‘A arte de trobar’, narrativa ben mastigadiña

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘A arte de trobar’, narrativa ben mastigadiña

‘A arte de trobar’, narrativa ben mastigadiña

Santiago Lopo amosa o Premio Xerais. MANUEL G. VICENTE.

César Lorenzo Gil.

A arte de trobar, de Santiago Lopo, gañou o Premio Xerais 2017. É unha novela ambientada no século XIII, en dous ambientes intimamente relacionados: as vivencias dunha compañía de titiriteiros e músicos que aproveitan a ruta do Camiño Francés cara a Compostela para gañar a vida fronte ao proceso de represión do movemento cátaro en Occitania, ao cargo da flamante Inquisición ao servizo do Papa e un grupo de nobres, principalmente chegados da Picardía, Flandres e outras rexións atlánticas, para ocuparen o lugar da aristocracia local acusada de herexía. Estes dous universos únense principalmente mediante a figura dunha trobadora provenzal que se refuxia entre os músicos peninsulares. Esta personaxe serve de condutora do terceiro nivel da novela: describir o movemento literario e musical que hoxe coñecemos como trobadorismo galego-portugués medieval.

Lopo presenta nesta obra unha novela de mínima (ou ningunha, en realidade) ambición literaria. A súa construción está manifestamente enfocada a dous grupos de posibles lectores: os profesores que nos institutos han escoller as lecturas recomendadas e os fans da novela histórica moi accesible. Nese sentido, o libro cumpre a súa función. Non vai desencantalos igual que non o fixo coa maioría do xurado do Xerais.

Seguindo a liña doutras novelas de institutoA arte de trobar pode “venderse” como “unha ferramenta didáctica ideal, por entretida e doada de entender, para explicarlle ao alumnado o fenómeno das cantigas galegas medievais, nun contexto de violencia relixiosa en Europa, represión da arte creada polas mulleres e proliferación do fanatismo relixioso para conseguir cambios que son principalmente económicos e políticos”. Entrecomiño esta definición por se xa aparece así tal cal nalgún catálogo dos comerciais de Xerais que visitan os centros de ensino.

O problema de construír non unha novela do século XXI senón unha especie de unidade didáctica de ficción é que se engaiola a imaxinación. Nesta novela non se nota nunca a pluma (ou o teclado) en liberdade. Todo está medido para o seu público potencial. Ao final do libro teñen que estar presentes todos os valores, todas as estratexias para que do tema que nos ocupa non haxa ningunha dúbida, ningún fío solto. Lopo, loxicamente, propón a súa propia hipótese, pero en realidade non arrisca: simplemente estivo atento á necesidade pedagóxica de reivindicar (con sobradas razóns) o papel da muller no progreso das artes e explora ese camiño para que haxa unha pincelada novidosa no seu achegamento ao tema principal da novela. Mais esta obra renuncia a crear un novo contexto histórico, non é un libro que abra debate. Porque non está documentado, porque non hai nin unha conclusión nova á que chegara o autor. O libro simplemente fai unha representación, un teatriño de monicreques e monicrecas a base de personaxes e situacións clixés mais nunca fóra do paraugas do paradigma deses valores de instituto aos que lle é fiel.

Na técnica, a preocupación é a mesma. A arte de trobar ten que ser lixeiro. De aí os capítulos moi curtos, as escenas practicamente sen descrición, os diálogos como motores da trama. Pura narración en punto morto co habitual exceso de adxectivos e de frases feitas. “Unha suor fría percorrera a espiña dorsal de Guy de Lille” (p. 30).

Os diálogos están pesimamente escritos. Lopo nin buscou remedar os modos medievais nin superar a suspensión da credibilidade propoñendo diálogos de hoxe en día (como se estila nalgunhas novas series de TV ambientadas no pasado e en moitas novelas históricas de calidade). Ao final, o resultado é unha composición “oral” irreal, ben discursos empezoñados co peor da linguaxe administrativa ben frases de continuidade cuxa única función parece ser a de encher páxinas.

A arte de trobar é unha novela que coido que fracasa no seu intento de atraer os amantes da novela popular de xénero histórico. Primeiro, porque como dixen, a obra ten como prioridade o público escolarizado e as férreas regras do rodicio das lecturas recomendadas. E logo porque para ter éxito como novelista popular de xénero, hai que traballar. Moito se falamos de narrativa histórica.

No libro hai ducias de erros. Non houbo asesoramento histórico e nótase en fallos demasiado evidentes, como o mal uso das datas das kalendas. A contextualización do conflito cátaro é moi básica. Por certo, para achegarse a ese momento cunha óptica claramente de novela popular, recomendo El-rei pastor, do portugués Sérgio Luís de Carvalho.

Lopo aposta polo seguro: unha historia de bos e malos onde os malos son malísimos. Ademais, téñeno todo: son ambiciosos, racistas, desfrutan co sufrimento alleo, teñen apetitos incontrolables e malia moitos deles seren relixiosos, nin unha chisca de conciencia nin moral. E como a novela non ten maior estrutura que os seus personaxes, non ten outras calidades que compensen este pueril maniqueísmo.

♦ A arte de trobar, de Santiago Lopo, Xerais, 2017. 224 páxinas. ♠17€

 

 


Source: BIOSBARDIA

2018-03-16T08:22:16+00:00 16 / 03 / 2018|BiosBardia|