a única persoa viva de todas elas, e lembrei as historias da santa compaña que a miña avoa me contaba cando eu era cativa.

Agora teño que atopar unha persoa disposta a ocupar o meu lugar e liberarme, pero todo o mundo foxe de nós. ¿Onde están os que dicían quererme, e a solidariedade da que tanto presumimos os galegos?.

Este micro relato é a miña última oportunidade, seino. Polo amor de Deus, ¿ alguén pode relevarme?.

 

 

 

 

2018-12-11T11:48:47+00:00 05 / 12 / 2018|7º Concurso de Microrrelato – Adulta|

Deixe o seu comentario