A fonopostal de Castelao

Inicio/Blogs/BiosBardia/A fonopostal de Castelao

A fonopostal de Castelao

Castelao falando en público diante dun micrófono.

Eva Moreda.

Coñécese relativamente (aínda que sexa só porque é a única traza que nos queda da súa voz) a gravación que Castelao realizou en 1941 en Bos Aires, en español, para ser reproducida a modo de saúdo na estrea d’Os vellos no deben de namorarse no Teatro Solís de Montevideo. O que xa se coñece tanto ou non se lle presta tanta atención é o curioso soporte en que se realizou: a fonopostal. Este sistema permitíalles aos usuarios gravar, nas oficinas de correos ou en habitáculos construídos ad hoc, mensaxes de voz en discos de 78rpm que logo se enviaban por carta nun sobre especial. Así, a Arxentina tiña o seu propio servicio de fonopostais chamado Fonopost, do que se serviu Castelao, e outros países contaban con servizos equivalentes.

Pouco se lembra ou se sabe hoxe en día das fonopostais, e xusto para cubrir esa lagoa apareceu hai uns anos Phonopost, un proxecto das universidades de Princeton e Libre de Berlín que xa contén varios curiosos exemplos dixitalizados desta práctica. Os responsables do proxecto argumentan que xusto se sabe pouco delas – a pesar de térense usado en volumes considerables entre os anos 30 e 60 do século pasado – porque non rematan de encaixar coas nosas ideas do que deberían ser e para que deberían valer as tecnoloxías de gravación de son. Xa Edison cando inventou o fonógrafo en 1877 predicía algo semellante á fonopostal (e outra morea de usos, digamos, pragmáticos e comunicativos: en oficinas, en xulgados, etc.) pero non se lle pasaba pola cabeza que o novo invento fose acabar dedicado maioritariamente á gravación e reprodución de música para fins de ocio. Estes usos, en efecto, impuxéronse nas primeiras décadas do século XX e seguen dominando en gran medida a nosa visión das tecnoloxías de gravación, pero a aparición de fenómenos como a fonopostal lémbranos que non tiña isto por que ser así nin era unha inevitabilidade histórica que xa se perfilaba desde que Edison gravou o seu famoso Mary had a little lamb.

Outra posible razón para o esquecemento no que caeron as fonopostais era o seu carácter normalmente privado, íntimo, doméstico: non parecía que merecerse escribirse unha historia dunha serie de mensaxes que, non sendo para quen as grava e as recibe, resultan en último termo bastante banais. Seméllame, porén, que aquí a fonopostal de Castelao podería revestir un carácter único nalgúns aspectos que de seguro merece atención entre nsós e fóra: non sei ata que punto noutros países haberá fonopostais que transcendan o interese puramente doméstico e poidan aspirar a ocupar un espazo simbólico non pequeno no que podería considerarse a historia nacional, ou mesmo a historia sentimental nacional.

A fonopostal de Castelao convida tamén a pensar, se cadra, nunha historia da cultura galega enfocada desde a perspectiva do son gravado, musical ou non. Aí está, por exemplo, a Muñeira (sic) dun tal señor Campos: seguramente unha das primeiras gravacións de música nosa, feita non en Galicia, senón en Madrid por La Fonográfica Madrileña, un de tantos gabinetes fonográficos establecidos no Estado e producindo as súas propias gravacións cuasi-artesanais ata que foron varridos pola chegada das multinacionais a partir de 1903, que xa gravaban en disco de gramófono.


Source: BIOSBARDIA

2018-11-22T01:06:30+00:00 22 / 11 / 2018|BiosBardia|