‘A vida sinxela de Marcelo Firmamento’: universo prometedor

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘A vida sinxela de Marcelo Firmamento’: universo prometedor

‘A vida sinxela de Marcelo Firmamento’: universo prometedor

Vanessa Santiago.

Eva Moreda.

A vida sinxela de Marcelo Firmamento (Galaxia, 2017), segunda obra publicada de Vanessa Santiago e premio Illa Nova, é unha máis que apreciable novela que non fai moito por ocultar, penso eu, as súas fontes literarias. En efecto, desde a primeira frase: Escoitei dicir que aquel día o temporal enchera o piso de todas as casas da beira da praia con area do mar, e que todas as mulleres da rúa estaban varrendo apresuradamente os excesos mariños, faise case inevitable pensar no Macondo de García Márquez, entendido como aparente non-espazo e non-tempo que, porén, está estreitamente conectado co contexto (político, social) no que xorde.

Santiago ponse na estela destes modelos, se non con orixinalidade nin con excesiva ansia de renovación, si con moita habilidade, máis –semelloume– que a que adoitamos ver na narrativa galega máis ou menos actual que puidésemos clasificar na corrente do realismo máxico, como pode ser Tonas de laranxa, premio Xerais no 2012. O primeiro terzo do libro, sobre a infancia de Marcelo Firmamento medrando sen pai, mestura un aquel de non-tempo e non-lugar (preséntanos unha Sada que en realidade ben puidese ser calquera vila mariñeira galega ou mesmo de máis aló) con referencias ao Caudillo, que xa todos sabemos quen é pero que por outra parte remite ás denominacións xenéricas deste estilo empregadas na narrativa do boom latinoamericano (o Coronel, o Patriarca, o Ditador, etc.). Esta indefinición está moi ben traballada desde un punto de vista literario, con detalles que despois se converten en símbolos que estruturan todo a novela e que están moi ben escollidos dentro do que veñen sendo as convencións e os parámetros do xénero do realismo máxico, como o da balea que chega a Sada en 1958 tras ser abatida pola artillaría franquista.

É neste primeiro terzo do libro onde coido que se concentran a meirande parte das calidades literarias desta novela. Logo empeza a peripecia de Firmamento en barcos que o levan por diversas partes do mundo, e este segundo tramo ten, desde logo, un comezo prometedor, que se cadra nos remite, máis que a García Márquez, a outro colombiano realista máxico (Álvaro Mutis e as súas historias de Maqroll o gavieiro). E segue correndo por debaixo o comentario político-social, que é se cadra máis efectivo canto máis sutil se volve, como nesta pasaxe:

Pobre Murallas. Padeceu un cancro de pulmón a causa dos seus anos de servizo nos barcos, maldito amianto. Porque si, alá se foi, un rapaz tímido do interior de Lugo, a inscribirse no destrutor despois de Marcelo, só porque era o mellor amigo que fixera nos tres meses de instrución en Ferrol. E colleulle tanto gusto ao tema que nunca o abandonou.

Notamos, porén, que a medida que avanza a peripecia de Firmamento, desta vez en busca do pai que nunca coñeceu, disólvese a forza do universo narrativo de Santiago: se nos capítulos iniciais ambientados Sada atopabamos un certo esquematismo que porén estaba fundamentado nun mundo propio e ben definido (algo así como a punta dun iceberg: dánsenos pinceladas, pero a autora sabe ben como é o espazo do que quere falar e móvese por el como se estivese na casa), na segunda metade, nos ambientes portuarios e da emigración da América Latina, levamos a sensación de que o esquematismo responde ao descoñecemento dos ambientes recreados, a unha certa falta de dedicación ou se cadra á gana por rematar a novela máis que a unha decisión creativa consciente. A lectura da novela, por tanto, pode rematar con certa frustración, como se ao comezo se nos prometese unha cousa e ao final se nos dese outra sen que isto estea moi xustificado. Non obstante, coido que Santiago se mostra aquí cunha autora máis que hábil no crear universos literarios; é tamén certamente unha voz orixinal no que vén sendo o mainstream literario galego.

♦ A vida sinxela de Marcelo Firmamento, de Vanessa Santiago, Galaxia, 2017. 200 páxinas. ♠16€


Source: BIOSBARDIA

2018-11-15T08:55:40+00:00 15 / 11 / 2018|BiosBardia|