‘Invierno’, unha historia de amor, soños e vellez

Inicio/Actualidade Literaria/‘Invierno’, unha historia de amor, soños e vellez

‘Invierno’, unha historia de amor, soños e vellez

En Invierno, publicada por Gatopardo, Christopher Nicholson cóntanos a relación entre o escritor Thomas Hardy, a súa muller Florence Dugdale e a actriz Gertrude Bugler. Hardy, xa ancián, namórase dunha maneira obsesiva de Bugler, que naquela altura estaba a interpretar a personaxe de Tess, creada polo escritor.

O principal tema de interese da novela é reflexionar sobre a xestión do desexo na vellez. Como a mente continúa a crear paraísos posibles en vida mentres o corpo se vai esgotando.

Nicholson crea unha obra de moito interese grazas á súa capacidade para poñer a técnica narrativa ao servizo da novela. Un narrador omnisciente intercálase coa narración en primeira persoa de Dugdale. Esta duplicidade enriquece moito a lectura e permite non só achegarnos ao máis íntimo dun personaxe real, un literato moi coñecido das letras inglesas, senón que tamén se nos permite achegarnos ás vivencias da súa muller, un relato moi interesante sobre os sacrificios das compañeiras dos artistas, máis nun tempo onde era común que as mulleres non tivesen nin voz nin voto.

O autor londiniense non só destaca na creación dos personaxes senón que é capaz de dotar esta novela dunha atmosfera irrepetible. O título é acaído non só polo inverno simbólico que se nos relata senón porque consegue engaiolar os lectores coas súas potentes descricións dun inverno real, un inverno na década do 1920 onde sentimos o frío, o rumor das follas mortas, a xeada sobre a herba, a necesidade de abrigarnos, pór unhas boas botas e camiñar polas vereas enlamadas.

Aproveita para: Ler a Hardy. En galego Hugin e Munin publicou Jude, o escuro. Outras obras interesantes son Tess de los D’Urberville, Remedios desesperados ou Unos ojos azules.

 

 

2018-02-01T10:14:10+00:00 01 / 02 / 2018|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario