A literatura galega e o grande estilo

Inicio/Blogs/BiosBardia/A literatura galega e o grande estilo

A literatura galega e o grande estilo

Máquina de escribir. SMLP.CO.UK/FLICKR.

Manuel Veiga Taboada.

O grande estilo é o que utilizan os escritores recoñecidos pola Academia. É o modelo de cómo se debe escribir, explicado nos textos escolares. Tamén é a forma dominante nas coleccións de clásicos das grandes editoras.

O grande estilo, como se deduce destas palabras, é unha creación do século XIX, paralelo á pintura que se refuxiaba nos heroes e nos motivos bíblicos. É a eclosión da burguesía que se quere parecer á nobreza.

Como se sabe, as vangardas viñeron para intentar destruír este concepto –pensemos, por exemplo, na escritura automática dos surrealistas–. Se non o lograron de todo, cando menos conseguiron que outros estilos, considerados menores até ese momento, fosen igualmente aceptados.

Pensar no grande estilo remítenos, de por si, a figuras ampulosas aínda que non desmedidas, a frases longas en novelas longas, nas que non se repite nunca unha expresión dentro do mesmo parágrafo e nas que se foxe dos verbos e das palabras de uso máis común.

O grande estilo é un clasicismo que separa a literatura da fala cotiá, sempre mestiza, sempre cambiante, e ese é o seu principal erro.

Pero o grande estilo é necesario como referencia, como medida. Cando existe un grande estilo temos con que compararnos. Podemos disentir, subvertelo. É o que fixo, conscientemente, James Joyce co inglés.

A creación dun grande estilo precisa, por dicilo así, dun imperio, como o que tivo o latín clásico ou o francés decimonónico. Joyce non facía outra cousa que enfrontar a fala dunha criada irlandesa coa elegancia da Inglaterra vitoriana. Valle-Inclán xogou sempre co estilo. Foi unha das súas maiores obsesións. Era un traficante de palabras, traídas de América ou entresacadas da fala das amas de cría dos pazos. Obvio é dicir que Joyce e Valle-Inclán déronlles músculo e flexibilidade ao grande estilo inglés e castelán. O grande estilo que non se moderniza acaba morto.

En galego non existe un grande estilo. Non podería habelo, por razóns que se deducen do escrito até aquí. Pero iso non quere dicir que os escritores galegos non intentemos construílo ou aproximarnos a el. Un grande estilo galego equivalería á nosa independencia artística, unha utopía.

Deixando á marxe a poesía medieval, o máis parecido que temos ao grande estilo é o alento longo de Otero Pedrayo. A poesía dos oitenta deu un gran salto adiante: refinamento léxico, flexións do idioma, temas non costumistas, ambición lírica, detallismo científico.

É sabido con canta conciencia actúan, ás veces, os escritores. Dante, na súa “De vulgari eloquentia”, traballou os dialectos italianos, palabra a palabra, como un fino ebanista ou como un escultor barroco, na busca da futura lingua común. Merece ser observado este esforzo, tanto pola súa minuciosidade, como pola súa expresión do bo gusto.

A medida que a cultura se estende e se difunde entre as clases baixas, o grande estilo debe necesariamente diversificarse. Non só hai protagonistas distintos senón tamén maneiras de ser diferentes. O mundo moderno transforma incluso a velocidade, apura o escritor que debe acelerar o ritmo. Dous drogadictos nun automóbil fan de Medo e noxo en Las Vegas, de Hunter S. Thompson, unha obra de estilo rápido e vibrante.

Suso de Toro, Antón Reixa e Lois Pereiro, e outros antes como Manuel Antonio, déronlle ao galego o que nunca queren darlle os conservacionistas da lingua. Isto é: vitalidade.

O grande estilo hai que telo en conta. E se non existe, dadas as nosas condicións culturais, debemos imaxinalo, debemos telo na cabeza, como unha lei non escrita. A partir de aí cada un pode forzalo, vulneralo ao seu modo, pero conscientemente.

Non serán as tramas, nin sequera as máis amenas, as que lle garantan a permanencia ao galego literario senón a capacidade para construír unha lingua elástica, en sintonía coas nosas mellores ruínas (“deixa a porta franca”, di aínda algún vello) e coas necesidades máis modernas.

A loita dos escritores galegos é a loita polo estilo, polo grande estilo.


Source: BIOSBARDIA

2017-12-22T07:55:43+00:00 22 / 12 / 2017|BiosBardia|