‘A carracha vienesa’ vs ‘Parasitismo ilustrado’

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘A carracha vienesa’ vs ‘Parasitismo ilustrado’

‘A carracha vienesa’ vs ‘Parasitismo ilustrado’

Carracha. RYSZARD/FLICKR.

Nos cuartos de final, Lois Z fronte a Fran Castiñeira. Tema: ‘Carrachas’.

A carracha vienesa

–Picouche algún becho en Madrid?

O meu marido Fredo encolleu os ombreiros. Vestía só o pantalón do pixama, lucindo ximnasio e dieta sa, pero no seu lombo destacaba un eritema que parecía a picada dalgún insecto. Insistín en que fose a ver o meu compañeiro o doutor Sequeiros, un dos mellores en Infecciosas, pero negouse ao seu xeito: «Non te preocupes, Carlos». Típico del, deixarme quedar como un neurótico.

Esta conversa quedaría esquecida se Fredo non se erguese dous días máis tarde con febre. Tentou ir traballar pero tivo que volver axiña. Dixo que se cadra collera a gripe en Madrid, onde estivera a semana anterior por un congreso. Pasaron tres días máis e a febre non baixou, e farteime:

–Abonda. Se mañá segues con febre lévote a Sequeiros.

Cedeu e ao día seguinte foi pola súa conta. Non era a miña especialidade (son anestesista), pero pola miña parte funme informando en libros. Fredo recibiu antibióticos e antipiréticos e colleu unha baixa.

Esa tarde atopeime con Sequeiros no hospital, el mesmo me preguntou como andaba o meu home. Aínda non sei con que intención, pregunteille que qué pensaba da picada do lombo. Puxo unha sincera cara de abraio: Fredo non lle falara da picada. Recomendoume que o convencera para volver á consulta.

Eu sabía que Fredo me mentía en algo, e o que estaba a coñecer coas miñas pescudas sobre a picada enchíame o maxín de historias. Ata que entendín que só había unha historia posible.

–Fredo, dime a verdade.

Estaba deitado na cama por quinto día consecutivo.

–Sei que me enganaches. Gustaríame rifar contigo e torturarte psicoloxicamente mentres estás aí doente. Pero quérote demasiado –el mirou estrañado– e penso que a túa vida corre perigo, só porque es covarde de máis para confesalo, ou para non ferirme, tanto ten.

–Non quería magoarte. Funche infiel en Madrid e agora creo que teño algo de transmisión sexual.

–Non tes nada venéreo, idiota. Picoute unha carracha de campo –miroume abraiado– e pasouche unha doenza. Onde estiveches?

–En Madrid.

–Esas carrachas non pican por aquí nin en Madrid senón…

–Basta. Direicho.

Tragou cuspe.

–De Madrid voei a Viena. Vémonos desde hai medio ano. Chámase Dagmar.

–Quen, a carracha?

–Carlos…

–Non, perdoa, tes razón. Non hai tempo para isto, para liortas e reproches. Podes estar gravemente enfermo.

–Só queres asustarme…

–Escóitame ben, isto é serio. En Centroeuropa as carrachas transmiten unha meningoencefalite moi grave e incurable. Pode matarte ou deixarche secuelas neurolóxicas moi graves e non estás vacinado. Tamén transmiten outras enfermidades, como a borreliose, que si son curables e poida que sexan o que estás pasando. Veremos logo que pasa connosco e co tal Dagmar. Agora levareite a Urxencias, téñente que diagnosticar rápido.

Miroume cheo de dúbidas. Díxenlle:

–Prefiro que te divorcies de min a verte morrer. Imos para Urxencias. Agora.

Asentiu. Mentres se erguía pesadamente pola febre, corrixiume:

–Dagmar é nome de muller.

……………………………….

Parasitismo ilustrado

Tadeo premeu «enviar». Enseguida apareceron as dúas marquiñas verdes ó pé da foto. Engadiu: Agora tócache a ti. Mándame as túas tetas. Na conversa do whatsapp campaba a súa pirola, ergueita e inchada coma o tronco dun baobab. De alí a un cachiño apareceu a devecida imaxe na pantalla. «Lavirgen, vaia ubres». Tadeo tecleou a toda présa unha prole de verbos húmidos e transitivos, era un fetichista dos peitos. Como me gustaría que estiveses aquí. Lucy respondeu entusiasmada. O aparvado do meu home está fóra toda a finde. Pódome achegar nun cacho. Tadeo batía palmas coas orellas. Estaba quente coma un roxón. A rapaza ía conducir de Curtis a Santiago só para foder con el. Presentáraos unha amiga común nas festas da Ascensión. A súa moza estaba de Erasmus e xa faltaba pouco para rematar o curso, había que aproveitar. Cando Tadeo lle abriu a porta do piso recordou por que Lucy fora a súa terceira opción daquela noite. El estaba afeito a deitarse coa que quería. Non pasaran de sobarse un pouco mentres tocaba o Combo. Foron ó cuarto e espíronse. Non se detiveron en preliminares. Ela púxose a catro patas e dixo que só por atrás. Tantas ansias amolárono. O que debeu ser gozo, para Tadeo foi un traballo. Nesa postura nin sequera lle vía as tetas. Culminou por facerlle un favor. Ó rematar quedaron tombados na cama un anaco. El colleu o móbil. Lucy estaba moi laverca e non calaba. Buf, coller o coche agora tan tarde, que pereza, soltou ela. Tadeo sentiu un calafrío pola res arriba. Pasaban os minutos e non marchaba. Tivo que pasar ó ataque. Mira, por que non quedas aquí esta noite? Eu vou durmir ó sofá. Ela protestou, que por que non ían durmir os dous na cama tranquilamente, que era grande abondo. El estaba preparado. É que estou raiado. Dei en pensar na miña ex e prefiro ir para o sofá. Lucy xa non contestou, vestiuse e recolleu as súas cousas. Tampouco che pedía que me abrazases e me acariñases o pelo, eh? Joder. Se ías estar con esa cara mellor marcho. El púxose á defensiva. E logo que cara teño? A ver, veña, se queres durmimos xuntos e así pola mañá de paso chúpasma. Lucy respondeu dando un portazo que a Tadeo lle soubo a vitoria. Que ganas tiña de que marchara. Nin o nome lle gustaba. Lucy. Pobre do seu home. El aspiraba a máis, non se explicaba como puido caer tan baixo. Durante a ducha prometeuse non volver foder por whatsapp. Cambiou as sabas e botouse na cama. Colleu o móbil e abriu a foto das tetas de Lucy. Sen quitarlle ollo empezou a masturbarse. Apareceu unha mensaxe na pantalla. Segue en pé o de chuparcha mañá? Amolouno a interrupción, pero detívose a contestar. Vale, pero esta vez mellor vou eu á túa casa.

 


Source: BIOSBARDIA

2018-05-17T03:00:33+00:00 17 / 05 / 2018|BiosBardia|