A infantilización da literatura galega e o seu perigo de desaparición

Inicio/Blogs/BiosBardia/A infantilización da literatura galega e o seu perigo de desaparición

A infantilización da literatura galega e o seu perigo de desaparición

cat-readingManuel Veiga Taboada.

Que a literatura galega está en perigo é unha evidencia: non hai público. O público capacitado e favorábel a ler en galego desertou ou nunca chegou a sumarse. Hai que preguntarse por que.

Certo que se producen libros, que existen premios e que a nómina de autores é máis ampla que nunca. Certo que hai editoriais que fan un esforzo considerábel de difusión. Pero o problema non está aí. O problema está en que todo iso que podemos chamar o noso sistema literario respira e vive en función do ensino, nunha porcentaxe alarmante. Fóra diso quedan as presentacións de libros, onde os amigos do autor exercen un mecenado que dificultosamente consegue xerar un número mínimo de vendas. As novas técnicas de impresión que facilitan a edición de tiradas moi pequenas son sen dúbida o elemento que evitou que a literatura galega dese xa en quebra, é dicir que se limitase a publicar narracións con destino exclusivamente escolar.

A desaparición do público, xa de por si historicamente escaso por razóns coñecidas, creo que ten que ver coa infantilización progresiva do estilo e dos argumentos. É dicir, o sector seguiu, cando menos en parte, unha estratexia equivocada.

Se aínda lle podemos dicir a un visitante exterior que a literatura galega existe é porque unha persoa que se chamaba Blanco Amor decidiu escribir A esmorga, sen pensar en absoluto no público que a ía recibir (minúsculo, en todo caso, dada a época) ou porque outra persoa, chamada Méndez Ferrín, decidiu escribir Arraianos, simplemente porque sentiu a necesidade interior de facelo, non porque o mercado llo demandase.

Estamos aquí ante un paradoxo que é propio da arte, aínda que non dos iogures nin do pan de molde. A arte que significa algo acaba producindo o seu público. A arte non se deseña como produto de consumo, aínda que pode acabar por selo e iso é, ademais, positivo e necesario. Pero o importante sucede ao principio. A creatividade é, por definición, estraña aos gustos presentes no momento no que nace, pero xera gustos que acaban formando un mercado.

Certo que os bos autores non aparecen cando un quere. Hoxe non temos un Casares nin un Cunqueiro nin os podemos fabricar. A propia literatura española está falta de virtuosos. E o mesmo sucede con algunhas outras literaturas importantes e ben amparadas, fronte ás cales, a galega, por dicilo con palabras de Galeano, non é máis que un neno á intemperie.

Necesitada a literatura galega dun bo arroupamento, e refírome aquí positivamente á escola, aos premios e ás ganas de escribir de moitas persoas, creo que o proceso non chegará non obstante a bo fin, nin sequera pode subsistir, sen literatura con maiúsculas. É dicir, sen autores de verdade, dos que arriscan a cambio de pouco, dos que deixan saír á luz o seu inconsciente.

A que se denomina literatura galega hoxe en día está demasiado preocupada por agradar, por facilitar o acceso dos lectores aos seus argumentos –sempre manexábeis e oportunos– e por iso mesmo se ve insincera, superficial e claramente superada por outros libros que compiten no mesmo mercado.

Hai que dicilo: a clave da literatura encóntrase nos autores, eles son os que crean. E aos autores hai que dicirlles que escribir non é un xogo fácil, precisa tempo, maduración, abrir as entrañas e, saber que aínda en caso de cumprirse todo iso, moi poucos chegarán a escribir un libro verdadeiramente importante ou, cando menos, significativo.

A proba do algodón da falta de seriedade de moitos escritores ante o seu propio proxecto –da súa infantilización, paralela á do resto do sistema– está en que apenas len. Cando se lles pregunta polas súas lecturas, a maioría acostuma citar dúas ou tres novidades da mesma editorial na que editan ou doutra similar, quizais porque esperan recibir un tratamento recíproco.

Críanse pequenas redes. Pero alguén se preocupa dos seus propios libros? ¿Alguén lembra que a orixinalidade é un principio básico que vai necesariamente unido á palabra literatura? ¿Alguén está disposto a narrar algo que o individualice, en lugar de intentar regalarlle supostos caramelos a un público a estas alturas perfectamente informado dos perigos da diabete? De verdade cremos que non existen lectores adultos? Porque, de ser certo que non existen, tampouco se venderían outros libros e ninguén entraría nas librarías.

2017-03-15T08:48:19+00:00 16 / 02 / 2017|BiosBardia|