‘A rifa’ vs ‘Un barco caeu na area’

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘A rifa’ vs ‘Un barco caeu na area’

‘A rifa’ vs ‘Un barco caeu na area’

Iate. TUYDDATYGL/FLICKR.

Primeira xornada. Grupo A. Lois Z contra Ana Vigo. Tema: Barco sen dono.

A rifa

A Marela cagou un tiro raso axustado ao poste. Algúns cantaron gol con sorna. “Cinco mil metros de campo e a moinanta foino soltar na portaría”, rían as bancadas. A xente baixou para admirar a bosta. Roi o Cego viu unha salpicadura de merda na súa parcela e sacou a rifa da bulsa. “O iate é meu, o iate é meu! A tomar todos polo cu!”. Acompañou a súa declaración cun xesto obsceno dedicado ao respectable. Os árbitros estudaron o caso e non lle deron a razón. “Ás catorce cero oito o bovino deposita o produto baixo libre albedrío. Queda determinado previa inspección ocular que o emprazamento da defecación corresponde coa fracción pagada por don Xeitoso Mao Posta”.

O cagadoiro non levara máis dun cuarto de hora escaso. Nese tempo o árbitro expulsou a dous pagadores por chamarlle á vaca polo nome e a outro por ofrecerlle verzas desde a banda. Tamén houbo que desaloxar o tenente de alcalde por saltar ao verde con ansia viva de culminar el o traballo que lle correspondía á Marela.

Non caeu nada ben entre o ánimo dos participantes que o ganador fose o dono da vaca. Algúns atrevidos dixeron que a vaca estaba ensinada. Roi o Mudo chamou á revolta contra a autoridade. Os gandeiros botaron peito polo seu compadre. Tras a agarrada decretouse a repetición do partido, o trasacordo foi que o vinte e catro metros de eslora sería para o señor Mao Posta calquera que fose o resultado agás se o animal cagaba en idéntico lugar.

Puxeron a Marela de volta no círculo central. Comezou cuns toques en campo propio, escorouse e cambiou de orientación o xogo cara á esquerda. Paceu a banda ata a liña de fondo, caracoleou paralela á área de castigo e entrou polo bico tras dunha parede na frontal. Ripou algo de herba preto do punto de penalti e meteu os cornos na área pequena. Alí deu media volta e botou a bosta pola madeira abaixo. Fixo todo o mesmiño que a primeira vez. Os árbitros suspenderon o encontro. Houbo invasión de campo, os máis serenos arrincaban as cadeiras do sitio. A vaca durmía ao sol.

…………………………………………………….

Un barco caeu na area

Xurdira da nada, coma un espellismo dos que enganaban os viaxeiros que se aventuraban no deserto. Pero o barco era real.

Dende primeira hora da mañá, os curiosos achegáranse cunha mestura de desconcerto, medo e curiosidade. Non todos os días vivían un fenómeno paranormal coma aquel. Non había mar nin ríos en varias leguas á redonda, e non se explicaban como puidese chegar tan lonxe.

A nova corría de boca en boca, e cada vez acudían máis persoas a contemplar a aparición. Algúns atrevéronse a subir a bordo, sempre en grupo, na procura dalgún navegante que lanzase luz naquel misterio. Pero o barco estaba baleiro.

Algúns comezaron a ceder ante o nerviosismo. Insistían en que aquilo era cousa dos demos, que a solución pasaba por destruír o barco. Outros tentaban pensar unha explicación máis lóxica: sería algunha nova estratexia publicitaria, unha excentricidade do alcalde ou unha obra de arte. Uns poucos sostiñan que un grande animal mariño lanzara con forza a embarcación ata o lugar, e o resto, que era cousa dos extraterrestres.

Os rumores sobre a aparición do barco chegaron ata Shaira. A nena achegouse no luscofusco, cando xa non quedaba ninguén.

Imaxinara unha flamante embarcación nova e resplandecente, pero a que atopara en troques posuía un encanto especial. Ela tamén subiu á cuberta. Acariñou a superficie, curtida polo sol, o salitre e quen sabe que máis.

—De onde vés? —preguntou nun murmurio que non agardaba resposta. Sentou, coas costas apoiadas no pau maior, e pechou os ollos.

Imaxinou que voaba a bordo daquel barco caído do ceo. Os seus veciños trabucáranse; nin viña do espazo nin do inferno nin da imaxinación dun publicista. Coas mans en contacto coa madeira da cuberta, sentiu o perfume do mar. Viaxaba.

Viu como nun afastado país de nome impronunciable fabricaban o barco, e como o preparaban para a súa primeira viaxe. Este, desexoso de sentirse libre, comezara só a travesía, sen agardar por ninguén. Non quixera unha tripulación que dirixise o seu camiño, preferira descubrir o mundo por si só.

O barco percorrera máis de sete mares, e, non contento con iso, pedíralles ás gaivotas que lle aprendesen a voar. Xa instruído, puidera subir aos picos máis altos e internarse nas selvas máis mestas. Coñecera o amor a carón dunha graciosa avioneta, e a dor cando esta se estrelou pola ineptitude do seu piloto. Aquela desgraza afianzárao no seu convencemento de que o mellor era navegar sen seguir ordes. Nunca deixaría que ninguén o tripulase.

Ao amencer, a familia de Shaira e os seus veciños achegáronse con decisión ao lugar. A nena non volvera da súa saída nocturna, e xa tiñan pensado o castigo correspondente. Cando chegaron non había rastro nin de Shaira nin da embarcación. Esvaecéranse sen deixar pegada, rumbo ao descoñecido. A nena pedira viaxar co barco solitario, e este aceptara, persuadido de que ter unha compañeira era moi diferente a ter dono.


Source: BIOSBARDIA

2018-04-12T02:59:38+00:00 12 / 04 / 2018|BiosBardia|