‘A raíña das velutinas’, achegamento crítico á memoria histórica

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘A raíña das velutinas’, achegamento crítico á memoria histórica

‘A raíña das velutinas’, achegamento crítico á memoria histórica

Lionel Rexes.

Eva Moreda.

A raíña das velutinas (Xerais, 2017), de Lionel Rexes, premio Lueiro Rey de narrativa breve, desvíase gratamente nalgúns sentidos do que adoitamos atopar en novelas premiadas e primeiras novelas da nosa literatura. A historia céntrase nun grupo de simpatizantes do movemento de recuperación da memoria histórica que, guiados por un vello guerrilleiro, emprenden unha ruta polos antigos lugares da resistencia na parte do Valadouro. No último momento únesenlles dúas rapazas, Marta e Algaria, enviadas pola Xunta para realizar unha investigación sobre a praga das vespas velutinas. Axiña advertimos que esas rapazas non son o que parecen.

Rexes fía a intriga e a tensión imprescindibles nunha obra destas características ao uso dun narrador obxectivo en terceira persoa que actúa como unha cámara de cine: dá conta das accións (algunhas) e as palabras (algunhas) dos personaxes, pero non é omnisciente: non sabe dos seus pensamentos. Iso na teoría (boa e acaída teoría; se cadra un pouco reminiscente de máis a certas narrativas dos anos 30, 40, 50, 60, cando aínda se tiña unha fe desmedida no cine e os seus modos de contar), porque na práctica si atopamos o narrador dándonos información que unha cámara de cine non podería reflectir; por exemplo, os complexos que seica ten Marta debido ao seu peso. A quen le, pode resultarlle chocante que o narrador se mergulle no cerebro de Marta para contarnos algo relativamente trivial e non nos conte quen é ela en realidade e que fai no lugar, aínda que iso, por suposto, non nolo pode contar sen que se estropee o invento. Tamén diminúen o efecto deste narrador, sobre todo nas primeiras páxinas da novela, un uso errático das comas onde debería haber punto e coma ou dous puntos (“Aquelas maletas son novas e idénticas, elas visten tamén do mesmo xeito, chándal negro con franxas fosforescentes”) e unha certa ampulosidade que non casa ben co minimalismo que se pretende ou que lle acaería a este xeito de contar (“O globo de ar viciado no que moran aseméllase a aquel paquete de Ducados oprimido na man dereita do fumador”).

Así e todo, a narrativa vai avanzando axilmente e o misterio vaise tecendo de forma efectiva en torno a nós; é moi cinematográfico tamén o uso de escenas curtas centradas nun só personaxe ou en pequenos grupos deles, e así imos sabendo deste pequeno universo (fascinante en moitos sentidos) aos poucos. Non me pareceu, porén, que a anagnórise (o momento en que coñecemos o verdadeiro motivo que levou a Marta e Algaria a esa parte do mundo) estivese ben preparada: se cadra polas grallas ás que aludín antes no uso do narrador obxectivo, se cadra por falta de ir sementando pistas con algo máis de intención. A historia é certamente orixinal e, a pesar de todo, a anagnórise causa impacto en quen le, pero o ritmo podía ter sido levado doutro xeito.

Un dos aspectos máis interesantes é a crítica ao movemento de memoria histórica, que Rexes superpón sutilmente, de xeito orixinal, coa Transición, o cambio de réxime e as herdanzas que dese tempo arrastramos ata agora (e ata aquí podo ler). A crítica á memoria histórica é algo que non adoitamos ver nas nosas letras e confeso que nalgún momento sorrín maliciosamente cando Rexes compón os retratos (un tanto esquemáticos: pero se cadra era esa a intención) de certas persoas, non todas, que a nivel local adoitan estar neste tipo de movementos: maiormente persoal docente e xubilados con excelentes intencións, pero se cadra pouca sutileza ideolóxica e histórica e máis ganas de figurar ou de ter un hobby ca doutra cousa. Mesmo pensei en certo momento se a artificiosidade dos diálogos, que en principio considerara unha pexa (“Meu avó morreu nesta vila, hai menos de setenta anos, e non coñecemos a localización dos seus restos; porén, estes santiños, mortos hai séculos, asasinados cruelmente tamén moitos deles, teñen aquí un óso para que os fregueses poidan honrar o seu sacrificio”), non tería como obxectivo poñer en relevo, aínda máis, o carácter un tanto formulaico e ritualista con que algúns individuos, algunhas institucións, encaran este traballo de recuperación. Quedei coa dúbida, o que non ten por que ser malo. É máis, eu diría que esta dúbida é o pouso máis destacado da miña lectura desta novela: se cadra aínda non somos quen e estamos aínda buscando un xeito de articular esta crítica e de poñer en relación memoria histórica, transición e o noso presente de xeitos máis complexos e sofisticados do que ata agora se vén facendo. Para cimentar esta miña teoría, aí están Transición, de Pablo F. Barba (Doutor Alveiros-Urco, 2016) e Fin de festa, de Diana Varela Puñal (Laiovento, 2015): novelas moi diferentes entre si e á de Rexes, pero que se cadra poderían dar pé a un corpus literario que se afasta da memoria histórica considerada de xeito illado e busca entroncala co que veu despois; este corpus, de desenvolverse, podería ser interesante precisamente polo seu aquel de dúbida, vacilación e poliedria, en contraste coa uniformidade de poucos matices que tendemos a atopar nas novelas da memoria histórica.

♦A raíña das velutinas, de Lionel Rexes, Xerais, 2017. 152 páxinas. ♠17€


Source: BIOSBARDIA

2018-04-13T00:21:05+00:00 13 / 04 / 2018|BiosBardia|